As eleccións lexislativas celebradas en diversos países europeus saldáronse con bos resultados para as forzas de esquerda, enfrontadas máis unha vez ás trampas do bipartidismo e os apelos ao voto útil dunha socialdemocracia claudicante.

Un dos ascensos electorais máis significativos foi o do Bloco de Esquerda en Portugal, acompañado dun aumento menor da CDU liderada polo PCP, que perdeu posicións relativas –converteuse na quinta forza parlamentar- pero gañou votos e escanos. Ambas forzas centraron o seu discurso na oposición ás políticas de dereita exercidas polo goberno do PS en maioría absoluta, reclamando ruptura, nacionalización dos principais sectores económicos, unha alternativa social á crise económica e a revocación dunha lexislación laboral á medida da patronal. Como colofón, o PS perdeu a maioría absoluta e a dereita foi incapaz de superalo.

Pola súa parte, Die Linke (A Esquerda) logrou xunguir diferentes familias e tradicións políticas en Alemaña, dos sucesores do Partido Socialista Unificado da RDA aos escindidos do SPD, entre outras, nun proceso non exento de tensións no día a día, amortecidas polo interese común en impulsar unha alternativa. En Alemaña, a socialdemocracia chegou non só a practicar políticas de dereita (como toda a do resto do continente) senón que mesmo cogobernou coa CDU. A consecuencia foi que o SPD acadou os peores resultados electorais da súa historia, mentres Die Linke, oposto aos recurtes sociais, á política económica neoliberal ou as misións militares no estranxeiro, acadaba o mellor resultado da súa curta historia, cun 12% dos votos e 76 actas de deputado (pisando os calcañares dos liberais do FDP e superando aos verdes) e consolidábase como principal referencia da oposición.

Mentres, nas eleccións adiantadas de Grecia triunfou o PASOK, que volverá poñer un Papandreu, neto e fillo de dirixentes políticos, á fronte do país. Non obstante, tanto os comunistas do KKE como a coalición de esquerdas Syriza descenderon os seus apoios a respeito dos comicios de 2007, nun contexto de forte presión do voto útil contra a crise da dereita gobernante, que tivo que adiantar os comicios e foi finalmente desprazada do executivo. Ambas forzas sinalaron que os resultados non reflicten a intensa mobilización social dos últimos anos, de xeito que previsibelmente conducirán a un cambio de goberno pero non de políticas. Con todo, tanto KKE como Syriza afirmaron saír reforzados do proceso, ao se manter nuns niveis de apoio máis altos que os de hai cinco anos (do 5,89% ao 7,54%, e do 3,26% ao 4,59%, respetivamente), e anunciaron que a loita continuará desde a oposición.

Aos casos citados habería que engadir aínda o chipriota, onde o AKEL, que conceden particular énfase á reunificación da illa e á fin da ocupación turca, gañou a presidencia no ano pasado, converténdose no único Estado membro da EU gobernado por un comunista.

Aínda que se trata de países e realidades moi diferentes, o certo é que existen moitos pontos en común: a socialdemocracia europea segue a presentarse a si propria como a única alternancia posíbel ás forzas máis abertamente conservadoras, pero sempre para desenvolver políticas continuístas; un exemplo inmellorábel é o caso alemán, onde sectores do SPD víronse forzados a abandonar o partido durante a reforma neoliberal do goberno Schröeder, para confluír en Die Linke. En contra desta tendencia, o traballo consecuente e de base das forzas de esquerda logra minar a credibilidade dos políticos do sistema e acadar un maior respaldo eleitoral e social, contra a lóxica perversa do voto útil ou o desencanto paralisante coa política institucional. Non é certo, como dan a entender os meios de comunicación social, que as forzas de esquerda teñan un papel irrelevante ou marxinal nos parlamentos europeus. Ao contrario, a proposta política reformista e resignada ante o sistema está xa esgotada, se é que non o estivo sempre, e a alternativa de esquerdas, a favor dos pobos e as clases traballadoras, segue vixente e é a única capaz de combater as políticas e a hexemonía da dereita: o vello espectro segue a percorrer Europa.