“Ninguén poderá ser arbitrariamente privado do dereito a entrar no seu proprio país”

(Pacto Internacional de Direitos Civís e Políticos da ONU)

O último mes de Aminatou Haidar, e en particular o penoso episodio do retorno frustrado á súa patria, resume máis de trinta anos da actuación española no relativo á sorte da súa antiga colonia: complicidade e tratos vergoñentos con Marrocos, boas palabras e esquecemento do pobo saharaui, dos seus dereitos nacionais, cívicos e políticos, pero tamén dunha situación de lenta agonía.

Por outra parte, a intención do Estado Español de alimentar forzosamente a Aminatou demostra máis unha vez o profundo défice democrático do réxime xurdido da reforma do franquismo, cuxos fastos commemorativos do 31 aniversario veñen de celebrarse. Aínda que o goberno do Partido Socialista queira revestir esta medida de preocupación pola saúde da activista, en realidade queren así vencer a dignidade de Haidar e quebrar a única medida de protesta –a folga de fame- que lle resta a unha persoa que non cometeu delito algún, sen molestar ao seu socio marroquino.

O BNG amosou a solidariedade con Haidar –cun encontro solidario do Portavoz Nacional no aeroporto de Lanzarote- e xa anunciou que activará os seus resortes institucionais e esixirá responsabilidades ao Ministerio de Asuntos Exteriores pola súa inoperatividade absoluta e por xogar coa situación persoal de Haidar no fallido retorno ao Sáhara. Ademais, a fronte patriótica reclamar máis unha vez o recoñecemento do dereito de autodeterminación deste pobo, chamamento democrático ao que adherimos firmemente.

Por sorte, Aminatou Haidar tamén simboliza moito máis para os movimentos anti-imperialistas do mundo: a convicción dun pobo que sabe que, como todos, só vencerá se loita. De feito, o Fronte Polisario xa anunciou que de producirse a morte desta loitadora saharaui estaríanse debilitando gravemente os argumentos que sosteñen a vía pacífica con Marrocos, ensaiada de xeito infructuoso desde hai lustros, con reiterados incumprimentos das distintas resolución das Nacións Unidas, máis unha vez papel mollado. O Polisario non está só: sabe que as distintas forzas de esquerda consecuente exercerán os principios internacionalistas e apoiarán as súas decisións e o camiño que lexitimamente escollan para rematar coa ocupación e acadar a independencia, mesmo o retorno á loita armada.