Como servizo público, a sanidade pública usténtase na equidade e na redistribución económica e ten por definición un carácter universal. Porén, este sector ten problemas mil veces denunciados, en particular unha lentitude que irrita amiúde.

Non obstante, os distintos gobernos do noso entorno non só teñen desoído as solucións lóxicas a estes problemas, plantexadas desde os profesionais e os doentes, como o aumento do gasto público que redunde nun redimensionamento dos planteis e das estruturas. Moi ao contrario, mesmo teñen proposto a cesión ao sector privado dos servizos máis rentábeis, argumentando unha maior eficiencia, nunha liña que agora retoma a Xunta. Así, o sector público segue a ofrecer enormes posibilidades de expansión ao capital, mesmo neste ámbito que representa unha conquista social histórica. Non obstante, non é certo o mito da maior eficiencia, senón ao contrario, e o custo económico e social deste camiño de privatización é moi superior a medio e longo prazo.

Negocio para uns poucos, hipoteca para os demais

As peores sospeitas sobre o goberno popular e a súa concepción da sanidade confirmáronse ben pronto. A Xunta de Galiza rexeita os compromisos adquiridos polo anterior goberno en case todas as áreas, e esta non é unha excepción. O goberno autonómico encomendará a unha empresa privada a redacción de proxecto, edificación, dotación de equipamento, explotación e mantemento do novo Hospital Único de Vigo durante tres décadas, segundo o aprobado en decembro no Consello da Xunta. Esta decisión -dase a sospeitosa coincidencia de que a empresa que redactou o plan funcional deste novo hospital ten a sede no mesmo edificio que a sucursal do PP na Galiza- concretarase nos próximos días ao se publicar os pregos de prescrición técnica. Aínda así, Sanidade asegura que a xestión será pública.

No caso de Pontevedra, a Xunta tamén desbotou un proxecto anterior -de ampliación de Montecelo- e anunciou un novo centro sanitario en Monte Carrasco (Marcón), tamén con financiamento privado. Sanidade volveu asegurar, nunha auténtica cuadratura do círculo, que a xestión sería “cento por cento pública”.

Deste xeito, o goberno de Feijóo desoe tanto a mobilización, de máis de 15.000 persoas que percorría en Outubro as rúas de Vigo, como as esixencias dos concellos da área sanitaria de Pontevedra (con acordos asinados e publicados no DOG, convertidos en papel mollado).

Máis unha vez, un goberno da Xunta non dubida en converter servizos públicos esenciais en fonte de gaño para a grande patronal mesmo se ten que hipotecar a todas as galegas e galegos durante os vindeiros 30 anos, segundo o prazo previsto para o Hospital de Vigo. Podemos intuir que a concesión rematará nas mans dun conglomerado empresarial de bancos e construtoras, dado o alto investimento preciso, as dificultades para acadar tan inxente financiamento e as estreitas relacións da esfera da construción e das finanzas cos partidos políticos do sistema (e nomeadamente co PP).

Evidentemente a empresa interesada non só non pretende perder cartos para atender altruistamente á cidadanía, senón gañalos. Xa que (de momento) a atención segue a ser gratuita, non lles queda máis remedio que gañar cartos por medio do aforro do que reciben. Deste xeito, o hospital privado recibirá un oneroso canon da administración que cede chan público a unha empresa privada e despois “alúgase” os seus servizos. Por poñer un exemplo xa vixente, a Xunta concederá 37,2 millóns a 3A Recoletas durante 13 anos para que xestione o Hospital de Bos Aires, xa construído e recentemente privatizado.

A clase traballadora non só continúa a pagar por medio dos impostos -de forma máis encuberta e ano tras ano- o custo do hospital, en contra do que nos quere facer crer o goberno, senón que terá que pagar unha cantidade seis ou sete veces maior para así satisfacer o ánimo de lucro.

Na súa defensa, a Xunta de Galicia chegou mesmo a recorrer á crise económica e argumentar que non ten orzamentos para acometer a obra de Vigo, cifrada nuns 300 millóns de euros (no caso de Pontevedra, valorado en 180, aludiron a outras razóns para xustificar o cambio de proxecto). Sen embargo, Feijóo non explica porque non pode recorrer ao endebedamento público, non só porque é preciso para unha necesidade social tan evidente, senón porque ao cabo é unha opción moito máis económica,. En todo caso, este endebedamento tería como obxetivo sufragar unha cantidade ben inferior ao que representa por exemplo a Cidade da Cultura no monte Gaiás, que ao parecer si é considerada unha atinada prioridade de gasto.

En realidade, o proxecto do goberno Feijóo non só non é un aforro nin un exemplo de austeridade institucional, senón que representa unha hipoteca pesada para o noso futuro, xa que os orzamentos da sanidade pública estarán condicionados durante as tres próximas décadas polo pago deste canon anual.

Tampouco inventa nada o desgoberno que padecemos. Noutros estados xa se vén aplicando o modelo PFI (Private Finance Iniciative, Iniciativa Privada de Financiación, moi semellante ao que quer aplicar o PP en Galicia) desde hai máis anos, o que xerou grandes escándalos como o fracaso de proxectos que tiveron que ser rescatados despois pola administración, diferencias xigantescas entre os orzamentos iniciais e os costes finais das infraestruturas ou peches de servizos.

No caso do Reino Unido, onde o modelo PFI comezou hai tres lustros -fundamentalmente impulsado polos laboristas, que foron máis lonxe do que soñara Margaret Thatcher a pesar de telo criticado desde a oposición- as consecuencias económicas son máis evidentes. Un estudo da Universidade de Edimburgo[1] afirma que os proxectos previstos suporán un fluxo de diñeiro público cara aos consorcios privados de 100.000 millóns de euros nos próximos trinta anos, só en Inglaterra: seis veces o importe do investimento orixinal. Non é de estrañar que neste país se refiran aos PFI como “mercar casas con cartón de crédito”.

Outra das causas que explican o maior custo destes hospitais son as inxentes cantidades de recursos públicos que os gobernos teñen que dedicar ao rescate en caso de quebra. Moi significativamente, no Reino Unido as empresas só se decidiron a adentrarse de cheo goberno de Tony Blair garantiu este rescate. No País Valencià, outro dos modelos que inspiran á nosa Consellería, temos un bo exemplo. O Hospital de Alzira, que atende 230.000 persoas, foi concedido a unha Unión Temporal de Empresas, á que o goberno autonómico entregaba 47 millóns de euros ao ano. A UTE perdeu máis de 5 millóns de euros durante os catro primeiros anos, polo que a Conselleria rescatou o hospital e convocou un novo concurso, incluindo a Atención Primaria entre o privatizado e mellorando as condicións económicas para a empresa privada. Anteriormente, o goberno valenciano tivo que abonar case 70 millóns de euros á concesionaria para compensar o investimento realizado e aínda indemnizar o lucro cesante dos seis anos de explotación que faltaban. Así calquera fai beneficios. En realidade, foi todo un apaño legal para poder realizar a mesma adxudicación nunhas condicións máis vantaxosas: púxose como condición que a nova concesionaria tería que pagar 72 millóns de euros á Conselleria, e a mesma UTE que quebrara gañou o novo contrato, cun canon anual maior e con toda a Atención Primaria nas súas mans. no negocio cando o

A operación é simplemente perversa; por unha parte, o goberno popular garántese á construción do Hospital á vez que se gaba de austeridade ao deixar fóra do balanzo xeral, a efectos de débeda e défice, os custos das novas infraestruturas; como é obvio, os compromisos de pago por parte da administración son firmes, polo que os fondos públicos estarán hipotecados durante toda a concesión, o que á súa vez engade novas dificultades para posteriores obras necesarias dentro da planificación sanitaria do futuro. Sen embargo, o goberno pode tentar enganar a opinión pública ao presentar un orzamento “equilibrado” á vez que incrementa as infraestruturas, xa que transfire aos gobernos do futuro o desgaste político dos custos. Toda unha lección de irresponsabilidade que representa unha auténtica bicoca para as macroempresas involucradas, que poden superar un contexto de crise económica e de inseguridade ao se adentrar nun mercado xigantesco -xa que desgrazadamente todo o mundo pode enfermar nalgún momento da súa vida-, máis lucrativo que os contratos tradicionais e máis que seguro, xa que está sustentado con fondos públicos e garantido durante varias décadas. E se aínda así quebra, virá o Estado para pagar as incompetencias do empresario.

En definitiva, e contrariamente ao propugnado polo PP, non son as construtoras e os bancos os que se transforman en xenerosas financieiras da administración, preocupadas polas carencias sanitarias e desexosas de cooperar na modernización de infraestruturas inalcanzables doutro xeito. É á inversa: é a administración pública a que restrinxe o gasto público en investimentos sociais necesarios -de rendabilidade social ou colectiva- para financiar a estes sectores, aos que agasallan cos servizos públicos dos que depende á nosa saude, aos que inxectan os cartos que saen dos nosos petos, e aos que autorizan para precarizar e reorganizar a sanidade para poder garantir o seu lucro.

Por outra parte, este modelo compromete a calidade e cantidade do emprego da sanidade pública, xa que as empresas participantes tentarán introducir relacións laborais precarias e modificar á baixa as condicións de traballadoras e traballadores, e así reducir custos. É evidente que as contratacións non contarían coas garantías e procedementos propios da administración, o que plantexaría novos problemas á hora dunha hipotética reversión futura á rede pública, como xa aconteceu coas infaustas Fundacións Sanitarias impulsadas por outros gobernos do Partido Popular en Galicia.

Outro camiño da concesionaria para aumentar as súas plusvalías será a explotación directa de servizos ligados ao hospital (fronte ao modelo dos centros públicos, no que só se externalizan algúns específicos, como limpeza, cociña ou mantemento), cobrando por algúns e reducindo custes do que gastaría a administración noutros. Polo momento, a xerencia actual do Chuvi xa anunciou[2] aos representantes sindicais que deixará en mans de empresas privadas servizos como os de lavandería, lencería, cociña, xardinería, xestión enerxética, seguidade, transporte interno e externo, auga, reprografía, gardería infantil e aparcamento, sen pecharse á privatización doutros servizos. Deste xeito, suprímense todas as listaxes de contratación e Oferta Pública de Emprego desas categorías, e todo o persoal fixo da plantilla será reclasificado en novos servizos. En Madrid mesmo comezou a privatización dos primeiros servizos sanitarios (os laboratorios), de xeito que é previsíbel que tamén aquí se abra esta porta no futuro.

Por último, as privatizacións tenden a aumentar os intereses dos créditos que piden as empresas, os custos administrativos e mesmo favorecen a corrupción[3].

As consecuencias para o dereito á saúde

Parece difícil que a poboación acepte pasivamente ter que costear directamente os servizos médicos nunha sanidade exclusivamente privada, e unha medida semellante sería moi impopular para un goberno. De feito, a estratexia desenvolvida primeiro polo laborismo británico, e despois pola dereita española, foi privatizar pimeiro os sectores máis apetecíbeis para o sector privado, de modo que este poidese comezar a usar fondos públicos. Así, non son os doentes os que escollen, senón o sector privado o que selecciona os servizos máis rentábeis, mentres que o sector público ten que apandar coas áreas de máis difícil xestión ou menos rendíbeis, como urxencias e enfermidades moi complicadas. Como de costume, o neoliberalismo non respeta nin os seus supostos principios teóricos, de xeito que crea un falso mercado, sen competencia real, e fortalece ao sector privado artificialmente, ben amparado no patrocinio gubernamental, e con consecuencias sobre o noso dereito á saúde.

Aínda que existen fórmulas de xestión diversas, está por aclarar que entende o PP por unha “xestión completamente pública”. En calquera caso, non vai ser o que entendemos o resto. Non é descartábel que os novos hospitais conten en realidade cun modelo de xestión privada mixta ao xeito tradicional, como as impulsadas polo goberno do PP en algúns centros de Madrid (con dúas xerencias, unha pública para o persoal sanitario e outra privada para todo o demais) coa misión de maximizar os beneficios..

Os hospitais privados son sempre máis caros, pero tamén piores, o que desmonta o principal argumento da súa defensa (a súa suposta eficiencia): non poñen en primeiro plano a planificación das necesidades sanitarias da zona que atenden nin a mellor atención das e dos doentes independentemente do seu custe, senón o seu negocio. Deste xeito, poden chegar a seleccionar os pacientes polo custe do proceso e non polas patoloxías -o que contradí o principio de que a sanidade debe ser igual para todos- e despois centrarse nos procesos máis rendíbeis, ou modificar o tempo de estancia hospitalaria para aumentar a rendibilidade.

É certo que fenómenos como as listas de espera e as masificacións das urxencias propagan con frecuencia a imaxe de que o sistema público é deficiente, o que aproveitan os partidarios da liberalización para argumentar que os centros lucrativos son máis eficaces. Non obstante, a grande maioría de estudos internacionais demostran o contrario, e chegaron a apontar que os centros sanitarios privados teñen taxas de mortalidade superiores aos non lucrativos.

Por exemplo, nos Estados Unidos realizouse unha análise comparativa[4] de 129 estudos, que compilaban datos clínicos recollidos ao longo de 20 anos en seis tipos de institucións (hospitais, residencias de anciáns, organismos de atención sanitaria integral, hospicios, psiquiátricos e centros de diálise. 88 estudos afirmaron que os centros sen ánimo de lucro tiveron un mellor rendemento -en canto a accesibilidade, calidade e rentabilidade- , 43 que tiñan un nivel similar, e apenas 18 sustentaron que os lucrativos eran máis eficientes. Por outra parte, e pouco sorprendentemente, outros estudos do programa federal Medicare[5] demostran que os gastos no sector do saúde aumentan máis rapidamente se existe ánimo de lucro.

Aínda que as especificidades da sanidade norteamericana -documentadas no traballo “Sicko”, co característico estilo do director Michael Moore- son ben coñecidas e relativamente incomparábeis coas doutros sistemas, os estudos si serven como exemplo dos beneficios da atención non mercantilizada, contrastados desde hai máis de dúas décadas.

De feito, tamén podemos mirar para os efectos da liberalización nun servizo estatal de saúde como o noso, como o británico. O traballo de Julian Tudor Hart[6] resúmeo moi graficamente:

Os traballadores parecen enfrontarse a unha crecente fragmentación e burocratización do seu traballo, decrecente seguridade no seu emprego, crecente competencia de custos, presións de tempo, ameazas colectivas de litixios e de bancarrota das unidades, promovidos por enfermos animados polo goberno a actuar como consumidores que compran, en lugar de como cidadáns responsábeis. Aínda que unha inmensa maioría dos enfermos do NHS [National Health Service, Servizo Nacional de Saúde] aínda afirman ter unha experiencia persoal positiva da atención sanitaria, o NHS que ven na televisión, do que ouven falar na radio ou sobre o que len nos xornais parece terrse sumido, nas últimas dúas ou tres décadas, nunha decadencia terminal, botando man dos recursos privados como única saída”.

En relación ao NHS, tamén se teñen denunciado problemas de hixiene e un aumento das infeccións, defectos de construción (ao escollerse materiais máis baratos) e de deseño (ao potenciarse o espazo destinado a zonas comerciais, descoidar os sistemas de conducción, averías no sistema de augas…) e unha xeralizada reducción de camas.

Ademais, a privatización representa tamén unha perda de calidade derivada dunha maior precarización do traballo, con menores profesionais sanitarios, e dos servizos. En Vigo, outras necesidades ficarán finalmente desatendidas, e deste xeito xa se sabe que se producirá un importante recurte de camas (arredor de 500), que se perderá a alta especialización prevista en oncoloxía e que se disiparán os recursos e a capacidade de investigación da Universidade de Vigo, entre outras consecuencias.

Unha vez desmentido o aforro e a eficiencia, apenas resta unha teórica vantaxe para este modelo agora promovido por Sanidade: unha maior rapidez na construción. Non obstante, este factor non compensa por si mesmo as consecuencias e pode remudarsecumpre sempre, e en casos como os de Madrid os novos centros tamén acumularon anos de retraso. No caso concreto de Pontevedra, agardábase que as obras de ampliación comezaran o ano pasado, co cal é evidente o novo retraso: as obras poderán comezar en Marcón, nunha previsión máis que optimista, ao longo de 2011, e o centro inaugurarase en 2016 ou 2017 (cando o remate da ampliación de Montecelo estaba fixado arredor do 2013). cunha vontade política clara; por outra parte, tampouco se

Ofensiva ideolóxica da dereita

Esta privatización non representa unha novidade nas políticas dun goberno de dereitas nin unha anécdota na xestión desta lexislatura. Forma parte dun programa minucioso de desmantelamento dos servizos públicos, e nace dunha determinada correlación de forzas e dun clima ideolóxico inducido con paciencia e teimosía durante décadas, que afirma que o privado é por natureza mellor e máis eficiente que o público, pero que só pretende aumentar os beneficios privados por medio do aumento das desigualdades, o fomento da avareza e o egoísmo. A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, exemplifica á perfeción esta tendencia, ao botar continuamente pedras contra o seu propio tellado por medio do desprestixio da sanidade pública.

Neste sentido, foi particularmente importante o proceso de integración económica europea, en sintonía absoluta coas institucións económicas internacionais: centrado no dictado absoluto do mercado, a “flexibilización do traballo”, privatizacións, desregulacións e recurtes nos gastos públicos. O proceso de privatizacións atópase xa na súa terceira etapa no continente. Despois da colonización por parte da propiedade privada das industrias manufactureiras e das institucións financieiras, os Estados -con independencia da cor política dos gobernos conservadores e socialdemócratas- pasaran á privatización de infraestruturas e servizos como a enerxía, as telecomunicacións, os servizos postais e ferroviarios. Agora é a quenda de sectores como a saúde, a educación e os servizos sociais, as últimas pezas que restan nun Estado que nalgún momento pretendeu chamarse de Benestar.

No caso concreto da sanidade, a privatización pasou por fases diferentes. A súa entrega ao mercado representaba serios problemas de imaxe pública para os gobernos, xa que a poboación estaba acostumada a unha asistencia sanitaria gratuita. Unha primeira fase foi a restrición do gasto público, enmarcado nunha política que expresamente afirmaba como prioridade reducir o défice, e a segunda etapa estivo caracterizada por un movemento só aparentemente oposto: un certo medre ou estancamento dos orzamentos destinados a sanidade, pero acompañado da transferencia de fondos públicos a empresas privadas.

No referente ao Estado Español, a porta entreabreuse en 1991 por medio da presentación do Informe Abril, elaborado por unha comisión presidida por este ex-ministro de Suárez (Abril Martorell), que xa demostrara a súa liña de “esquerdas” na súa colaboración nos Pactos da Moncloa e na redacción da Constitución. O Informe encargado polo PSOE xa falaba de reducir o gasto sanitario e promover novas formas de contratación e de externalización, e mesmo propoñía obrigar aos pensionistas a pagar o 40 por cento dos medicamentos.

De par en par quedou aberta a cancela da privatización seis anos despois, coa aprobación da Lei 15/97 de “Novas Formas de Xestión en Sanidade”, que consta dun único artigo que autoriza que a xestión e administración dos centros sanitarios poida ser asumida por calquera entidade de tipo lucrativo. No seu momento, votaron a favor desta ignominia PP -Aznar ostentaba a presidencia desde o ano anterior- PSOE, CiU, PNV e CC, e só contou coa oposición parlamentaria do nacionalismo galego e da Izquierda Unida española. O PSOE -teoricamente oposto agora ás privatizacións en Madrid, nunha postura que lembra moito á do laborismo- ten afirmado despois que o problema non é a Lei en si, senón a súa suposta utilización perversa, polo que nunca tentou derogala, a pesar de contar con maiorías parlamentarias nas dúas últimas lexislaturas.

Desde ese momento, diversas construtoras -Ferrovial, OHL, ACS, Dagrados, Sacyr, Acciona-, financieiras -Bancaja, Caja Madrid- e outras multinacionais de diverso tipo xa converteron a sanidade nun instrumento máis para aumentar os petos dos seus accionistas.

De feito, o Hospital de Vigo non é unha decisión aillada no noso país. Os orzamentos que a Xunta destinou ao sistema sanitario pasaron de 3.766 millóns en 2009 a 3.728 no 2010, un lixeiro descenso do un por cento, pero máis significativo é aínda que a Administración Autonómica anunciase que recorrería a capital privado para a construción de 23 centros de saúde, o que representa máis da terceira parte dos seus investimentos. Ademais, o PP reduciu os investimentos reais do Sergas en 23 millóns de euros; en Atención Primaria en catro millóns; descendeu a partida para mellora do equipamento de centros de saúde de 4,7 millóns a 1,7, e suprimiu directamente o Programa de Saúde Mental, que contaba con 2,5 millóns de euros no 2009. No caso do previsto para os centros de día, en Benestar Social, a Xunta non prevé gastar un só euro en novos investimentos, mais si dedicar catro millóns de euros á privatización dos existentes.

Temos que tomar consciencia da necesidade de gañar a batalla das ideas ante a mensaxe do sistema, que sostén que non existen diferencias entre dereitas e esquerdas mentres desacredita por igual toda actividade política. A propia Farjas expresábase nesta dirección recentemente cando afirmaba que a simple idea do debate entre sanidade pública e privada lle parecía “casposo” (sic), xa que a privatización debe resultar tan natural e inevitábel como a lei da gravidade.

Se os retrocesos sociais das últimas décadas son palpábeis, non o é menos o papel determinante, ao longo de todo o continente, da conxunción entre unha socialdemocracia eternamente claudicante -cando non abertamente entusiasta das políticas de dereita, como ese PSOE que se orgulla de ter a menor presión fiscal de Europa e o sistema penitenciario máis duro- e un sindicalismo entreguista e sucursalizado, que neutralizou boa parte das resistencias por medio da negociación de compromisos (a cambio de nada) e pola aceptación, implícita ou explícita, das políticas de liberalización.

Sen embargo, teoricamente é doado argumentar contra as privatizacións: ao cabo, o PP -e o PSOE por omisión, ao non derogar a lei estatal que o permite- queren favorecer os intereses duns poucos construtores e banqueiros a costa da saúde e os cartos da inmensa maioría, esa é toda a historia. Mais necesitamos tamén unha organización e mobilización social capaz de contrarrestar o discurso hexemónico, primeiro, e despois tumbar de vez os máis ambiciosos proxectos da dereita para a sanidade-o que, por poñer algúns exemplos, non se conseguiu nin en Estados Unidos nin no Reino Unido ou Canadá, onde xa contan cunha grande perspectiva das terríbeis consecuencias e custes deste proceso, pero si en Suecia e Nova Zelanda, despois de fracasar, ou nos Países Baixos, neste último caso antes de se desenvolver.

En contra da visión dominante, do MGS acreditamos na vixencia e necesidade dun programa político de cambio global, á esquerda do existente, que impulse o desenvolvemento do sector público en función das necesidades sociais e non da insaciábel cobiza empresarial. Tamén acreditamos no control democrático dos servizos públicos, mellorando a calidade dos mesmos á vez que se crea un emprego estábel e digno; somos conscientes de que este programa -que ten a súa meta nunha economía completamente suxeita á democracia- só será factíbel se avanzamos na sensibilización, organización e mobilización das traballadoras e dos traballadores, se construímos a imprescindíbel hexemonía política do nacionalismo e a esquerda.

[1]Citado por Sally Ruane, da Unidade de Investigación en Política Sanitaria da Universidade de Montfort, Leicester, no artigo “La Iniciativa de Financiación Privada (PFI) en el Reino Unido: El impacto sobre los trabajadores sanitarios y la comunidad sanitaria en general”, da Revista Salud 2000 nº 118, de setembro de 2008.

[2] A CIG-Saúde de Vigo informa da reunión celebrada o 22 de xaneiro: http://www.cig-saude.org/VIGO/index.php?option=com_content&view=article&id=508:confirmada-a-privatizacion-dos-servizos-non-sanitarios-do-novo-hospital-de-vigo&catid=28:outras-novas&Itemid=49

[3]Fiona Godlee, The market has failed, BMJ 2007;335 (1 December).

[4]Vaillancourt Rosenau P and Linder SH. 2003. “Two decades of research comparing for-profit and nonprofit health provider performance in the United States.” Social Science Quarterly, citado pola Fondation Canadienne de la Recherche sur les Services de Santé, dispoñíbel en http://www.chsrf.ca/mythbusters/html/myth13_f.php

[5] Silverman EM et al. 1999. “The association between for-profit hospital ownership and increased Medicare spending.” New England Journal of Medicine; 341(6): 1523-1528 (da mesma páxina).

[6] “La economía política de la sanidad. Una perspectiva clínica”, dispoñíbel en http://www.fadsp.org/pdf/Economi%20politica%20de%20la%20sanidad.pdf