Os resultados das eleccións municipais do 22 de maio son uns resultados, na súa globalidade (isto é, alén de particularidades en tal ou tal outra localidade), que podemos cualificar de discretos e insatisfactorios, mais non catastróficos, interpretándoos atendendo á diferente conxuntura en que se produciron estas eleccións a diferenza das de 2007.

Como é sabido, a conxuntura tanto xeral, como estatal e nacional (ou mesmo interna) é ben diferente á dos anteriores comicios locais. Resumidamente: estas eleccións prodúcense nun contexto de fonda crise económica (que vimos cualificando como sistémica, na súa fase de globalización neoliberal), crise que en 2007 apenas apuntaba. Así mesmo, hai catro anos Rodríguez Zapatero consumía o terceiro ano da súa primeira lexislatura á fronte do goberno do Estado español e aínda non era visíbel a deriva claramente neoliberal do PSOE á hora de xestionar á crise. No escenario nacional, o nacionalismo compartía goberno na Xunta de Galiza co PSOE. E a nivel interno, o quintanismo e mais a UPG conformaban o núcleo de dirección do BNG, mantendo un discurso político de corte moderado no social e moderado tamén na cuestión nacional.

Alén deste escenario que era o que se producía en 2007, tamén habería que incidir en que en 2009 se producen unhas eleccións ao Parlamento galego nas que o BNG baixa votos e representación e que dan o goberno da Xunta de Galiza ao Partido Popular (con maioría absoluta ao contar con 38 escanos no Pazo do Hórreo). Neses comicios o BNG obtén uns 270.000 votos e un 16% de porcentaxe de representación.

Polo tanto, os 261.000 votos obtidos polo BNG nestas eleccións (unha porcentaxe do 16,5%) veñen a ser un calco das eleccións autonómicas de 2009 no conxunto do país. De aí, que para nós tampouco sexan uns resultados excesivamente sorprendentes. De feito, os inquéritos que manexaba a dirección do BNG sinalaban unha tendencia á baixa da nosa organización a respecto das eleccións de hai catro anos, baixa que ao final se concretou en algo menos de tres puntos porcentuais (en troca, a respecto das autonómicas prodúcese unha lixeirísima suba de case medio punto).

Para nós, estes resultados hai que os enmarcar, tal e como sinalamos antes destas votacións e desde o noso nacemento como corrente organizada, nun BNG lastrado por anos de abandono do traballo social, por un pasado recente cunha liña política errática e pola progresiva perda de perfil propio aparecendo nun papel subalterno do PSOE. Ademais, a actual falta de cohesión interna é unha pexa máis no traballo político do BNG.

Así mesmo, temos que analisar con preocupación o feito de que, por vez primeira, unha caída de voto do PSOE non significou unha medra do voto do nacionalismo, o que xustifica que se aborde por fin a relación e a política de alianzas co PSOE, xa que a credibilidade da mensaxe e o discurso do BNG dificilmente pode callar socialmente se somos percibidos como sostén político-institucional do PSOE.

Ese efecto é moi claro nas cidades onde pagamos parte do desgaste do PSOE ao sermos asimilados ao poder institucional e que a alternativa que se vén presentando nos medios de comunicación como natural (por moito que sexa algo ideoloxicamente incongruente) era o PP. Iso non oculta que, na nosa óptica, nalgúns casos claramente pagamos unha nefasta traxectoria de goberno, onde o divorcio entre o BNG no concello e a nosa base social é moi evidente. Resulta obvio que o progresivo abandono do traballo social por parte do BNG, primando o labor institucional por riba de todo, acabou debilitando a consolidación e o medre político da organización, o que ten o seu reflexo no plano electoral.

Por outra parte, con estes resultados electorais demóstrase tamén que montar 315 candidaturas non é representativo de maior capacidade de incidencia social. Nos lugares onde o BNG non ten organización e só se montaron candidaturas (xa en 2007) tirando de imaxe de marca, practicamente desaparecemos. O BNG precisa de organización e traballo social permanente e non aparecer nunhas eleccións.

Nas vilas en xeral vese que o resultado ten máis a ver coas conxunturas locais que unha tendencia á baixa que en xeral non se aprecia. Cangas, Boiro, Melide, Arzúa, Bueu, San Sadurniño, Tomiño, etc., son casos que para ben ou para mal se explican mais nesa conxuntura local que nunha tendencia nacional, tendencia que en todo caso no voto das cidades (agás Pontevedra) é obvio que foi á baixa, tanto estando en labores de goberno (Vigo, A Coruña, Ourense e Compostela) como na oposición (Lugo e Ferrol).

O BNG aínda está a pagar a factura do bipartito e os erros desa aposta política errada no fondo e tamén, ostensibelmente, nas formas. O proceso de reconducir o discurso iniciado tras a XI asemblea nacional aínda está xerando demasiadas desconfianzas que non son inxustificadas dado o que se fixo desde a dirección do BNG nos últimos 14 anos. Por outra banda este xiro aínda é moi descoñecido por quen se apartou voluntariamente da vida orgánica e dos actos do BNG. Na base social (e isto vese facilmente na CIG) esa desconfianza e asimilación do BNG ao resto de forzas institucionais segue a ser moi marcada. A isto contribúe tamén a escasa convición que teñen importantes sectores do BNG no cambio de rumbo iniciado tras a asemblea de maio de 2009.

Na nosa opinión, cómpre corrixir os enormes erros da última década non só no discurso e praxe externa, e tamén se fai imprescindíbel adaptar a organización á realidade á que nos enfrontamos e polo tanto facer un BNG máis social e que aumente a militancia e a participación (non só para votar en procesos internos) xa que son os e as activistas quen mellor translada e defende as nosas mensaxes e o noso discurso. É necesario que o BNG teña vida máis alá da institucional, que se aborde en serio a cuestión da introdución social do BNG, así como a necesidade de repolitizar socialmente.

O BNG debe recuperar o papel de forza alternativa ao PSOE e PP fronte á tendencia da última década onde mais ben nos encarregamos do contrario, teoricamente para xerar máis confianza na xente que non era nacionalista mais que rematou por minar a confianza da nosa xente de sempre. E aínda nun contexto de crise non somos quen de deixar de aparecer no medio cando se di iso de “son todos iguais”.

Na campaña tentouse recuperar terreo perdido e marcar un perfil propio nacionalista e de esquerdas mais igual é demasiado pensar que nunha campaña imos ser quen de amosar que somos algo diferente ao que a xente ten interiorizado de antes. As campañas cada vez inflúen menos xa que aos actos van basicamente xente convencida ou pequenos grupos en barrios ou parroquias. Hai non moito tempo nas campañas ateigábanse grandes espazos e agora hai que facer os actos en aforos máis pequenos que en moitas ocasións non somos quen de encher. A media de idade dos mitins e actos de campaña tamén é algo a analisar porque a mocidade cada vez está máis á marxe dos actos de campaña.

Tampouco o discurso foi uniforme nestas eleccións non faltando exemplos de concellos onde a campaña se baseou fundamentalmente en vender xestión e personalismo, recorrendo mesmo ao localismo.

Por outra banda esta foi unha campaña fortemente estatalizada. Isto non é unha nova tendencia pero en cada convocatoria dá en agudizarse máis e cada vez somos máis permeábeis aos discursos foráneos, mesmo aos alternativos. Desta maneira posicións como a reforma da Lei Electoral ou outras poden rematar favorecendo nas xerais ao voto a IU como alternativa de esquerda, fundamentalmente entre novos votantes.

Se o BNG se segue comportando como unha amalgama mal unida e que non se é quen de unificar imos polo mal camiño. O proceso de elaboración das candidaturas non favorece que se poida facer un traballo conxunto nas campañas e moita militancia non se motiva a participar porque non considera esa a súa candidatura do BNG. Temos que rachar co de que o 51% leva todo e integrar todas as sensibilidades e que o frontismo signifique que todos poidamos convivir respectando o funcionamento e as maiorías ou minorías, mais non por simple imposición. O Regulamento apoiado no seu día polas correntes maioritarias por cálculos debe ser esquecido como método de elección de cargos, internos e externos. Esa imaxe de liorta interna permanente e falla de cohesión e que se agudiza pola irresponsábel nova onda de saír na prensa para marcar posicións e xerar opinión interna non axuda a manter a necesaria unidade que permita recuperar credibilidade social.

Modificar as relacións internas denunciando o mal exemplo do regulamento de elaboración de listas nas municipais. Respectando o xogo de maiorías e minorías no BNG debe primar un modelo verdadeiramente frontista que fomente a participación da militancia e integre na súa vida interna e externa a todas as correntes ideolóxicas.

A remobilización da militancia loitando contra a desmotivación é mais necesaria que nunca. Recoller nacionalistas e exmilitantes descontentos así como nova militancia xuvenil é imprescindíbel nesta etapa. O papel activo da militancia ten que atopar os espazos internos onde facelo e para iso cómpre tamén dedicar esforzos organizativos nesta tarefa. Quen máis problemas lle ve á degradación da vida interna do BNG e ás derivas ideolóxicas dos últimos tempos son precisamente os que teñen que dar un paso á fronte nesta etapa para recuperar o BNG como unha organización soberanista, claramente de esquerdas e socialmente actuante.Na esquerda politizada estase a cuestionar o papel do BNG como esquerda real. Os votos obtidos por IU -afastada de maior representación nas cidades pola limitación do 5%- amosa que aínda que isto non represente demasiado numérica nin organizativamente si o é cualitativamente dado que aí hai boa parte da potencial militancia política á que nos temos que dirixir. Malia que non existen nin parece que poidan existir, organizativamente, tamén semella que alternativas que teñan certa base e conten con activistas (sociais, sindicais, exmilitantes do BNG…) poden facer crer na ilusión de que existe esa alternativa “á esquerda” polo que cómpre ter en conta iso á hora de tensionar en exceso as relacións internas, da relacións cos movementos socias, tecido asociativo, etc.

Para nós, o contido social do BNG hai que concretalo e explicalo correctamente nos actos, non chega con dicir que somos de esquerdas. Cómpre que o BNG analise isto e fixe posicións comúns. Ademais, o problema non estaba só na mensaxe ou no discurso, senón tamén na necesidade de que isto fose coherente co que se fai, sobre todo cando se goberna. Agora o BNG pode contar cunhas 30 alcaldías, un bo punto de partida se queremos facelas exemplos de goberno de esquerdas, participativo e claramente comprometido co noso país.

O BNG debe defender e promover a participación como eixo básico no noso discurso. Se ben iso xa é así no discurso, temos que presentar socialmente os nosos exemplos de goberno como exemplos de participación cidadá na vida política, algo que non está moi claro que fose así na realidade en todos os casos.

Por último, consideramos tamén importante reflexionar acerca de que por primeira vez se ve unha menor afección pola idea de soberanía nacional como solución aos problemas do país e polo tanto un retroceso social do nacionalismo como movemento. É evidente que non é o mesmo conseguir votantes que nacionalistas. As diferenzas nas votacións municipais co resto de convocatorias nas localidades onde gobernamos deberíannos facer reflexionar e actuar sobre isto.

Coordenadora Nacional do Movemento Galego ao Socialismo.

Compostela, maio de 2011.