O MGS lamenta que o ex ministro de Franco falecese sen ser xulgado polos seus numerosos crimes, fundamentalmente derivados das súas responsabilidades na ditadura fascista máis lonxeva de Europa, entre os que salientan os Sucesos de Gasteiz, a matanza de Montejurra ou a execución de Julián Grimau, entre moitos outros.

O feito de que un ex ministro fascista fose un dos autores da Constitución que aínda se nos impón, e que chegase a presidir a Comunidade Autónoma durante 15 longos anos, ilustra vivamente sobre a ausencia de ruptura e a continuidade das estruturas de poder do franquismo após un fraudulento proceso de reforma que nos deparou a corrupta monarquía borbónica que padecemos.

Utilizamos as palabras con precisión porque Fraga foi durante toda a súa vida un fascista: un imperialista español que nunca abxurou da longa noite de pedra, nin do seu pasado como ministro nin da doctrina na que xustificaba a ditadura; un franquista que negou que existise a lexitimidade republicana; un imperialista que promocionou libros que negaban a colonización de América e do Holocausto; un totalitario que en moitas ocasións se pronunciou pola ilegalización de determinadas forzas políticas; un represor que pensaba que a rúa era súa, apoiando a represión de movementos populares de todo tipo; un censor da información no franquismo e na democracia, por medio de diversos métodos, da Lei de Prensa ás listas negras, a domesticación da prensa subsidiada e a instrumentalización máis obscena dos medios públicos; un machista e homófobo que ata os últimos días da súa vida lanzou ironías reaccionarias contra as reivindicacións feministas e asegurou que a homosexualidade era unha anomalía; un asasino e torturador de obreiros, estudantes, demócratas e antifascistas, louvado agora unanimemente polos mesmos que expeden os carnés de demócratas.

O seu paso pola Xunta de Galiza representou unha xeira negra para o emprego, os dereitos e liberdades públicas, a lingua galega o medio ambiente. Esfarelou numerosos sectores produtivos; propiciou a caída demográfica; centos de milleiros de mozas e mozos emigraron de novo en busca de traballo; o uso do galego padeceu o maior retroceso da súa historia; deixounos hipotecas inúteis e suntuosas, como o mausoleo edificado na Cidade da Cultura. O colofón foi a escandalosa xestión da catástrofe do Prestige, durante a cal se atopaba de cacería.

Como el gostaba de afirmar, a súa carreira foi plenamente coherente: a dun fascista que se foi adaptando ás circunstancias sen abandonar os seus ideais de fondo. Esta é a memoria que debería quedar da súa traxectoria vital, compendio dos horrores do século XX, e non o maquillado retrato  dun quintacolumnista precursor da democracia desde o franquismo e posterior estadista, por moitos doutorados de honra que mercase en universidades de todo o mundo.