Hai hoxe un ano, o Día da Patria tiña lugar nun contexto adverso no que as políticas neoliberais e re-centralizadoras requerían unha resposta por parte do nacionalismo galego na reivindicación da soberanía nacional e na defensa das clases populares.

A sentenza do Tribunal Constitucional supuña un novo recurte ao Estatut de Catalunya, o cal confirmaba o punto final da vía autonomista para as nacións do Estado Español –xa indicado anteriormente para o caso basco–, sendo precisa a reapertura do debate estatutario no noso País nunha clave nidiamente soberanista.

Por outra banda, daba comezo o ciclo de reformas neoliberais por parte do goberno do Estado coa aprobación dunha reforma laboral que restaba dereitos á clase traballadora e puña o mercado laboral ao servizo do capital. Xa convocada naquel entón, a Folga Xeral de setembro de 2010 foi unha resposta, se ben tardía, necesaria contra estas medidas que se viñeron implementando.

As políticas neoliberais viñan da man do PSOE no goberno do Estado e do PP no goberno da Xunta, preconizadas coma “austeridade”, mais tendo coma resultado o mesmo: que as maiorías sociais pagasen a crise do capital recurtando dereitos e gasto social, desmontando os servizos públicos en Galiza e abrindo camiño á súa privatización. Canda isto, estaba no seu punto álxido a ofensiva contra o noso idioma trala aprobación e posta en marcha do Decreto do Ensino, unha regresión sen precedentes no proceso de normalización lingüística.

O BNG atopábase daquela nunha fase de clarificación ideolóxica nunha liña de esquerdas e inequivocamente nacionalista, recuperando ademais as relacións coas organizacións sociais, sectoriais e de base do movemento nacionalista popular; así coma cos movementos sociais; en aplicación dos acordos tomados na XII Asemblea Nacional –maio de 2009–.

As posicións do Movemento Galego ao Socialismo nos organismos dos que fai parte (Executiva e Consello Nacional) procuraron, partindo do respecto aos acordos tomados na Asemblea, retomar o contacto e ter un marco de relación estábel coas organizacións sociais nacionalistas e reforzar o perfil propio do BNG coma forza nacionalista e de esquerdas, mobilizadora e reivindicativa, antiimperialista, que defenda a lingua nacional e que denuncie a explotación das clases populares por parte do capitalismo neoliberal.

Ao longo deste ano vimos como se ían agudizando progresivamente os efectos das políticas neoliberais, que seguiron sendo aplicadas tomando formas cada vez máis agresivas coas maiorías sociais.
Desde o goberno do Estado continuouse co ciclo de reformas. Unha vez postas as condicións de traballo a dispor do capital, emprendeuse a reforma do sistema público de pensións, endurecendo as condicións para o acceso á xubilación, medida que foi respostada coa convocatoria de Folga Xeral en Galiza, Euskadi e Catalunya por parte das centrais nacionalistas en solitario. O apoio decidido e a implicación do BNG na convocatoria de folga feita en Galiza pola CIG demostrou que cando o nacionalismo actúa conxuntamente ten capacidade mobilizadora e de resposta social.

O seguinte paso na aplicación desas medidas contra as maiorías sociais é a reforma da negociación colectiva, para dificultar a capacidade de resposta do movemento obreiro contra os abusos da patronal.

Asemade, as políticas que se están a desenvolver van no camiño de desmantelar os servizos públicos e abandonar á súa sorte as inciativas de todo tipo artelladas desde Galiza para o desenvolvemento dunha economía produtiva, a igualación social e a mellora das condicións de vida, a recuperación e promoción da cultura propia ou a normalización do uso do noso idioma. Como resultado destas políticas neoliberais, que benefician á oligarquía capitalista, vimos nos últimos meses o desmantelamento da rede de Preescolar na Casa, o peche do xornal Galicia Hoxe ou as limitacións legais aos contratos do naval que avanzan unha nova reconversión encuberta; todos feitos que afondaron o carácter regresivo da situación actual.

Cómpre valorar positivamente os procesos mobilizadores que se deron en resposta a estas políticas, desde as mobilizacións sectoriais até as folgas xerais pasando polas mobilizacións en defensa da lingua.

En 2011 temos unha taxa de desemprego dun 17,3% da poboación activa en Galiza (EPA 1º Trimestre 2011), batendo especialmente o paro á xente máis moza –un 40% das persoas desempregadas son menores de 30 anos–, abocada á emigración e sen alternativa para vivir e traballar de maneira digna na propia Terra. Os niveis de precariedade son máis altos ca nunca e, sendo as medidas de protección social cada vez máis cativas, os recursos para contrarrestar esta situación por parte das clases populares son cada vez menores. Mentres tanto, vimos como se incrementaban as grandes fortunas mundiais e os altos directivos de grandes empresas aumentaban as súas gratificacións mentres aplicaban un ERE aos/ás traballadores/as.

Fronte a un goberno do Estado que ten coma obxectivo seguir os ditados do FMI e das axencias de cualificación da débeda, e un goberno da Xunta inoperante e que representa os intereses privatizadores do grande capital, o BNG fica coma alternativa das maiorías sociais que sofren as desigualdades do sistema capitalista. Deste xeito, a vindeira convocatoria de Eleccións Xerais –inda incerta entre novembro e marzo– é unha oportunidade na que o nacionalismo debe ser capaz de trasladar as súas propostas e alternativas fronte ás agresións do capital e reclamar o dereito de Galiza a decidir e gobernarse por si propia.

As pasadas Eleccións Municipais do 22 de maio trouxeron para o BNG uns resultados negativos, mais non catastróficos. Cunhas cifras totais en Galiza moi semellantes ás das últimas Eleccións Autonómicas, destes resultados debemos tirar algunhas conclusións que deberían guiar a actuación da Fronte Patriótica no camiño de afianzar a recondución cara a posicións de esquerda e soberanistas, dando credibilidade interna e externa aos pronunciamentos públicos que durante estes dous anos vén tendo; e os pasos que vén dando na recuperación do contacto co tecido social nacionalista e cos movementos sociais en xeral.

Tras moito tempo de abandono como resultado dunha deriva ideolóxica e organizativa de máis de dez anos que agochaba unha estratexia de moderación do nacionalismo, hoxe fai falta máis ca nunca priorizar o traballo organizativo no BNG: construír organización e facelo de maneira integradora, devolvendo a capacidade de decisión á militancia, afortalando o modelo frontista e recoñecendo e respectando a pluralidade interna.

Por outra banda, o BNG debe despregar un activismo político a pé de rúa, estar en contacto directo coa xente e coas problemáticas e conflitos existentes posicionándose nestes do lado dos grupos oprimidos polo sistema; para así emerxer coma unha alternativa críbel, que non só dá discursos, senon que tamén actúa, intervén directamente na sociedade. Para isto é necesaria unha relación fluída, de igual a igual, cos movementos sociais: camiñar conxuntamente para acadar os seus obxectivos a través da representación institucional que ten o BNG.

A celebración do Día da Patria de 2011 está marcada tamén pola convocatoria da XIII Asemblea Nacional do BNG para os vindeiros 22 e 23 de outubro, desta volta aberta á participación de toda a militancia, a través da fórmula 1 militante=1 delegado/a. O Movemento Galego ao Socialismo, tal e como vén reclamando desde a súa conformación coma espazo político organizado no seo do Bloque, entende que a fórmula de delegación para a celebración das asembleas nacionais debe ser definitivamente erradicada, recuperando o carácter asemblear e a capacidade de decisión da militancia. O modelo asemblear non debe ser unha catarse nin unha excepción que se daría en momentos puntuais ou situacións críticas coma a actual e se abandone cando veñan as épocas de vacas gordas, senón que o asemblearismo debe ser unha metodoloxía estrutural no funcionamento orgánico e no proceso de toma de decisións do BNG.

Neste proceso asemblear no que xa estamos inmersos/as débense dar pasos para consolidar a recondución ideolóxica que se encetou en 2009, de maneira que a viraxe á esquerda e a posicións soberanistas leve aparellados feitos dentro e fóra da organización –incluíndo as medidas organizativas axeitadas–, de tal maneira que se conforme un referente claro para as clases populares e mesmo para sectores organizados do nacionalismo popular que teñen activismo nas organizacións sociais e teñen que ver no Bloque unha ferramenta útil para a liberación nacional e social de Galiza.

Da vindeira Asemblea Nacional debe saír un BNG forte e unido arredor duns principios políticos e organizativos claros e comúns. Neste sentido, o Movemento Galego ao Socialismo defende a vixencia do modelo de Fronte Patriótica, na que se recoñeza e teña carta de naturalidade a existencia de partidos e correntes cunha composición ideolóxica plural. Outra tarefa a cumprir é a de reforzar o modelo asemblear e participativo, eliminando o sistema de delegación para o desenvolvemento dos procesos internos.

Temos que traballar na consolidación dunha organización encadrada claramente no nacionalismo de esquerda. Esta posición estratéxica debe ser clara tamén nos posicionamentos e relacións internacionais da fronte, clausurando o modelo Galeuscat e conformando alianzas estábeis coas organizacións soberanistas e de esquerda das nacións sen Estado.

Un aspecto a tratar é a combinación axeitada do traballo social co institucional, reconstruíndo o BNG coma organización combativa e mobilizadora, que promova campañas propias e impulse a participación cidadá e faga traballo de rúa; o cal implica a necesaria interrelación cos movementos sociais.

O Movemento Galego ao Socialismo entende que o nacionalismo debe ir máis alá do marco establecido e superar a vía autonomista: a autodeterminación debe ser unha reivindicación estratéxica para aquí e agora, denunciando o carácter lesivo e dependente do marco autonómico e reclamando soberanía para Galiza.

O Movemento Galego ao Socialismo, como veu facendo até o de agora, está disposto a chegar a acordos, consensuar e traballar conxuntamente con toda a militancia do BNG, sempre e cando o norte político se sitúe nas coordenadas antes citadas. Desta maneira, participaremos construtivamente do debate inherente ao proceso asemblear, defendendo as nosas posicións nos organismos e nas asembleas correspondentes. Isto non significa que non nos vexamos na necesidade de combater ideoloxicamente as posicións liquidacionistas que pretenden afondar na deriva institucionalista convertendo o BNG nun sucedáneo das organizacións sistémicas e cargarse, en definitiva, o seu proxecto estratéxico; así coma aqueloutras que buscan reducir o proceso asemblear a un reparto de postos nos organismos.

Cómpre avanzarmos na construción dun BNG que sexa percibido coma unha organización reivindicativa, firme nas súas posicións, que acompañe as mobilizacións sociais sendo un instrumento das maiorías sociais para a construción dunha sociedade máis xusta nunha Galiza soberana.