Durante as mobilización da CIG no 1º de maio a militancia da organización distribuiu un novo número da nosa revista, “Arredista!”. Nesta ocasión, recollemos diversos temas de actualidade como é unha análise da recente folga xeral e a necesidade de incrementar a resposta aos ataques do capital; a situación do BNG; a nosa iminente Asemblea Nacional; a nacionalización da YPF; a situación e perspectivas do movemento feminista despois das mobilizacións do 8 de marzo, a demanda popular para a declaración do Monte Pindo como parque natural ou entrevistas con un representante da CIG na CRTVG ou co cámara detido na folga xeral, entre outros temas.

A seguir podes ler a editorial deste sétimo número da nosa revista:

Chegado o Primeiro de Maio, as mudanzas na situación social só fixeron agudizar a situación que viñamos sufrindo até este momento. O cambio do goberno do Estado, tras a maioría absoluta lograda polo PP, non supuxo máis que unha nova volta de parafuso de aplicación do programa do capital para que a crise que eles provocaron se salde coa desmontaxe do sistema de protección social e agresión sen precedentes ás condicións de vida das clases populares.

Unha das medidas foi a contrarreforma laboral máis profunda en décadas. Isto provocou unha nova folga xeral o 29M liderada na Galiza pola CIG, tanto na súa convocatoria marcando o día cos sindicatos vascos, como na súa dinamización, e que resultou de grande seguimento. Mais o ataque é xeneralizado e prosegue: enormes cortes na educación obrigatoria e universitaria, na sanidade pública, na atención a dependentes…Ademais, o Goberno galego acompaña e sométese a todas estas medidas, mostrando ademais da súa faciana neoliberal o carácter raquítico da autonomía de Galiza.

A nosa obriga é pois continuar a responder estes ataques e situalos na súa medida: alén da resposta sindical coa convocatoria dunha nova Folga Xeral para o mes de xuño, precisamos unha resposta política clara que sinale as únicas vías de solución para a nova crise do capitalismo: só de avanzar cara un sistema distinto, o socialismo, podemos asegurar os nosos dereitos, e a liberación social na Galiza só poderá vir no noso país de mans dadas coa liberación nacional e a loita pola soberanía.

Así, o MGS celebrará neste mes de Maio a súa Iª Asemblea Nacional cos obxectivos de reforzar e acelerar as mudanzas existentes na liña política no BNG que apostan novamente polo soberanismo, a esquerda e pola recuperación da acción social. O MGS traballará na consolidación dun espazo político que aglutine o soberanismo e o independentismo desde a esquerda combativa para consolidar esas mudanzas, desde a lealdade ao BNG e defendéndoo como a mellor ferramenta para conseguirmos a soberanía nacional e a xustiza social.

Consulta o Arredista! nº7

Descarga o Arredista! nº7 en pdf