É case un tópico advertir da trascendencia de calquera proceso electoral e das especiais circunstancias políticas, sociais e económicas que o acompañan. E non obstante, as eleccións do 21 de outubro si arremuíñan ao seu redor tres encrucilladas cruciais, que abren camiños con destinos opostos.

En primeiro lugar, atopámonos nunha crise sistémica e estrutural, que adopta a forma dunha recesión prolongada e tende a aprofundarse. Ademais, o poder político e económico concéntrase nun percurso ultraliberal e antidemocrático, que sitúa o centro de decisións na oligarquía da Unión Europea. Os gobernos de Rajoy (e antes o de Zapatero) e Feijóo comparten este programa neoliberal de xestión da crise. Foron os máis disciplinados á hora de impulsar as políticas marcadas polos chamados -algo impropiamente- “mercados”, como demostraron a reforma da Constitución que petrificaba os límites de défice, as reducións salariais na función pública, o aumento da idade de xubilación, a concentración financieira, o aumento dos impostos indirectos, o copago farmacéutico ou o “rescate” (o pago público dos compromisos da débeda privada). Como consecuencia, sucédese un círculo vicioso de austeridade-recesión-austeridade que só ten como resultado o progresivo recorte de dereitos, o desmantelamento de servizos públicos, o debilitamento da industria e o trasvase de xigantescos fondos públicos ao grande capital, un auténtico expolio corporativo. De feito, non só soportamos un despoxo social sen precedentes, senón que en ningún dos países nos que se aplicaron as “medidas de auteridade”, foi solucionado o problema da solvencia financieira; tampouco na Galiza, onde case se triplicou a débeda pública, e o défice galego aumentou nos últimos meses máis que no resto das comunidades, a pesar do teimoso discurso do presidente sobre uns hipotéticos éxitos macroeconómicos.

Precisamente, a razón directa do adianto das eleccións é evitar o impacto en perda de votos das vindeiras decisións gubernamentais. Os próximos meses depararán novas medidas anti-sociais, nomeadamente un novo rescate que xa se está a negociar entre bastidores e do que comezan a trascender as primeiras e terroríficas condicións: a conxelación e recurte das pensións, a redución das prestacións de desemprego, a ampliación do copago, a privatización masiva e o despedimento de empregados públicos. É posíbel deducirmos a intensidade do que nos agarda se temos en conta que Feijóo decidiu anticipar as eleccións aínda que iso lle impedise levar a cabo unha reforma electoral que aumentaría a distorsión na representación, loxicamente ao seu favor, e que xa tiña anunciada e decidida. Galiza padecerá con especial intensidade o debilitamento da actividade económica, como xa vén acontecendo até o de agora, con agravamento do desemprego e a precariedade e a liquidación definitiva das antigas caixas de aforros xa bancarizadas.

Como tamén suxire o adianto electoral, existe a posibilidade de que o PP perda a maioría absoluta no Parlamento Galego. Ante a ausencia de oportunidades revolucionarias, isto non torna certo nin un cambio inmediato de réxime nin a saída dunha crise que vimos de definir como estrutural e profunda. En cambio, si permitiría trasladar ás institucións unha dinámica de resistencia que xa existe nas mobilización populares, obstaculizar os designios de Madrid e Bruxelas, e avanzar para un modelo económico ao servizo dos intereses da maioría social, o que non é pouco. En primeiro plano situaríase de modo inmediato a protección das persoas que maís directamente padecen as consecuencias da crise, o reforzamento dos servizos públicos, e a instauración de políticas industriais, pesqueiras e agrogandeiras dignas de tal nome.

A segunda encrucillada é a que se establece entre a necesidade vital -literalmente, en termos de supervivencia como pobo- de gobernarmos por nós propios e a intención das elites dominantes de consolidar a estrutura do Estado, non só pechando o proceso autonómico, senón mesmo cunha reversión que xa progresa en ámbitos como o educativo.

De feito, a crise non só foi empregada como excusa perfecta para reforzaren o dominio de clase. De vagar vaise expandindo e callando un discurso que identifica centralismo con eficiencia económica, e que atribúe as responsabilidades do défice á descentralización da administración central, anulando de forma interesada o debate de fundo sobre a soberanía. Aínda que sen fundamento real, as autonomías son un culpable idóneo dentro dun relato populista -do mesmo xeito que se buscaron responsables na suposta rixidez do mercado laboral ou o presunto sobredimensionamento do emprego público ou a sanidade- que non cuestiona a eficiencia de institucións como as Deputacións e o Senado. Nesta liña, anúnciase xa unha nova recentralización da educación, e unha previsíbel redución das raquíticas competencias dos gobernos autonómicos.

Alternativamente, os movementos soberanistas avanzan, tanto nos Països Catalans como en Euskal Herria, con maior claridade. Sucedéronse nos últimos anos distintas propostas de novos status político, e todas foron rexeitadas ou completamente desnaturalizadas polo Parlamento español, polo Tribunal Constitucional ou por ambas instancias. Aínda que cada caso, e tamén o galego, ten as súas especificidades, todos os procesos revelan que o federalismo é un beco sen saída, e que esta proposta non pasa de ser o antídoto ao que se aferra a esquerda española para eludir a superación das súas contradicións no plano nacional. Por parte desta esquerda estatalista, e mesmo en casos nos que se recoñece formalmente o respeto polo dereito de autodeterminación, nunca se realizou un só aceno neste sentido, e aínda menos unha proposta política seria. Así, os cataláns teñen unha longa tradición profederalista, mais a estas alturas non só a fadiga é evidente no cadro dunha negociación que nunca ten ninguén do outro lado da mesa, senón que a maioría social xa parece asumir que a única solución pasa pola autodeterminación e a conquista unilateral de soberanía por parte dos pobos que a demandan (o que, por outra parte, é congruente co método empregado en todas as nacións que no mundo chegaron a se constituir en Estado).

Neste contexto, o BNG é a única forza galega de esquerda que se presenta ás eleccións e que garante que o sistema político galego non será plenamente deglutido polo español. Malia que outras opcións invocan o nome da esquerda para xustificar o abandono de principios teoricamente tan asentados como o da autoorganización, trátase dunha operación oportunista que non só carece de programa definido, senón que é plenamente asimilábel polo metabolismo do poder. En calquera caso, a autodeterminación non pode ser reducido a unha cuestión de dereitos formais, que pode ser recoñecido en forma abstracta xa que o contrario sería recoñecer que se nega unha prerrogativa democrática. A autodeterminación só pode ser alcanzada por medio da loita organizada do pobo. Polo tanto non pode ser alcanzada cunha prática política en favor da dependencia, que nega e non practica este combate político, que aspira precisamente a desenlazarnos das posibilidades de ruptura como as que xa son tanxíbeis nas outras dúas nacións peninsulares. A consecuencia para a Galiza sería non só o reforzamento do actual estatuto dependente, senón mesmo unha involución e un aumento da presión do Estado na negación da nosa condición nacional, xa adiantado en ofensivas como a da substitución lingüística.

Finalmente, o terceiro cruce de camiños refírese ao horizonte do propio movemento nacionalista. Trátase da primeira convocatoria electoral á que se enfrenta o BNG tras a súa XIII Asemblea Nacional, que se saldou cunha rectificación da liña política en prol do soberanismo e a esquerda, e posteriormente coa primeira e retumbante escisión pola dereita na historia da fronte. A polémica mediática, convertida nun obsceno espectáculo diario, centrado en sinuosas alianzas, aproximacións e rupturas, eclipsou as propostas programáticas de cada forza política. De forma interesada, tamén logrou minimizar a difusión da liña política do BNG nos últimos meses, que incluiu, entre outras propostas de largo alcance, a instauración dunha Banca Pública Galega, unhas reforma fiscal progresiva e profunda, o mantemento do poder adquisitivo de salarios e pensións, a defensa dos dereitos dos traballadores públicos, a preservación e ampliación das liberdades democráticas e os dereitos sindicais, entre outras. Aliás, a situación actual demostra o acerto nos posicionamentos de fondo mantidos polo BNG durante lustros -e que lle valeron a crítica sistemática dos medios de comunicación, que mesmo chamaban ao Bloque a abandonalos para así achegarse á realidade-, con exemplos como o rexeitamento dos Tratados de Maastricht, o Constitucional e o de Lisboa, a oposición ás directivas liberalizadoras europeas e aos vetos a sectores produtivos básicos, entre outras disposicións que nos trouxeron ata o patamar actual. Por último, o BNG defende explicitamente no seu programa electoral, como medidas prioritarias, o reforzo da iniciativa publica, en particular na banca e en sectores como a enerxía, o naval, o téxtil e o automóbil, financiada por medio dunha reforma fiscal progresiva; a mellora da democracia co establecemento de novos instrumentos de participación e garantindo que todos os votos teñen o mesmo valor; e o recoñecemento do dereito de autodeterminación e a presenza directa de Galiza no ámbito internacional; alén doutras declaracións de profunda raizame anti-imperialista, como a oposición á integración europea ao servizo do capital e a defensa dunha política exterior antagónica do imperialismo impulsado pola OTAN, orientada á paz e á convivencia entre nacións.

No entanto, somos conscientes de que este camiño non está concluido. Nunca entendimos que a deriva política e organizativa padecida pola fronte fose efémera nin tivese unha sinxela reversión. Mais neste momento temos que incidir na necesidade de apoiar o xiro encetado, tamén no plano electoral, para consolidar un proxecto frontista que defende os intereses das clases populares e ten capacidade de avanzar cara a hexemonía soberanista. Como demostra a experiencia, os resultados electorais están abertos a interpretacións dispares e mesmo antagónicas, mais o certo é que na fronte realizouse finalmente unha lectura crítica do devalo electoral, asociado ás nosas propias eivas, particularmente durante a etapa do goberno bipartito. Pensamos que é o momento no que a base social nacionalista debe expresar, tamén nas urnas, a súa aprobación á rectificación na rota correcta, sen abandonar por esta razón a súa desenvolvida capacidade crítica. Cada voto que se deposite no BNG servirá de panca para multiplicar a forza aplicada ao soberanismo e á esquerda, e de esconxuro contra os demos do interclasismo e o autonomismo. Temos de consolidar este rumo, único xeito de acumular forzas para rachar o marco xurídico-político que padecemos e construír unha alternativa global ao neoliberalismo. Sería irresponsábel non aproveitar esta convocatoria electoral para contribuir á edificación en marcha dunha alternativa á orde social do capital e á dependencia nacional. Só así poderemos rearticular un movemento nacional e de esquerda capaz de levar a iniciativa política para nos situar nun futuro máis promisorio que a actual barbarie institucionalizada.