A última acción criminal do goberno de marrocos volveu pór de actualidade a ocupación do Saara Occidental por Marrocos, que dura xa 35 anos. Unha ocupación que só puido manterse todo este tempo grazas á complicidade cando non directo apoio de boa parte da comunidade internacional, e particularmente do Estado Español que como antiga potencia colonial xogou e xoga un papel vergoñento ao servizo do réxime represivo dirixido por Mohamed VI.

O ataque ao campamento de Gdeim Izik foi unha planificada operación de limpeza étnica que continuou nos días posteriores nas rúas de El Aaiún, co fin de apagar pola forza todo foco de resistencia contra unha ocupación que ten como fin garantir o espolio dos recursos naturais saharauis en terra e mar, e que condena á poboación autóctona a vivir como estranxeiros na súa propia terra.

Desde o MGS condenamos este brutal ataque, amosamos a nosa solidariedade coa loita do pobo saharaui e a Fronte Polisario e esiximos o fin da ocupación, que pasa polo exercicio do dereito de autodeterminación que abra o camiño á plena independencia do Sahara Occidental, ao retorno dos refuxiados e a unha paz xusta.

Video da concentración en Vigo en solidariedade co Sahara