Mobilización do BNG.

Neste 12X os resultados das zonas onde houbo mobilizacións recentemente demostran que o camiño do conflito é o que mais eficazmente permite politizar, concienciar e por tanto minar a hexemonía da dereita. Esta deberá ser a tarefa prioritaria nestes catro anos se aspiramos a modificar substancialmente a correlación de forzas.

O pasado 12 de xullo Alberto Núñez Feijóo e o Partido Popular acadaron a súa cuarta maioría absoluta no Parlamento Galego, o que implicará catro anos máis de políticas neoliberais e españolizadoras contra as clases populares do noso país. Catro anos nos que será decisiva a capacidade mobilizadora que o soberanismo acade para tentar frear as políticas de recortes que se apliquen tanto do goberno en Madrid como do goberno da Xunta neste novo ciclo de crise económica.

Ante o panorama político que deixa o 12X cómpre analizar os resultados e o importante avance electoral do soberanismo de forma realista e sen máis triunfalismo do necesario, pois a última década demostra entre outras cousas que o voto é moi volátil e a situación pode mudar enormemente en pouco tempo.

As soberanistas somos conscientes de que avance electoral non é necesariamente o mesmo que avance a nivel político ou social. Neste proceso o BNG recuperou cifras de votos como as de finais dos 90 ou inicios dos 2000, mais é evidente que o soberanismo conta ainda nestes momentos con menos tecido social organizado, menos militancia mobilizada e que en xeral existe un menor nivel de mobilización social que daquela.

O BNG ten un enorme reto por diante e os resultados históricos do 12X son un bo punto de partida, primeiro porque reforzan a aposta destes últimos anos por manter unha voz soberanista e de ruptura co réxime do 78 con independencia do que parecían demandar os ciclos electorais e segundo porque a organización suma recursos, visibilidade e moita capacidade de traballo, multiplicando as voces e mans que a partir de agora a representarán no Hórreo.

A subida electoral trae consigo a adhesión electoral de novas capas de votantes, entre elas algunhas que probabelmente non se identifican ainda co ideario soberanista na súa plenitude (ainda que loxicamente non son hostís a el). Isto debe servir de punto de partida para unha estratexia de maior politización e concientización deses sectores, nomeadamente no plano nacional e en canto á necesidade dun proxecto de ruptura democrática. Non se trata por tanto de adecuar circunstancialmente o discurso ou o programa ás supostas prioridades deses novos votantes, senón de politizar e achegar a esas persoas que hoxe acreditan na opción BNG aos principios e obxectivos do soberanismo de esquerda e sumar militancia activa capaz de multiplicar a capacidade mobilizadora da fronte.

Sabemos que a hexemonía do Partido Popular non pode ser revertida nin derrotada só con campañas electorais, traballo institucional, estratexias comunicativas ou coas virtudes da lideranza pública de cada momento: é preciso un traballo de longo alento a pé de rúa, en todos os espazos de organización e en todas as loitas, potenciando o tecido social en cada ámbito, acompañando e favorecendo a mobilización e o conflito. Máis aínda nun contexto de maioría absoluta da dereita neoliberal de Feijóo e dunha UE que vai vender caro o rescate ao Estado Español após a crise da COVID-19.

Neste 12X os resultados das zonas onde houbo mobilizacións recentemente (ou, indo máis atrás, o feito de que o fraguismo só fose derrotado após o ciclo de mobilizacións de Nunca Máis, Non á Guerra, LOU, Folgas Xerais…) demostran que o camiño do conflito é o que mais eficazmente permite politizar, concienciar e por tanto minar a hexemonía da dereita. Esta deberá ser a tarefa prioritaria nestes catro anos se aspiramos a modificar substancialmente a correlación de forzas.

En relación á campaña e ás expectativas creadas nela (agora dirixidas a 2024) sobre a posibilidade dun goberno autonómico liderado polo BNG, cómpre constatar que no soberanismo non tivemos aínda un debate sosegado e colectivo sobre a posibilidade de ocupar novamente a Xunta de Galiza: para que queremos gobernar, como, con quen, baixo que condicións… O feito de que ese escenario sexa factíbel en 2024 debe facernos responder esas preguntas e reflexionar sobre os erros que cometemos en fases e experiencias pasadas, e que son precisamente os que nos levaron á dura travesía no deserto que agora aparentemente remata.

Na última década o BNG emprendeu colectivamente unha difícil pero necesaria mudanza de rumbo, un proceso de autocrítica, reorientación e refundación, que non pode ser obviado e que sen dúbida cimentou tamén a recuperación electoral que hoxe vemos. Entre as conclusións dese proceso, que hai que evitar non esquecer, están:

O valor da militancia política e da constancia e firmeza nos principios ideolóxicos, mesmo cando hai chamados, externos e internos, a abandonalos en favor de melloras electorais inmediatas. Esa aposta é a base da estabilidade do BNG hoxe e de que sexamos depositarias novamente da confianza de moitas votantes.

Evitar as tentacións de homologarnos (nin no fondo nin nas formas) ás forzas do sistema, presentándonos sempre como un proxecto de ruptura e transformación social cun pé fóra e outro dentro das institucións, colocando estas ao servizo do pobo e da mudanza real da sociedade.

– Conservar, reforzar e potenciar os mecanismos de democracia interna, e o noso carácter frontista, plural e unitario en base aos obxectivos e os principios compartidos. Sabernos plurais e aceptar que as diferenzas non impiden traballarmos xuntas na mellora da organización e dos seus avances sociais e institucionais.

Potenciar os factores e os valores colectivos (que sempre foron a nosa principal forza) fronte aos individuais. O conxunto da militancia como motor da acción política.

– Afortalar a acción social (na liña por exemplo do aprobado na estratexia “Avanza Galiza”, pendente de desenvolvemento na sua maior parte) e non só o traballo institucional e en base aos ciclos electorais.

Falar para as maiorías sociais, nomeadamente a clase traballadora, e sobre a súa realidade material, non só dando resposta inmediata aos seus problemas senón evidenciando a razón dos mesmos e a súa relación co actual marco político e social.

– Que o discurso e a mensaxe colectiva se decidan con criterios políticos e non só en gabinetes de comunicación ou marketing. Abandonar experiencias pasadas nas que a propaganda vacía tivo máis peso que a acción e o discurso político.

– Recuperar o perfil e discurso explicitamente soberanista, que estivo en boa parte ausente nesta campaña, a excepción dalgunhas voces. Sermos pedagóxicos pero firmes nos principios, sen medo nin complexos de dicirlle a verdade á xente. Sen deixarse levar por quen celebra o posíbel abandono da liña soberanista como un triunfo do pragmatismo político. O papel dalgúns medios de comunicación nos últimos días da campaña e con posterioridade ao 12X con apelos a deixar de lado os discursos mais avanzados, particularmente desde algúns de perfil claramente españolista e reaccionario, mostran que existe unha vontade clara de tentar “domesticarnos” e que deixemos de ser un proxecto claramente confrontado con este réxime.

Atendendo a estes acordos adoptados no proceso de reconstrución da fronte cómpre afrontar o novo ciclo con perfil e discurso soberanista, con firmeza ideolóxica e a mobilización das maiorías socias para enfrontar as políticas dos gobernos da Xunta e Madrid.

En particular será necesario definir ben o noso papel ante o PSOE/Podemos nesta fase na que os recortes e os axustes os pagarán as clases populares. A pesar do voto favorábel na investidura (en base un acordo do que ainda non se cumpriu unha liña), é preciso visibilizarnos claramente como oposición desde a esquerda e o soberanismo para sumarnos ao resto de voces das nacións sen Estado que reivindican na acción parlamentar do Congreso Español a ruptura co réxime do 78 e a aposta por unha transformación social real que non faga pagar ás traballadoras as crises do capital. Debemos asumir colectivamente a responsabilidade de confrontar cun Estado centralista e antidemocrático, entre outros motivos para non deixar espazo libre ao fascismo.

Por último, pensamos que non procede atender nin moito menos facer chamamentos do tipo “grande acordo social pola reconstrución”, que invocan desde a dereita até o conxunto dos chamados “axente sociais”, nunha especie de equivalente galego dos novos Pactos da Moncloa que coherentemente temos criticado. A superación da dura situación social que se presenta ante nós non virá do pacto social, senón da mobilización, o conflito e da suma de forzas pola ruptura, dende a esquerda e o soberanismo, desta cárcere de pobos que é o Estado Español.

A nova fase na que entramos está chea de riscos, mais tamén de oportunidades para que o avance do soberanismo vaia alén do electoral e cimente así sobre bases mais firmes que permitan avances políticos reais. Traballemos desde xa para iso.