O pasado domingo celebrouse unha nova marcha cidadá en defensa do Monte de Salcedo. Os viciños desta parroquia pontevedresa veñen mobilizándose desde hai meses para opoñerse á extensión da “franxa de seguridade” da Brilat e á recreación dunha “aldea afgá” nos montes de Muimenta, unha actuación que vulnera os seus dereitos e que foi contestada por organizacións sociais, pola Comunidade de Montes de Salcedo e polo Concello de Pontevedra.

As obras volven demostrar que o goberno español aposta por prolongar a súa participación na ocupación de Afganistán –aínda que negan que se trate precisamente dunha ocupación militar- xa que constrúen réplicas de aldeas situadas a milleiros de quilómetros para se adestrar na particular “reconstrución” impulsada baixo un goberno imposto polos Estados Unidos nese castigado país. Por último, sinalamos que nas inmediacións da aldea atópase unha mámoa prehistórica, sen que o Ministerio de Defensa garde a separación mínima establecida pola lei nen a Xunta de Galicia vele polo patrimonio histórico.

Desde o MGS facemos un chamamento a apoiar as protestas da viciñanza e engadimos o noso rexeitamento á presenza de forzas militares de ocupación no noso país.