Máis de 160 concellos cataláns (con 700.000 habitantes en total) celebran o 13 de decembro referendos pola independencia. Ainda que sen validez legal, como se ocupan de repetir constantemente os poderes fácticos españois -cuxa reacción oscila entre a indignación e o ocultamento-, estas consultas poñen de manifesto algo xa innegábel: a vontade da sociedade catalá de poder decidir libremente e sen inxerencias o seu futuro, un futuro que cada vez para un maior número de cidadáns daquela nación pasa pola constitución dun Estado propio.

A semente de Arenys de Munt prendeu con forza e están xa previstas novas xornadas de votación en centos de concellos máis, no meses de febreiro e abril. As consultas están a ser impulsadas pola sociedade civil, organizadas grazas a unha ampla rede de voluntarios e apoiadas por numerosas institucións municipais e comarcais así como por organizacións políticas (caso de ERC ou as CUP), e están a xerar unha ilusionante dinámica que serve como galvanizador do potente movemento soberanista naquel país.

Procesos como o catalán ou o escocés (con un referendo de autodeterminación anunciado para o próximo ano polo goberno do SNP) demostran que é posíbel hoxe en día impulsar procesos de creación de novos estados tamén na Europa occidental.

Logo dos frustrados intentos do anterior goberno basco de dotarse dun novo marco político e en vista da previsíbel sentencia do Tribunal Constitucional sobre o novo estatuto catalán, fica máis claro cada vez que as alternativas de futuro para as nacións sen estado non pasan por imposíbeis reformas legais dentro do actual marco constitucional e estatutario, senón pola súa superación e por unha ruptura democrática que os pobos debemos forzar acumulando forzas desde a base. O exemplo catalán pode ser un bo comezo para superar complexos históricos do nacionalismo galego, apostando coherentemente por un proxecto estratéxico de ruptura con España e por tanto, tamén aquí, comezar a construír a nosa independencia.

+ información:

http://www.referendumindependencia.cat
http://catalunyadecideix.cat/
http://www.decidim.cat/
http://www.vullvotar.cat/