Asemblea Aberta do MGS en Meaño

Do MGS seguimos a  convocar actos abertos co fin de pór en común coa base social do nacionalismo a nosa visión sobre a actual situación política e a necesidade de reforzarmos o BNG con unha mensaxe e unha práctica claramente soberanista e de esquerdas. Desta volta será no Salnés, no concello de Meaño, o próximo mércores 29 de agosto ás 21h no Taberna de Cancela en Xil. 

12 de agosto, acto político do MGS en lembranza de Moncho Reboiras

Por cuarto ano consecutivo, o cemiterio de Imo acollerá un acto político co que a nosa organización quere lembrar o exemplo militante do activista Moncho Reboiras, asasinado pola policía española o 12 de agosto de 1975 en Ferrol. No día en que se cumprirá o 37ª cabonado da súa morte, o MGS quer lembrar este militante comunista e nacionalista que levou o seu compromiso até as últimas consecuencias, dando a vida por unha causa pola que nós seguimos a loitar.

O acto terá lugar o propio 12 de agosto ás 13:00h no cemiterio de Imo, no Concello de Dodro, onde repousan os restos de Reboiras.

Ao remate, tamén en Imo, terá lugar un xantar popular amenizado con música tradicional.

Día da Patria: Un BNG forte para combater a crise social

Achégase un novo día da Patria no medio dunha agudización da crise capitalista que estamos a sofrer a clase traballadora galega e o conxunto das clases populares. Tanto a Xunta de Galiza como o goberno central e a Unión Europea proseguen na rota marcada para facernos pagar a súa crise. Esta rota, que consiste en eliminar dereitos laborais e sociais, privatizar e recortar servizos públicos básicos, rematar co sistema financeiro galego e salvar a banca privada, lévanos a unha situación de emerxencia que se reflicte nun desemprego próximo ás 300.000 persoas, con mais da metade da mocidade sen emprego.

Frente a isto, o lema deste ano da Fronte Patriótica quere condensar a oposición que o nacionalismo leva mantendo contra estas políticas e subliñar que o BNG está no lado das maiorias sociais, e non dos banqueiros e as oligarquías. Por iso este lema será “Rescata os teus dereitos. En Bloque podemos!”, cun BNG que sae da última Asemblea Nacional mellor preparado e equipado coas ferramentas precisas para combater esta situación.

O Movemento Galego ao Socialismo quer animar a sociedade galega a dar máis forza ao BNG, forza necesaria para reverter estas políticas agresivas que queren empobrecernos. Só un BNG forte, con capacidade de mobilización na rúa e con forza nas institucións, poderá torcer a man de aqueles que queren condenar a sociedade galega ao desemprego, á emigración, á perda de dereitos, á precariedade e á explotación, e derrotar aqueles que como PP e PSOE concordan no esencial dun camiño que nos leva ao desmantelamento dos nosos sectores produtivos e ao desastre social. Así pois, o MGS chama aos nacionalistas e á sociedade galega a secundar a manifestación que percorrerá as ruas de Compostela este 25 de Xullo, con saída da Alameda ás 12h.

Asemblea aberta do MGS en Pontevedra

Seguimos a  convocar actos abertos por todo o país, co fin de pór en común coa base social do nacionalismo a nosa visión sobre a actual situación política e a necesidade de reforzarmos o BNG con unha mensaxe e unha práctica claramente soberanista e de esquerdas. Desta volta será en Pontevedra, o próximo xoves 21 de xuño ás 20:30h no Centro Social Revira (R/ Gonzalo Gallás, 4)

Asembleas abertas do MGS na Coruña, Mos, Burela e Tui

Na próxima semana seguiremos a celebrar asembleas abertas da nosa organización, encadradas no proceso previo á nosa 1ª Asemblea Nacional. Nestes actos, de carácter totalmente aberto, queremos por en común coa base social do nacionalismo a nosa visión sobre a actual situación política e a necesidade de reforzar o BNG con un discurso e unha práctica claramente situados no soberanismo e na esquerda. Terán lugar nos seguintes lugares, datas e horas:

A Coruña. Luns 21 de maio ás 20:00h no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, situado na rua Olmos 16-18, 1º

Mos. Luns 21 de maio ás 21:00h no local do BNG de Mos, situado na Avenida de Vigo nº 38, en Puxeiros.

Burela. Martes 22 de maio ás 19:00h no local do Colectivo Cultural Buril (R/ Leandro Cucurny s/n)

Tui. Mércores 23 de maio ás 21:00h no edificio Área Panorámica, na sala de exposicións.