A Asemblea do MGS celebrarase o sábado 26 de maio na Faculdade de Políticas en Compostela.

Dado que o sábado 12, data na que tiñamos convocada a nosa 1ª Asemblea Nacional, vai haber unha importante mobilización comarcal en Vigo na defensa do sector naval en cuxa organización está fortemente implicada a militancia e simpatizantes da nosa organización, decidimos mudar a data da Asemblea Nacional para garantir o éxito das dúas convocatorias. Desta maneira a Asemblea Nacional do MGS celebrarase finalmente o sábado 26 de maio na Faculdade de Políticas en Compostela.

No mais dun mes que levamos traballando na preparación desta cita asemblear realizamos ducias de reunións con militantes do nacionalismo, asembleas de debate e asembleas abertas en diferentes localidades do país. Até o momento realizaronse asembleas abertas en Arcade, Compostela, Carnota, Vigo, Ourense, Laracha, Bueu ou Lugo e están previstas varias mais en Tui, A Coruña, Mos ou Ferrol, entre outras. É un proceso rico, de debate e contacto directo do que pretendemos sair cunha ferramenta mellor engraxada para facer frente aos importantes reptos provocados pola crise do capitalismo e polos ataques á nosa identidade nacional.

Neste proceso aberto, tamén se deu a posibilidade de participar na Asemblea Nacional, solicitar a celebración dunha asemblea aberta ou afondar na relación co MGS através dun formulario de contacto desde a web da nosa organización. Como se explicitou na presentación da Asemblea Nacional estamos nun momento no que compre aglutinar forzas e por iso facemos un chamado a militantes do BNG, a nacionalistas e independentistas que non fan parte da fronte, a compañeiras e compañeiros que participan no sindicalismo nacionalista, no movemento estudantil e xuvenil e a activistas sociais a que participen con nós nesta asemblea e que dean forza a aposta política que significa fortalecer o soberanismo e a esquerda.

Asemblea aberta en Ourense

A seguinte asemblea aberta da nosa organización terá lugar na cidade de Ourense, o próximo sábado 28 de abril ás 20:30h no Centro Social “Sem Um Can”, situado na Rúa do Vilar nº 9, na zona histórica. Como sempre, convidamos a asistir ao conxunto da base social do nacionalismo da comarca, de cara a pór en común a necesidade de afortalar no seo do BNG unha liña política nidiamente soberanista e de esquerdas, na liña do manifesto que vimos de apresentar hai unha semana para a nosa Asemblea Nacional.

Asemblea aberta na Laracha

O Movemento Galego ao Socialismo segue a celebrar asembleas abertas por todo o país, no marco do proceso previo á nosa Asemblea Nacional. Desta volta será na comarca de Bergantiños, concretamente na Laracha, o xoves 26 de abril ás 20h no local do BNG

Asemblea Aberta en Vigo

O Movemento Galego ao Socialismo celebrará, desta volta na cidade de Vigo, unha asemblea aberta ao conxunto da base social do nacionalismo na comarca. Nela queremos pór en común os nosos puntos de vista sobre a actual situación política e a necesidade, hoxe máis que nunca, de afortalar unha liña nidiamente soberanista e de esquerda para o BNG.

Esta asemblea, enmarcada no proceso previo á nosa Asemblea Nacional de maio, terá lugar o 19 de abril, ás 20:00h no Centro Parroquial do “Cristo da Vitoria”, no nº 9 da rua Baiona, no bairro vigués de Coia.

Asemblea Aberta do MGS en Lugo

O Movemento Galego ao Socialismo segue a celebrar asembleas abertas por todo o país, no marco do proceso previo á nosa Asemblea Nacional. Desta volta será en Lugo, o martes 10 de abril ás 20:30h na Cervexaría Abadía (praza da Milagrosa 14).

 

Asemblea aberta en Arcade

No marco da proceso previo á nosa Asemblea Nacional, o Movemento Galego ao Socialismo vai celebrar nas próximas semanas asembleas abertas en diferentes lugares do país para poñermos en común coa base social do nacionalismo a nosa visión sobre o que debe ser o futuro do BNG e a necesidade de reforzarmos nel un discurso e unha praxe nídiamente de esquerda e soberanista.

A primeira delas, aberta a quen queira asistir, vai ter lugar en Arcade, o próximo sábado 10 de marzo ás 17h no Centro Social Abrente (Avda. Castelao Nº48 Baixo).