Asembleas abertas do MGS na Coruña, Mos, Burela e Tui

Na próxima semana seguiremos a celebrar asembleas abertas da nosa organización, encadradas no proceso previo á nosa 1ª Asemblea Nacional. Nestes actos, de carácter totalmente aberto, queremos por en común coa base social do nacionalismo a nosa visión sobre a actual situación política e a necesidade de reforzar o BNG con un discurso e unha práctica claramente situados no soberanismo e na esquerda. Terán lugar nos seguintes lugares, datas e horas:

A Coruña. Luns 21 de maio ás 20:00h no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, situado na rua Olmos 16-18, 1º

Mos. Luns 21 de maio ás 21:00h no local do BNG de Mos, situado na Avenida de Vigo nº 38, en Puxeiros.

Burela. Martes 22 de maio ás 19:00h no local do Colectivo Cultural Buril (R/ Leandro Cucurny s/n)

Tui. Mércores 23 de maio ás 21:00h no edificio Área Panorámica, na sala de exposicións.

 

Actuando no litoral: ordenar ou prevaricar? (I)

Nestas últimas semanas varias son as polémicas que teñen marcado a axenda con relación a actuacións que se desenvolven ou van desenvolver no litoral galego. Entre elas está a ampliación dos recheos no Porto de Vigo.

No Porto de Vigo, comandado pola sua presidenta Corina Porro (PP), o comezo das obras sobre as instalacións portuarias do Areal foron paralizadas cautelarmente por unha xuíz. O proxecto en cuestión trátase dunha nova ocupación de 50.000 m2 que se realiza sen nengunha avaliación de impacto ambiental. Máis da metade desta actuación consiste nun recheo da ría, sendo o resto da actuación un avance sobre a liña de costa a base de pilotaxe.

Esta nova agresión encádrase nun Porto de Vigo que segue sen PUEP (Plano de Utilización de Espazos portuarios) que defina os usos e crecemento do Porto, algo que legalmente impediría calquer obra até este estar aprobado, e despois de ser declarado ilegal, no veciño porto de Marín-Pontevedra (tamén de interese xeral, e polo tanto dependente de “Puertos del Estado”, Ministerio de Fomento) dun aterro de 300.000m2 en Praceres, condenando a sentenza a varias administracións á reposición do estado orixinal, é dicir, á eliminación deste aterro, algo complexo de executar [1].

A lei é clara respeito a necesidade de aprobación dunha declaración de impacto ambiental neste proxecto. O RD 1/2008, de 11 de xaneiro, que aproba o “Texto Refundido de Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de Proxectos” non deixa lugar á dúbida respecto á necesidade deste nun proxecto de actuación portuaria[2]. Alegar que este proxecto (do 2009), por ter unha ocupación menor que outro anterior (do 2004) non precisa del é puro cinismo que tapa a decisión consciente de saltarse a normativa ambiental que exixe que cada proxecto precise da sua avaliación, indo pola via dos feitos consumados.

A paralización non esperada destas obras por unha rápida actuación xudicial (por unha vez favorábel) desatou as iras da presidenta popular e de todo o stablishment mediático e empresarial, que non consinten que alguen cuestione a sua impunidade. O cinismo e a mentira chega ao grao estremo de Corina Porro asegurar que a obra “no es un relleno”, en declaracións ao xornal “La Voz de Galicia” [3]. A Autoridade Portuaria enfréntase ademais á posibilidade, no caso de a obra estar paralizada máis de 6 meses e as adxudicatarias da obra así o reclamar, a unha indemnización por lucro cesante do 6% do importe dunha obra de máis de 30 millóns de euros, ademais do pagamento do xa executado: esa é a xestión que pode apresentar aos vigueses.

Debemos reflexionar sobre como a dereita españolista non ten nengún problema en levar adiante os seus proxectos ainda que foren actuacións perfectamente calificábeis de prevaricación, mentres en casos semellantes onde no máximo existen dúbidas legais, o nacionalismo sexa incapaz de actuar a favor dos intereses populares, como en Massó. Debemos reclamar ademais a necesidade dunha análise sosegada das necesidades do Porto de Vigo (non baseada unicamente nos lucros empresariais), da sua ocupación e da posibilidade de eliminar instalacións que non requiran a súa situación no Porto: compre concebir este como un hub de mercadorias e non como un polígono industrial de naves de empresas. Non se pode consentir que mentres se proclama insistentemente a suposta necesidade de ocupar máis e máis litoral por necesidades de espazo ou calado, creando alarmismo sobre un suposto cataclismo económico se non se acede á chantaxe, non se ordene racionalmente o Porto e a Autoridade Portuaria propoña ocorrencias como hoteis de máis de 100m de altura (con Abel Caballero, PSOE, á fronte do Porto do 2005 ao 2007) ou unha “fonte cibernética” (sic) de 2 millóns de euros por parte da actual presidenta, a popular Corina Porro, que procura desde o Porto preparar o seu asalto á Alcaldia, tal como fixo o PSOE con Abel Caballero.


1 Ver, por exemplo: http://www.gznacion.com/web/noticia.php?id_noticia=16352&id_cat=8

2 O seu artigo 3.1 di: “1. Los proyectos, públicos y privados, consistentes en la realización de obras, instalaciones o cualquier otra actividad comprendida en el anexo I deberán someterse a una evaluación de impacto ambiental en la forma prevista en esta ley”. Nese anexo 1 figura, no “Grupo 6: Proyectos de infraestructuras”, punto d: “Puertos comerciales, pesqueros o deportivos.”

3 http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2010/01/10/0003_8217801.htm