Perante as eleccións ao Congreso: só confiamos no noso pobo!

Imaxe de GZFoto.

A representación parlamentar ten que ser aproveitada para reforzar as nosas principais fortalezas, que non residen nas institucións nin en Madrid, senón na nosa terra e fóra delas: na nosa organización popular, na capacidade de mobilización, no afortalamento do tecido social e na construción de espazos de disidencia

1) Parabenizamos o conxunto da militancia do BNG, á sua base social e simpatizante, polo novo resultado eleitoral, que confirma unha liña ascendente que acompaña a paulatina recuperación do proxecto histórico, da identidade soberanista e de esquerdas da organización. A obtención de representación no Congreso, cun deputado, ten un valor cualitativo moi relevante, xa que permitirá intervir directamente na defensa dos intereses e aspiracións da clase traballadora e as clases populares galegas, extender o coñecemento do proxecto político alternativo, patriótrico e de esquerdas defendida polo BNG, e aumentar en xeral a conciencia política no noso pobo.

2) É de notar que esta representación foi conseguida nunhas condicións non enteiramente novidosas, mais de enorme dificultade: o debate político é cada vez máis dependente dos intereses económicos e políticos das grandes corporacións e dos medios de comunicación, nomeadamente da televisión, e garda menos relación co traballo de rúa, as campañas e os actos políticos tradicionais; nunhas eleccións que máis unha vez foron interpretadas como presidenciais en exclusiva, o BNG tivo que introducir un marco alternativo que xiraba en torno da identificación, as necesidades e as prioridades de Galiza como nación. Calquer éxito do BNG é consecuencia directa dos esforzos do seu corpo militante, que presenta aínda fraquezas, mais que é único entre todas as organizacións políticas galegas. Non obstante, temos que recoñecer as nosas limitacións e afortalar a loita ideolóxica e os seus instrumentos no noso país, con especial atención á construción de medios de comunicación e institucións alternativas de socialización e construción nacional.

3) A representación parlamentar ten que ser aproveitada para reforzar as nosas principais fortalezas, que non residen nas institucións nin en Madrid, senón na nosa terra e fóra delas: na nosa organización popular, na capacidade de mobilización, no afortalamento do tecido social e na construción de espazos de disidencia. Agardamos que sexa útil tamén para fortalecer as relacións e a coordinación co independentismo de esquerdas de Euskal Herria e os Países Cataláns, tamén reforzado, coa ambición de nos converter nunha nova fronte de conflito para o réxime, doente dunha profunda crise ante as demandas de liberación nacional dos pobos sen Estado.

4) Na coxuntura actual, queremos expresar as seguintes consideracións arredor da conformación dun novo goberno no Estado, de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos.

a) O marco conceptual dun “goberno de progreso” só se sostén de ignorarmos deliberadamente o que afirmamos en teses asembleares, nos programas eleitorais e nos documentos internos: o Partido Socialista foi sempre un instrumento privilexiado das clases dominantes, máximo defensor do réxime, da dependencia da Galiza e da monarquía, firmemente comprometido coa ortodoxia neoliberal e coas principais potencias e organizacións imperialistas (EUA, OTAN, Unión Europea). É fundamental que as forzas que teñen un proxecto alternativo e superador do actual marco, nomeadamente o BNG, eviten calquer posición de subalternidade a este fraudulento “campo progresista”.

b) O programa do BNG parte da premisa da ruptura necesaria no Estado para acadar transformacións positivas para os pobos e nomeadamente para o noso. Se esta proposición é aceitada como verdadeira, non pode ser abandonada de contado para negociar reformas parciais, investimentos ou acordos orzamentarios. Non podemos aceptar unha concepción especulativa sobre a ligazón entre a “Axenda Galega” e unha estratexia soberanista inexistente, senón que a articulación debe realizarse á inversa: primeiro debemos definir a estratexia e despois encaixar nela as moitas demandas e aspiracións do noso pobo desde a súa consideración como suxeito político pleno, e non como unha rexión meramente agraviada por un poder afastado. As políticas do Estado en contra das nosas aspiracións e intereses non son o reflexo dunha política insensíbel e ignorante, senón a consecuencia dunha opresión nacional real, que reserva para nós un papel subalterno e dependente dentro do réxime, cuxa modificación non é posíbel de forma reformista ou negociada, xa que existen notábeis beneficios materiais para o capital e o poder político que o representa.

c) Sen deixar de considerar a correlación real de forzas, a nivel político, social e institucional, debemos defender o noso programa na súa integridade, cunha liña de continuidade clara entre calquer demanda concreta (como a descentralización e abaratamento de infraestruturas fundamentais, o nivel de investimentos no noso país, as medidas de abaratamento da enerxía eléctrica, as alternativas á crise industrial, a aprobación de medidas de defensa da nosa lingua e cultura, entre outras) e outras medidas máis avanzadas.

d) Sen deixar de defender en todo momento e circunstancia os nosos propios intereses e a nosa estratexia, debemos ter en conta a crise profunda que padece o réxime e a existencia dun proceso independentista na Catalunya. Se as alternativas transitan entre a restauración e a ruptura, a nosa achega debe ser expresa e clara en favor da segunda e non podemos aceptar calquer manobra que pretenda situarnos como un instrumento accesorio da reestabilización do réxime. Na liña do que xa temos manifestado en cada convocatoria das mobilizacións de solidariedade, debemos comprender -e integrar coerentemente na nosa actuación- a profunda relevancia que ten este proceso independentista, principal vector de ruptura no Estado, e defender a constitución de repúblicas soberanas como alternativa real. Debemos ter cautelas ante unha posíbel instrumentalización que pretenda facernos lexitimar calquer intento de restauración, reestabilización ou reforma do réxime e promover, desde a noso propio contexto político e correlación de forzas, a cooperación e solidariedade mutua entre os movementos soberanistas do Estado.

e) Finalmente, existen factores conxunturais máis recentes que tamén merecen a nosa atención. O PSOE profundizou na súa liña reaccionaria na ultima campaña eleitoral, negando o carácter de conflito político na Catalunya, prometendo o encarceramento do presidente exiliado por medio da utilización instrumental da Fiscalía e convertendo a prohibición expresa de referendos nunha promesa eleitoral destinada aos sectores máis reaccionarios; tamén reiterou o seu compromiso co neoliberalismo e coa submisión ás directrices de recortes e medidas antipopulares da Unión Europea, por medio do compromiso co Plan de Estabilidade 2019-2022, co impulso de novas medidas contra o sistema público de pensións e a favor do abaratemento do despedimento (a “mochila austríaca“), e emblematicamente coa anunciada promoción da ministra Calviño como principal representante do ultraliberalismo; tamén aprobou en funcións unha nova restrición das liberdades na rede, por medio dun decreto-lei polo cal se amplían os poderes do goberno para pechar páxinas e servidores. Pedro Sánchez non só herdou os orzamentos anteriores, que xestionou sen ningún incomodo, senón que mantivo na súa integridade -coa corresponsabilidade de boa parte dos partidos do arco parlamentar- a arquitectura legal regresiva impulsada pola maioría absoluta do goberno Rajoy, o que inclúe a reforma laboral de 2012, a Lei Mordaza, a LOMCE, a reforma do Tribunal Constitucional que permite a inhabilitación directa de cargos políticos e outras disposicións profundamente antipopulares.

5) Nós confiamos e confiaremos sempre no noso pobo. A organización do poder popular, o afortalamento das organizacións e loitas populares son os nosos principais instrumentos para gañarmos un futuro diferente. As recentes contendas electorais representaron un paso pequeno, mais de enorme valor cualitativo para reforzar o noso proxecto alternativo, combativo, patriótico e de esquerda, antagónico ao que representan e comparten PP e PSOE. De nós depende aproveitalo para organizar e mobilizar máis pobo no combate pola liberdade.

Perante a represión: liberdade para Catalunya!

Os movementos de liberación nacional supoñen un auténtico contrapoder, unha impugnación total do réxime e unha ameaza á súa propia viabilidade.

Hoxe vimos de coñecer de xeito oficial o resultado do xuizo farsa que se celebrou no Tribunal Supremo español contra parte da dirixencia do proceso independentista en Catalunya. Queremos transmitir a nosa solidariedade, o noso apoio e a nosa confianza fraterna a todas elas, ás súas familias, ás organizacións políticas ás que pertencen e, por extensión, ao conxunto do movemento soberanista e popular catalán.

Este novo ataque ás liberdades e os dereitos máis básicos só é unha mostra máis da verdadeira natureza do Réxime español e do Estado que o sustenta. É unha resposta brutal e represiva da que tantos e tantos exemplos ten habido desde a morte do ditador e unha falsa transición tutelada e dirixida pola mesma oligarquía política, económica e militar que gobernaba até ese momento no franquismo.

A situación logo de máis de 40 anos? Unha constitución ilexítima e irreformable, unhas forzas represivas cuxo fin máis importante é a garantía da indivisibilidade do estado, unha institución monárquica anacrónica e nomeada directamente polo ditador e, en definitiva, un réxime podre e decadente que protexe e blinda os privilexios da burguesía española e as súas taxas de gaño mediante o espolio e a represión ás nacións dominadas polo estado e ao conxunto das e dos traballadores.

Só así podemos entender até que punto o movemento independentista catalán, e o conxunto dos movementos de liberación nacional, supoñen un auténtico contrapoder, unha impugnación total do réxime e unha ameaza á súa propia viabilidade. Só así podemos comprender a envergadura do que supuxo o referendo do 1 de outubro, unha auténtica revolución democrática, nacional e popular; unha ameaza real e masiva a un réxime que respostou como unicamente sabe, coa represión. Unha derrota real dos opresores, unha mostra verídica das capacidades da desobediencia e a mobilización popular.

As leccións que podemos sacar de todo o que está a acontecer para o noso país e a nosa conxuntura tamén son moi valiosas.

En primeiro lugar volver afirmar o dereito de toda nación a construír o seu propio estado e a desenvolverse libremente e sen inxerencias externas. Cada un ao ritmo preciso que lle permita o desenvolvemento da súa loita de liberación nacional e popular. Como xa vimos, no caso concreto do Estado Español eses dereitos nacionais atacan e impugnan completamente os cimentos da viabilidade do propio Réxime, a unidade do Estado.

En segundo lugar, as opcións de ruptura democrática co estado son as que representan posicións de contrahexemonía á burguesía e o imperialismo español. Son as que abren un proceso constituínte non tutelado onde existe unha oportunidade real de cambialo todo, só dependendo da correlación de forzas existente nese intre histórico. Son unha oportunidade única de asestar un golpe moi importante que situaría ás clases populares nun lugar privilexiado para conseguir obxectivos tácticos inmediatos e avanzar nos estratéxicos. A incautación de capitais e nacionalización de certos sectores da economía, a ruptura coa Unión Europea e co Euro, a política de alianzas e a NATO, a construción e participación popular, a recuperación e o avance en dereitos políticos, sociais e laborais, etc.

En terceiro lugar, un estado a todas luces irreformable. A vía sen saída que nos ofrece unha recortada autonomía, que só representa máis pobreza, máis dependencia, máis submisión, máis autoritarismo, máis centralismo e máis represión. Non pode existir dicotomía entre autonomía e independencia, entre teimar en encaixar nun irreal estado plurinacional que xamais será tal e a posibilidade de gobernarmos nós o noso destino en igualdade co resto de pobos do mundo. Entre unha formal federación e a República Galega.

En cuarto lugar, e non menos importante, a necesidade de asumir que só coa desobediencia ás institución do Estado, ben sexa política, económica, xudicial, policial ou militar; só coa resistencia ás políticas e medidas represivas e antipopulares; só coa mobilización e a vontade popular poderemos avanzar nun proceso constituínte que nos achegue á consecución dos nosos obxectivos políticos. Contra isto a alternativa do estado é máis autoritarismo e máis centralización.

A autodeterminación, a desobediencia, a resistencia non se reclaman, exércese en todos os ámbitos da vida política. No institucional e na organización popular. Nos concellos e nas asembleas, nos parlamentos e nos centros de traballo. O deber que temos como soberanistas, alí onde esteamos presentes, é facer todo o que estea na nosa man para axudar ao desenvolvemento do proceso de liberación nacional e á deslexitimación do Réxime mostrando sen panos quentes a súa verdadeira carauta.

Que a nosa solidariedade coas presas políticas catalás condenadas hoxe, coas detidas e incomunicadas dos CDR, coas procesadas e sancionadas, por extensión, con todas aquelas persoas represaliadas por loitar contra o estado imperialista español, non sexa retórica dun día. A súa loita é a nosa loita, e a nosa loita é a de todos os pobos do mundo que buscan a súa liberación. Impugnemos o marco xurídico-político, desobedezamos as súas leis inxustas, resistamos a represión e o medo e avancemos cara a unha República libre e soberana.

Participa nas mobilizacións que a Plataforma Galiza con Catalunya ten convocadas en varias cidades e vilas do país.

Enchamos as rúas de solidariedade!

Nin sentenza, nin sedición, Independencia!

A 44 anos do seu asasinato. Moncho Reboiras, na memoria e na acción.

Lucía Freire chamou a atención sobre as prioridades de reforzar a organización e concienciación da clase traballadora, en combate coa ideoloxía dominante. 

O militante revolucionario, o comunista e independentista, o cadro político, o organizador sindical, o activista cultural… Cada 12 de agosto o Movemento Galego ao Socialismo e Isca! lembran non só a figura de Moncho Reboiras, asasinado nos estertores do franquismo cando aínda comezaba a articular o movemento nacional popular, senón a vixencia das súas ideas e das nosas necesidades, as de construír as ferramentas organizativas e ideolóxicas coas que nos liberar.

Polo MGS tomou a palabra Lucía Freire, membro da MN do partido e da Executiva Confederal da CIG, quen realizou unha valoración da actual situación política, chamando a atención sobre as prioridades de reforzar a organización e concienciación da clase traballadora, en combate coa ideoloxía dominante. Fixo fincapé no estreito contacto coas masas que se realiza dentro do sindicalismo nacionalista e de clase, se ben chamou a atención sobre a necesidade de redobrar os esforzos formativos para que este non se limite á resolución dos conflitos. Entre outros aspectos, tamén sinalou o avanzo, aínda insuficiente, da participación das mulleres no movemento nacional popular.

Interveu tamén Nemésio Barxa, avogado que nos anos 70 defendeu as distintas represaliadas da UPG e doutras organizacións. Nun discurso ateigado de referencias emotivas, lembrou as dificuldades existentes nos primeiros momentos para coñecer as circunstancias do asasinato de Reboiras, dada a práctica de ocultación e manipulación policial e xudicial do tardofranquismo e tamén da Transición. De feito, explicou que acadou o acceso á información no transcurso dun proceso aberto contra Francisco Carballo, que fora xulgado por escribir que Reboiras fora asasinado. Barxa argumentara que precisaba da información para poder atender ao seu defendido, quen tamén intervira nesta mesma homenaxe en 2013. Barxa enmarcou o asasinato de Reboiras dentro das características estruturais do réxime franquista, o terror e a desmemoria, contra as que se erguían mozos como Reboiras, desde o ámbito estudantil, o traballo na fábrica ou o cultural, e notou que o Moncho representaba unha figura excepcional, non só pola súa enerxía, amor ao país, ao seu pobo e a súa lingua, senón porque a súa actividade puido atinxir todos estes campos.

Participaron tamén Xoán Bautista, do BNG de Dodro, e José Rodríguez, por Isca!. O primeiro reflexionou sobre o traballo político que hoxe pode desenvolver o nacionalismo, como legado de actuacións comprometidas e mesmo heroicas no pasado. O segundo  chamou a atención sobre o inmenso traballo desenvolvido por Reboiras nos seus 25 anos de vida, e sinalou a complexa situación material na que se atopa a mocidade galega na actualidade, necesitada de alternativas profundas e de organizacións que defendan os seus intereses e aspiracións, desde o estudantil até o mundo do traballo.

A homenaxe incluíu tamén a actuación musical do grupo Raiba!, que ofreceu unha adaptación exclusiva do seu repertorio ao formato acústico e estreou tamén un tema especificamente dedicado a Moncho Reboiras. O acto concluíu cos dous himnos que identifican ao comunismo galego, a Internacional e o Himno Nacional, e coa entrega dunha coroa de flores na tumba de Reboiras.

Podes ver aquí a galería fotográfica.

28-A: desestabilizar o réxime, sumar forzas para a ruptura democrática

A esquerda española que nalgún momento dixo pretender exercer como oposición real ao turnismo ou mesmo presentarse como opción de ruptura, non aspira xa a ser máis que muleta necesaria que influencie no posíbel as políticas do goberno, sen condicionar ese apoio a unha saída democrática aos conflictos nacionais e sen cuestionar os estreitos marcos sistémicos (nomeadamente as imposicións da UE) que impiden calquer opción de avance social real.


 

Estas eleccións e o ciclo electoral deben servir como un paso máis para a extensión social do proxecto nacionalista e de esquerda, avanzando cara a consolidación do BNG como ferramenta unitaria e referencial (non só a nivel electoral) para os sectores máis conscientes da sociedade, o activismo social e as loitas populares. É neses espazos onde onde é factíbel e desexábel a ampliación do proxecto unitario do soberanismo.

As eleccións ás cortes españolas do 28 de abril foron convocadas nun contexto de ofensiva reaccionaria e españolista, mais tamén de evidentes dificultades do réxime para conseguir un marco de estabilidade. A convocatoria estará moi condicionada polo conflito catalán, ao celebrarse en pleno xuízo contra parte da dirixencia política do proceso independentista. Precisamente, o feito de ter varios candidatos imposibilitados de facer campaña por estaren en prisión ou no banco dos acusados defendéndose de acusacións delirantes, ilustra mellor que ningún outro a natureza do réxime do 78 e a forma en que este responde ás verdadeiras ameazas contra a súa natureza, fundamentada na súa unidade defendida pola forza sempre que preciso.

Como sinalamos despois da moción de censura que levou a Pedro Sánchez ao goberno, esta nova alternancia na xestión do estado non serviría máis que para tentar unha nova operación de relexitimación do réxime, que porén atopa cada vez máis problemas en efectivizarse.

A maioría que non houbo para aprobar os orzamentos (o que deu pé á disolución do Congreso por puro cálculo electoral) si que existía cando menos desde 2015 para outras medidas formalmente defendidas polo PSOE, como a derogación da reforma laboral ou da “Lei Mordaza”. A renuncia a cumprir mesmo eses mínimos, xunto ao feito de que, fora de xestos, mantívose no fundamental a mesma posición ante o conflito catalán, demostra as enormes limitacións da cara B do réxime representada polo eterno “mal menor” do PSOE. Igualmente, a esquerda española que nalgún momento dixo pretender exercer como oposición real ao turnismo ou mesmo presentarse como opción de ruptura, non aspira xa a ser máis que muleta necesaria que influencie no posíbel as políticas do goberno, sen condicionar ese apoio a unha saída democrática aos conflictos nacionais e sen cuestionar os estreitos marcos sistémicos (nomeadamente as imposicións da UE) que impiden calquer opción de avance social real.

Así, alternativas ás que aparece abocado o estado redúcense á limitada escolla entre a alternativa rexereracionista protagonizada polo PSOE (ben con apoio do Cs ou ben de Podemos, en cuxo caso que tería que contar con sectores do autonomismo ou do nacionalismo dispostos a participar da mesma) ou a regresión aberta e acelerada representada pola alianza tripartita xa concretada en Andalucía con PP-Cs-Vox. Nesta última posibilidade chama a atención, en contraste con outros estados europeos, a rapidez en normalizar a extrema dereita como actor político normalizado, co que pactar sen problemas e mesmo asumindo moitos elementos do seu discurso.

Diante desta ameaza, a xa habitual tentación do “voto útil” volverá estar moi presente dirixindo o voto cara ao PSOE, o que esixe un discurso e unha liña de clara desmarcaxe e denuncia do papel do mesmo durante estes 40 anos. Entre outros motivos, porque a experiencia en moitos outros contextos demostra que é a desmobilización e a frustración xerada pola xestión anti-popular da suposta “esquerda” a que moitas veces abriu paso á emerxencia e o medre da extrema dereita.

O papel do soberanismo de esquerda

Desde que nacemos como espazo organizado, sempre defendemos abertamente a irreformabilidade do estado español, e por tanto a necesidade dunha estratexia de ruptura asentada na organización e mobilización social e acompañada dunha acción institucional consecuente con iso. A evolución dos últimos anos, non fixo máis que confirmar esa diagnose, que tamén é asumida claramente polo BNG nas conclusións das súas últimas Asembleas Nacionais.

Para avanzar nese camiño, seguimos a acreditar na necesaria unidade de todas aquelas organizacións e persoas que asuman un proxecto de liberación nacional e social para o noso pobo, e que neste momento asuma a centralidade da loita pola República Galega como horizonte en base ao que acumular forzas en todos os ámbitos.

Estas eleccións e o ciclo electoral deben servir como un paso máis para a extensión social do proxecto nacionalista e de esquerda, avanzando cara a consolidación do BNG como ferramenta unitaria e referencial (non só a nivel electoral) para os sectores máis conscientes da sociedade, o activismo social e as loitas populares. É neses espazos onde onde é factíbel e desexábel a ampliación do proxecto unitario do soberanismo, mais que na agregación matemática de outros proxectos que non comparten os mesmos mínimos programáticos.

Tras a previsíbel desfeita das alianzas de sectores do soberanismo coa esquerda española, nesta nova fase o BNG debe ser quen de presentarse novamente unha voz propia e sen tutelas, mais tamén de ser o altavoz das demandas populares con un discurso desacomplexadamente de esquerdas, feminista e combativo, exercendo un papel de confrontación constante co réxime e impugnándoo na súa totalidade.

O proxecto do BNG contrasta co da esquerda española no discurso nacional, pois considera o noso país como suxeito político con todas as consecuencias, mais tamén o fai ao asumir propostas (xestión pública dos sectores fundamentais, oposición á UE e á OTAN, proceso constituínte, república…) tanto tácticas como estratéxicas que delimitan claramente o seu campo co de outros sectores políticos, tamén o dun neo-autonomismo posibilista que pretende reconfigurarse no país.

Nesa liña será fundamental ligar o nacional e o social e polo tanto soster un discurso claramente alicerzado sobre as políticas materiais e os problemas do noso pobo, a maioría deles condicionados e agravados pola nosa dependencia como nación.

En definitiva, a dialéctica reforma versus ruptura está máis vixente que nunca e, igual que nos momentos críticos da “transición”, o rol consecuente do movemento nacionalista galego será determinante para o avance nos próximos anos.

Por tanto, do papel do BNG, sen renunciar a calquer conquista inmediata que poda resultar un alivio ou avance nas condicións das maiorías sociais do noso país, non se debería esperar en nengún caso xogar un papel de estabilidade, gobernabilidade ou sustento a un goberno que non recoñeza os mínimos democráticos. As voces do soberanismo en Madrid deben ser un transmisor das demandas do noso pobo, mais tamén un factor de constante deslexitimación e combate do réxime.

Nese camiño, pensamos que son útiles as alianzas, pre ou post-electorais, cos sectores que nos outros pobos de estado compartan esa vía, necesarias para reforzar un polo verdadeiramente rupturista frente ás falsas alternativas. Unha alianza verdadeiramente internacionalista e solidaria que demostre que as relacións entre os pobos oprimidos polo mesmo réxime poden darse en pé de igualdade, sen as dinámicas españolizantes e de subordinación que tan nefastos resultados deron para o soberanismo.

Ante a nova tentativa golpista en Venezuela, defendamos a vontade popular

Ante a imposibilidade de sumar xa aos plans da dereita a sectores significativos da forza armada e forzar así un golpe clásico similar ao de 2002, experimentáronse diversas fórmulas para vencer unha batalla que a oposición non é quen de gañar nas urnas: desde localizados alzamentos armados ou accións abertamente terroristas -como o atentado contra o presidente Maduro no pasado agosto- até o golpe institucional, xa tentado en diversas ocasións, neste caso promovido pola Asemblea Nacional que controlan.

 


 

Chamamos ao pobo galego a exercer a solidariedade internacionalista e mobilizarse contra o imperialismo, as inxerencias e o golpismo, esixindo aos nosos gobernos e institucións que non se aliñen na súa estratexia criminal.

Ante a nova tentativa golpista contra o goberno de Venezuela, desde o Movemento Galego ao Socialismo queremos denunciar as recentes manobras deseñadas polos EUA e executadas pola dereita venezolana co fin de lexitimar a imposición dun presidente non electo e auto-proclamado sen nengún tipo de aval popular ou democrático.

A promoción por parte das oligarquías locais e estranxeiras da figura de Juan Guaidó, dirixente do partido de dereita Voluntad Popular, pretende relexitimar unha oposición debilitada por liortas internas e falta de credibilidade entre a súa propia base, especialmente tras a derrota da última tentativa violenta de derrocar o goberno en 2017, abortada daquela coa exitosa convocatoria da Asemblea Nacional Constituínte, que puxo final a unha ofensiva que provocou máis de 100 mortes.

Ante a imposibilidade de sumar xa aos plans da dereita a sectores significativos da forza armada e forzar así un golpe clásico similar ao de 2002, experimentáronse diversas fórmulas para vencer unha batalla que a oposición non é quen de gañar nas urnas: desde localizados alzamentos armados ou accións abertamente terroristas -como o atentado contra o presidente Maduro no pasado agosto- até o golpe institucional, xa tentado en diversas ocasións, neste caso promovido pola Asemblea Nacional que controlan. Así, pouco mais dun cento de deputados arrogáronse a lexitimidade de designar un novo presidente, ignorando a elección do pasado mes de maio, gañada ampla e limpamente por Nicolás Maduro. A propia data e condicións dese proceso electoral foron acordados coa maioría da oposición, no marco dun proceso de diálogo do que se retiraron xusto antes da prevista sinatura final, por orde directa dos Estados Unidos. Ainda así, un sector da oposición concorreu contra o chavismo ás eleccións, cuxos resultados foron auditados por numerosos observadores de dentro e fora do país.

Agora, a dereita venezolana representou o seu último guión, xa sen disimulo nin pudor, de forma que non hai dúbida posíbel sobre quen son os seus autores. Nunha calculada posta en escena, o vicepresidente estadounidense Mike Pence gravou e difundiu masivamente un vídeo en nome de Trump animando a oposición a sair ás rúas para derrocar o presidente electo. O día seguinte, ironicamente conmemorando o aniversario dunha rebelión contra a dictadura, “proclamouse” un presidente non votado por ninguén coa pretensión de substituir o que foi electo. De inmediato, os EUA recoñeceron esta nova presidencia ficticia, e a seguir fixerono os gobernos lacaios do continente que conforman o chamado “Grupo de Lima”.

Máis unha vez, os mesmos que perpetran, lexitiman ou calan ante flagrantes violacións dos dereitos humanos en países veciños gobernados pola extrema dereita (por citar só dous exemplos recentes: os 120 líderes sociais asasinados nos primeiros 100 días de mandato de Duque en Colombia, ou a recente revelación dos vínculos de Bolsonaro co grupo do crime organizado responsábel do asasinato de Mariele Franco) son os que hipocritamente din querer defender eses mesmos dereitos ou a democracia, derrocando para iso gobernos lexítimos.

A difícil situación económica de venezuela, motivada fundamentalmente pola guerra económica da burguesía, as sancións e os bloqueos internacionais (nomeadamente dos EUA), pretenden criar un escenario que debilite a base popular do chavismo e portanto a súa resposta ás maniobras golpistas, ao tempo que crean a matriz da “crise humanitaria” que xustifique, xunto á violencia e a desestabilización política, unha intervención externa. A resistencia dese pobo, das clases populares que sempre foron o sustento da Revolución Bolivariana, será a que permita enfrentar estes novos ataques e recuperar a iniciativa no proceso de transformación social do país, exercendo tamén de sustento e referencia para o necesario impulso de procesos revolucionarios no resto do continente e do planeta.

Nesta nova fase é probábel o recrudecimento da xa longa ofensiva diplomática, política e económica e da acción violenta, tanto no interior como desde o exterior. Ante isto, queremos reiterar o noso apoio á soberanía de Venezuela, ao seu goberno, ao seu pobo e ao seu proceso democrático que defende o dereito das maiorías sociais a avanzar en paz cara a plena independencia e a construción do socialismo. Por tanto chamamos ao pobo galego a exercer a solidariedade internacionalista e mobilizarse contra o imperialismo, as inxerencias e o golpismo, esixindo aos nosos gobernos e institucións que non se aliñen na súa estratexia criminal.

Contra 40 anos de imposición da Constitución Española: abrir un camiño de soberanía e democracia

O sometemento dos pobos negados polo Estado español que a Constitución consagra segue a ser un elemento fulcral para a permanencia do réxime e o que garante os mecanismos de acumulación da súa oligarquía corrupta. O balance destes 40 anos para o pobo galego, tanto da constitución como do seu derivado estatutario, non fai máis que consagrar un saldo de emigración, explotación, espolio dos recursos, liquidación dos sectores produtivos, destrución do territorio e erradicación progresiva da nosa lingua e cultura.

Diante deste 6 de decembro no que o españolismo está a intensificar a exaltación do 40 aniversario dun texto legal nacido da herdanza directa da ditadura franquista, desde o Movemento Galego ao Socialismo queremos pór de manifesto a vixencia da lectura crítica que defendeu historicamente o nacionalismo galego e denunciar o edulcoramento que impón, sen excepcións, a lectura feita por parte das forzas estatais. Un edulcoramento que está a servir para camuflar as súas orixes e para lexitimar a negación dos dereitos dos pobos e, por extensión, dos dereitos sociais e democráticos, baixo a defensa abnegada dunha unidade do Estado español que a cada paso é menos sostíbel.

Nun contexto como o actual cómpre recordar que o texto constitucional non é froito dun proceso de superación do período da ditadura, senón que naceu desde un inicio coma un pacto ao servizo das elites franquistas que foron as que planificaron a modernización do réxime para dotalo da forma actual. Coa colaboración da maior parte de esquerda española, o proceso de “transición” evitou explicitamente calquer tipo de depuración do fascismo nos aparellos institucional, xudicial, mediático e económico, de forma que hoxe en día os crimes franquistas seguen impunes e os seus executores ou herdeiros políticos seguen a desfrutar dos seus espazos de poder inctactos.

40 anos despois, vemos como este conglomerado de poder segue ao servizo de intereses moi afastados das necesidades dos pobos e das clases populares. Máis aínda, demóstranse como o principal aliado dun capitalismo irreformábel ao que se amoldan mesmo resolucións xudiciais, como vimos hai pouco a respecto da sentenza dos impostos hipotecarios. Sobran evidencias de como o marco político é deseñado para atender estes intereses económicos en detrimento das necesidades da clase traballadora, como demostrou a reforma expréss da constitución na que PP e PSOE pactaron superditar ao rescate da banca e ao pagamento da débeda as necesidades sociais.

A mellor mostra da continuidade que une o franquismo coa mal chamada transición e a actualidade é a permanencia da monarquía, unha institución que foi directamente designada polo dictador, allea á vontade popular e que absorve recursos económicos que poderían destinarse a outras prioridades mentres desfrutan de privilexios que impiden que sexa fiscalizada e xulgada. Fronte a isto non caben referendos que a lexitimen nin reformas pantalla como as que anuncia timidadamente o goberno de Sánchez, senón a súa supresión no marco do combate estratéxico pola ruptura democrática, a República Galega e un proceso constituínte para retornar a palabra ao pobo.

O sometemento dos pobos negados polo Estado español que a Constitución consagra segue a ser un elemento fulcral para a permanencia do réxime e o que garante os mecanismos de acumulación da súa oligarquía corrupta. O balance destes 40 anos para o pobo galego, tanto da constitución como do seu derivado estatutario, non fai máis que consagrar un saldo de emigración, explotación, espolio dos recursos, liquidación dos sectores produtivos, destrución do territorio e erradicación progresiva da nosa lingua e cultura.

A recente emerxencia, xa a cara descuberta, dun fascismo sen camuflaxes e a súa rápida normalización como actor político é unha clara mostra da natureza do réxime do 78, que nun contexto de cuestionamento dos seus alicerces (fundamentalmente polo proceso independentista catalán) responde coa radicalización e exaltación dos valores dunha constitución que estabelece e lexitima na resposta militar e violenta o control da unidade do Estado. O fascismo, máis ou menos explícito, leva máis de 80 anos instalado nas institucións do Estado Español, como ilustra perfectamente o feito de un ministro de Franco ter exercido durante 16 anos como presidente autonómico. Porén, como resposta á crise dun réxime que xa non é quen de manter a súa estabilidade cos mesmos mecanismos, actores e formas de dominación dos últimos 40 anos, xorden os novos fenómenos que auguran unha ofensiva reaccionaria que cómpre enfrontar en chave non só de denuncia e mobilización antifascista, mais tamén de organización popular, traballo de base e alternativas tácticas e estratéxicas para os sectores populares.

Ante isto, que tanto desde a dereita como desde unha parte maioritaria da esquerda española se aproveite o contexto para culpabilizar o independentismo do auxe das forzas mais reaccionarias e españolistas, amosa que son realmente os pobos do Estado quen están facendo abalar o Réxime do 78 ao indicar como é posíbel escoller un futuro de soberanía, xustiza e democracia como alternativa á involución en termos de dereitos sociais e democráticos que representa o Estado español. É por iso que desde Galiza debemos sumar esforzos para incrementar e organizar a resposta social e continuar a acumular forzas para, frente ás propostas de reforma cosmética ou mesmo de regresión, propiciar a ruptura en chave independentista e revolucionaria, que abra camiño para a construción do socialismo.

40 anos abondan, destapemos a carauta do Estado español e construamos a República Galega!