Asemblea Aberta do MGS en Meaño

Do MGS seguimos a  convocar actos abertos co fin de pór en común coa base social do nacionalismo a nosa visión sobre a actual situación política e a necesidade de reforzarmos o BNG con unha mensaxe e unha práctica claramente soberanista e de esquerdas. Desta volta será no Salnés, no concello de Meaño, o próximo mércores 29 de agosto ás 21h no Taberna de Cancela en Xil. 

Asemblea aberta do MGS en Pontevedra

Seguimos a  convocar actos abertos por todo o país, co fin de pór en común coa base social do nacionalismo a nosa visión sobre a actual situación política e a necesidade de reforzarmos o BNG con unha mensaxe e unha práctica claramente soberanista e de esquerdas. Desta volta será en Pontevedra, o próximo xoves 21 de xuño ás 20:30h no Centro Social Revira (R/ Gonzalo Gallás, 4)

O BNG defende a creación dunha Banca Pública Galega

A crise financieira de 2007 levou ao colapso dos instrumentos de financiamento e provocou un grave deterioro da liquidez e solvencia das entidades, que finalmente afectou ás empresas e agravou a recesión. O goberno español, tanto en mans de PSOE como de PP, apostou por unha solución que non representou máis que un novo e maior problema: rescatar un modelo de banca virada cara a especulación. PSOE e PP sacrificaron os intereses da clase traballadora para salvar a destrución de capital creada por burbullas de capital ficticio, concentrando todo o sistema nun reducido número de entidades, moito máis grandes, e reforzando o seu perfil especulativo. Dentro deste proceso, desmanteláronse as caixas de aforros -se ben xa perderan o seu sentido orixinal hai moitos anos-, que foron bancarizadas e nacionalizadas -de xeito que na actualidade é o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria, FROB, o accionista maioritario de Novagalicia Banco- coa intención de entregalas ao grande capital unha vez saneadas, restablecendo así o sistema circulatorio do capital.

O BNG pretende popularizar na sociedade galega a viabilidade e necesidade dunha Banca Pública Galega para romper co rumbo de asfixia económica e recorte xeralizado de actividade. A Banca Pública tería capacidade para a captación de depósitos particulares, para crédito e investimento, e actuaría ademais como Axencia Financieira da Comunidade Autonóma, asumindo así o control das operacións financieiras asociadas ao seu orzamento. Tería unha implicación directa no desenvolvemento nacional, orientaríase cara a economía produtiva e non especulativa e axudaría como ferramenta contra a recesión, mellorando o acceso aos créditos de proxectos de desenvolvemento socioeconómico real.

Así, o BNG desenvolverá unha campaña pública de información arredor da súa alternativa do sistema financieiro, enmarcada nunha serie de propostas opostas ás políticas económicas e sociais do PP, en particular a defensa dunha reforma fiscal profunda que obrigue aos ricos a pagar máis -en contra do que se vén facendo desde hai tres décadas-, a esixencia dun novo modelo de financiamento para o país ou a adopción de medidas urxentes de redistribución da renta que afecten á poboación damnificada pola crise, como os milleiros de desempregados ou os afectados pola fraude das participacións preferentes das entidades financieiras.

A Banca Pública xa existe nunha grande variedade de países e desempeña un grande papel na estabilidade económica. Só en Europa existen 127 entidades de capital completamente público, cunha densa rede de caixas de aforro en Alemaña e bancos públicos noutros 31 estados europeos; a banca pública funciona, con grande relevancia económica, en países tan diversos como Rusia, onde despraza paulatinamente a banca privada, India, onde drenou crédito mentres a banca privada afrontaba perdas pola especulación, ou China, onde a maior parte dos bancos están controlados polo Estado, e mesmo hai exemplos en Estados Unidos, en Dakota do Norte, cun goberno do Partido Republicano. Se carecemos de banca pública non é porque sexa imposible desenvolvela no actual marco, senón pola falta de vontade política dos gobernos galego e español, máis interesados en aproveitar a crise para reforzar a hexemonía do capital privado.

O BNG plantexa neste momento dúas opcións posíbeis, con pleno encaixe legal:

-A actual participación maioritaria do FROB en Novagalicia Banco convertiríase nunha participación pública permanente, convertida en banca pública e transferida á Xunta de Galiza, para poñerse ao servizo do tecido produtivo e do sector público galego.
-A configuración dunha banca pública de forma directa pola Xunta se finalmente o Banco de España subasta NCG Banco. Cun volume de recursos ao redor dos 500 millóns de euros poderíase poñer en marcha unha entidade capaz de cumprir unha función relevante dentro do sistema financeiro galego.

Das nacionalizacións

O feito de que as caixas galegas fosen nacionalizadas despois da súa fusión é un síntoma de que as leis pregoadas polo capital xa non poden operar libremente. A nacionalización é un recurso emblemático da xestión da crise financieira nos países imperialistas centrais, con exemplos tan importantes como o Citigroup, Northern Rock ou AIG. Esta necesidade de nacionalizar parcialmente a banca demostrou á vez os límites do modelo de expansión capitalista e por outra parte os intereses de clase dos Estados, empeñados en salvar a bancos e banqueiros cos fondos dos contribuíntes, para despois reprivatizalos a baixo prezo, sen que o sector público recupere o investimento. Revela tamén, máis unha vez, que non existe un imposíbel mercado neutral nin unha “mao invisíbel” que se autorregula, senón que a economía sempre está determinada polas decisións políticas que configuran o mercado en cada situación concreta -que deciden invadir países polos seus recursos ou declarar gratuito o despedimento, por poñer outros exemplos- e pola forza que teñamos a clase traballadora e os pobos do mundo.

Trátase dun negocio redondo para os bancos, que contan cuns paracaídas de ouro, ruinoso para todos os pobos do mundo e profundamente irracional. Estados Unidos gastou 7000.000 millóns de dólares para sanear o sistema financieiro, mentres pola mesma época os Estados desenvolvidos só achegaban 2.000 millóns (de 22.000 prometidos) para desenvolver a agricultura dos países empobrecidos, ou, só reunían 900 millóns de dólares o ano pasado para atallar a crise alimentaria no Corno de África. No caso do Estado Español e segundo as últimas informacións o goberno de Mariano Rajoy prepara xa máis axudas ao sector financieiro por un custo de 50.000 millóns de euros -o que duplicaría as estimacións iniciais- pouco despois de aprobar recurtes de 10.000 millóns en sanidade e educación, sectores declarados “intocábeis” na campaña electoral. Os apoloxetas do capitalismo adoitan explicalo como un sistema económico no que hai que tomar decisións e asumir os riscos para progresar, mais realmente existe unha división de funcións, nos que unha minoría toma as decisións e a maioría traballadora asume todos os riscos: unha forma de saqueo xeralizado.

Somos conscientes de que a crise, e todos os problemas que implica, non ten resolución no marco da orde social e económica que padecemos. Neste sentido, e desde o ángulo oposto ás socializacións das perdas e ás privatizacións dos beneficios, as forzas comunistas sempre reclamamos a nacionalización da banca para poder exercermos a soberanía, de forma que o Estado poida contar cos recursos para organizar a economía dunha forma planificada e racional, á vez que se impedirían, por exemplo, as fugas masivas de capitais, entre outras moitas consideracións. No contexto actual, precisamos urxentes medidas de longo alcance, como a creación dunha Banca Pública, que representen un avanzo cara un sistema non baseado na explotación.

Asemblea aberta en Ourense

A seguinte asemblea aberta da nosa organización terá lugar na cidade de Ourense, o próximo sábado 28 de abril ás 20:30h no Centro Social “Sem Um Can”, situado na Rúa do Vilar nº 9, na zona histórica. Como sempre, convidamos a asistir ao conxunto da base social do nacionalismo da comarca, de cara a pór en común a necesidade de afortalar no seo do BNG unha liña política nidiamente soberanista e de esquerdas, na liña do manifesto que vimos de apresentar hai unha semana para a nosa Asemblea Nacional.

Asemblea Aberta en Vigo

O Movemento Galego ao Socialismo celebrará, desta volta na cidade de Vigo, unha asemblea aberta ao conxunto da base social do nacionalismo na comarca. Nela queremos pór en común os nosos puntos de vista sobre a actual situación política e a necesidade, hoxe máis que nunca, de afortalar unha liña nidiamente soberanista e de esquerda para o BNG.

Esta asemblea, enmarcada no proceso previo á nosa Asemblea Nacional de maio, terá lugar o 19 de abril, ás 20:00h no Centro Parroquial do “Cristo da Vitoria”, no nº 9 da rua Baiona, no bairro vigués de Coia.

Asemblea aberta en Compostela

Desde o MGS estamos a organizar asembleas abertas ao longo do país para debatermos sobre o futuro do BNG e do movemento  nacionalista no seu conxunto. Desde a nosa perspectiva, hoxe mais que nunca compre reforzar o BNG e avanzar na consolidación e posta en prática da liña política e ideolóxica, soberanista e de esquerdas, aprobada na recente Asemblea Nacional. Neste sentido temos decidido seguir a organizar un espazo político que, desde a lealdade co BNG e con espírito construtivo, sexa quen de blindar internamente este camiño que a tantos e tantas nos ilusiona.

Para quen teña interese e queira asistir, a seguinte vai ser na cidade de Compostela o luns 12 de marzo, ás 20 horas no local nacional do MGS (Avenida de Lugo 203, entrechán 1).