Rúa Fraga Iribarne

Onte, no Pleno do Concello de Monforte, o Partido Popular aprobaba, coa colaboración necesaria e a abstención cómplice e traidora de tres persoas que se presentaron ás eleccións polo BNG e máis do Grupo Municipal do PSOE, poñer o nome da segunda ronda da vila do Cabe a Manuel Fraga Iribarne.

Primeira valoración da XIII Asemblea Nacional do BNG

O noso principal obxectivo nesta Asemblea Nacional era fundamentalmente contribuir ao debate de ideas, e así o fixemos durante todo o proceso asembleario, por medio das nosas intervencións sobre o  informe de xestión, a defensa do noso voto particular e as diversas emendas que presentamos.

Así, temos que felicitarnos porque boa parte das nosas achegas foron incorporadas ao documento base. Salientamos a recuperación definitiva das Asembleas Nacionais abertas ao conxunto da militancia, a potenciación da acción social da organización, unha política de pactos non subordinada ao PSOE, a esixencia de que os nosos cargos públicos non participen en actos que contradigan os principios laicos e antimilitaristas ou a aposta pola presenza organizada do BNG nas comarcas da Galiza irredenta.

En definitiva, un traballo firme e construtivo de cara a reforzar unha liña política claramente soberanista e de esquerda para o conxunto do BNG, que contrastou coa actitude doutras correntes que renunciaron a exporen e defenderen o seu modelo político e organizativo para o BNG. O noso contributo foi participarmos activamente na asamblea, coa prioridade posta na defensa das nosas teses políticas e non na repartición de postos nos organismos.

Nun contexto extremamente polarizado, e no que se promocionou fundamentalmente o debate de caras e non o de proxectos, a candidatura do MGS obtivo un resultado que garante a nosa presenza na executiva e de aumentala no Consello Nacional. Só podemos xulgar positivamente que por primeira vez se consolide no seo do BNG un espazo político claramente soberanista, independentista e de esquerda con vontade maioritaria e con moito futuro.

Non vai faltar quen interesadamente pretenda valorar o resultado da Asemblea só en base á escolla dun ou doutro Portavoz Nacional ou candidato á presidencia da Xunta. Para nós, ese non era o debate central desta Asemblea, de feito criticamos abertamente o excesivo personalismo na escolla do candidato ás eleccións autonómicas. Porén, dado que ninguna das candidaturas maioritarias obtivo a maioría absoluta dos votos, non refugamos da nosa responsabilidade de tomar posición a respecto da elección do Portavoz Nacional en segunda volta.

Así, desde o MGS valoramos os dous compañeiros que se presentaban á Portavocía Nacional, mais pensamos que a recente actuación pública de deslexitimación do BNG por parte do compañeiro Xosé Manuel Beiras non está á altura do seu contributo histórico. Por outro lado, apreciamos o labor do compañeiro Guillerme Vázquez no período anterior, especialmente a nivel orgánico, e valoramos o seu respecto cara as posicións minoritarias, en concreto a que nós representamos, así como a súa contribución a reforzar neste tempo unha mensaxe política máis clara en defensa das clases populares e dos dereitos nacionais de Galiza. Non somos nós en todo caso os responsábeis de ter presentado esta asamblea como unha “batalla” polos cargos e non para debater a liña política da organización.

O certo é que chegamos a esta asemblea con un clima interno moi deteriorado pola formulación da propia asamblea como unha competición de “gañar” ou “perder”. Os resultados, moi igualados entre as dúas tendencias maioritarias fan temer que persistan estas dinámicas letais para a convivencia. Correspóndelles a aqueles que presentaron a asemblea nestes termos esforzárense agora para recuperar a confianza e a fraternidade necesarias.

En conclusión, faise necesario consolidar a tímida viraxe á esquerda iniciada na anterior Asemblea Nacional, desde o respeto ao pluralismo e desde o poder que emana da base militante, para facer do BNG un instrumento político verdadeiramente útil, para traballar a prol dun outro modelo económico e social e para trascender o actual marco xurídico-político e conquistar a soberanía da nosa nación.

 

Arredista! nº6, especial para a Asemblea Nacional do BNG

A nosa organización ven de editar o 6º número da nosa revista, desta volta con un número especial monográfico centrado na Asemblea Nacional do BNG, onde o distribuiremos masivamente entre a militancia da fronte. Asi, esta publicación aborda a nosa posición política perante este importante cónclave, recolle unha entrevista cos números 1 e 2 da nosa candidatura ao Consello Nacional (Rafa Vilar e Noa Presas), analiza criticamente o balbordo mediático que se propiciou arredor da Asemblea e finalmente recolle a composición íntegra da nosa candidatura, con unha breve reseña de cada unha das persoas que a integran.

Descarga en pdf

Consulta o Arredista! nº6

 

 

Candidatura do MGS ao Consello Nacional do BNG

1. Rafa Vilar González

43 anos. Compostela. Escritor e filólogo. Vinculado ao asociacionismo cultural de base, foi membro dos Consellos Locais de Ames e Compostela e Portavoz Nacional da Plataforma Nunca Máis. Na actualidade, secretario de Acción Social da Executiva Nacional do BNG e concelleiro en Compostela.

2. Noa Presas Bergantiños

24 anos. Ourense. Filóloga. Estudante do máster docente. Foi responsábel local de Galiza Nova-Ourense. Membro do Consello Nacional do BNG e da Dirección Nacional de Galiza Nova. Responsábel da Comisión Nacional de Medio Ambiente do BNG.

3. Pedro Pérez Caride

42 anos. Fornelos de Montes. Traballador da seguridade. Concelleiro do BNG e voceiro municipal en Fornelos de Montes. Membro do Consello Comarcal e da Executiva do BNG en Vigo. Membro da Executiva Nacional da Federación de Servizos da CIG.

4. Ximena Mariel González Ataide

32 anos. Ourense. Membro do Consello Local do BNG en Ourense. Activista da Marcha Mundial das Mulleres. Foi Responsábel de Campus dos CAF na Coruña.

5. Antón Somoza Caxato

32 anos. Lugo. Doutor en Humanidades. Foi Concelleiro do BNG en Lugo e Responsábel Comarcal de Galiza Nova en Lugo Centro. Directivo da Asociación Cultural Cultura do País, de Lugo.

6. Laura Arjonilla Cristóbal

24 anos. Compostela. Politóloga e estudante de Dereito. Membro da Dirección Nacional e da Permanente de Galiza Nova. Membro do Consello Local do BNG de Compostela e do Consello Nacional da Liga Estudantil Galega.

7. Xoan Carlos Sar Oliveira

37 anos. Fisterra. Peixeiro. Responsábel local do BNG en Fisterra.

8. Soedade Fernández Silva

40 anos. Pontevedra. Sindicalista da CIG e membro da Executiva Comarcal. Vencellada ao movemento veciñal de Pontevedra.

9. Roi López Carmona

24 anos. Pantón. Estudante e labrego. Responsábel Comarcal de Galiza Nova na comarca de Lugo Sul. Activista cultural e integrante dunha banda de música tradicional.

10. Pilar Rodríguez Pérez

33 anos. Vigo. Enfermeira no Hospital Xeral de Vigo. Membro do Consello Local do BNG de Vigo. Membro da Executiva Comarcal da CIG de Vigo e da CIG-Saúde.

11. Xosé Antón de la Fuente Subiela

46 anos. A Laracha. Foi concelleiro do BNG na Laracha durante 13 anos. Secretario da ANPA “Manuel Murguía”, do IES Agra de Leborís, da Laracha.

12. Paulina Mouzo Fernández

32 anos. Fisterra. Traballadora autónoma. Foi Responsábel Local do BNG. Colabora en asociacións locais e comarcais do ámbito cultural, musical, educativo e do sector turístico.

13. Anxo Sánchez García

22 anos. A Coruña. Estudante de Enxeñaría Informática. Militante de Galiza Nova na Coruña e membro do Consello Nacional da Liga Estudantil Galega. Foi Secretario Xeral dos CAE.

14. Paula Castro Lago.

42 anos. Ames. Xornalista. Actualmente forma parte do Consello Comarcal de Compostela e do Consello Local de Ames sendo con anterioridade Responsábel Comarcal.

15. Breixo Lousada Valdés

28 anos. Vigo. Sindicalista. Membro da Permanente e da Dirección Nacional de Galiza Nova. Formou parte do Consello Comarcal do BNG na Coruña e en Pontevedra. Responsábel Nacional de Organización de Isca!

16. Iria Pírez Alonso

27 anos. Vigo. Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Responsábel Local de Galiza Nova en Vigo e membro do Consello Local do BNG.

17. Xosué Campos Laxes

25 anos. Tui. Traballa de comercial. É membro do Consello Local do BNG de Tui. Foi membro do Consello comarcal do BNG e Responsábel Comarcal de Galiza Nova no Baixo Miño. Participa na Asociación Cultural “Seixos Albos”.

18. Alba Fidalgo Bugarín

33 anos. Ponteareas. Obreira metalúrxica na empresa de automoción Alymosa, no Porriño. Participa activamente na CIG.

19. Vítor Vázquez Gulías

29 anos. O Carballiño. Monitor de xardinaria e horticultura na Consellaría de Traballo e Benestar. Monitor forestal en Forga. Vicerresponsábel Local do BNG no Carballiño. Portavoz da Agrupación Cultural Avantar do Carballiño.

20. Sila Cela Ferreiro

22 anos. Lugo. Estudou Comunicación Audiovisual. Fixo parte do Consello Nacional da Liga Estudantil Galega. Vicerresponsábel comarcal de Galiza Nova en Lugo.

21. Xulio Fernández Carnero

31 anos. Melide. Traballador do Sindicato Labrego Galego. Foi responsábel comarcal de Galiza Nova na comarca da Montaña.

22. Jéssica Beiroa Fernandes

28 anos. Teo. Xornalista. Membro do Conselho da Associaçom Galega da Língua. Imparte aulas de música tradicional.

23. Xavier Castro Martínez

33 anos. Quiroga. Avogado. Concelleiro do BNG en Quiroga. Activista musical e vocalista de Raiba.

24. Adelaida Vidal Vizcaya

25 anos. A Coruña. Actriz, escritora e estudante de Psicoloxía.

25. Gustavo Barcia Seixo

26 anos. Mos. Músico e estudante de Historia na UNED. Responsábel local do BNG de Mos.

26. Lucía Freire Ces

38 anos. Compostela, natural de Brión. É delegada da sección sindical de Lorenzo Froiz e membro da Executiva Comarcal da CIG en Compostela.

27. Xosé Anxo Noceda Carballo

43 anos. Compostela, natural de Fene. Licenciado en Bioloxia. Sindicalista e Secretario comarcal da CIG de Compostela. Membro do Consello Local do BNG.

28. Carme Rei García

50 anos. Compostela. Traballadora da USC. Participa no movemento veciñal.

29. Ramón González González

35 anos. Lugo. Conserxe do IES de Castro de Ribeiras do Lea. Membro da Asociación de Veciños do barrio da Milagrosa. Directivo da Asociación Cultural Cultura do País, de Lugo.

30. Ana Corbelle Cacabelos

19 anos. Cambados. Estudante de Filoloxía en Compostela, é responsábel da Liga Estudantil Galega no seu centro.

31. José Emílio Vicente Caneda

31 anos. Pontevedra. Xornalista e profesor de secundaria. Foi secretario xeral de Galiza Nova. Activista do centro social A Revira.

32. Raquel Vázquez Vázquez

26 anos. Chantada. Estudante de Filoloxía Galega e traballadora do telemarketing en Vigo. Delegada sindical da CIG na empresa Unísono. Membro da Liga Estudantil Galega.

33. Antonio Rosales Pedrouso

36 anos. Bueu. Traballador da ITV, onde exerce de delegado sindical da CIG.

34. Ana Aguiar Martínez

45 anos. Vigo. Traballadora social. Participa no movemento asociativo e veciñal.

35. Fernando Xesto Montes

37 anos. A Laracha. Foi responsábel local do BNG. Forma parte da directiva da ANPA do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, e é secretario da Asociación Veciñal “A Cutareira”.

36. Ilda Blanco González

31 anos. Ourense. Bióloga e profesora de secundaria. Fixo parte da Dirección Nacional de Galiza Nova

37. Héctor López de Castro

34 anos. Compostela, natural de Foz. Avogado laboralista. Participa en colectivos culturais e de defensa das liberdades públicas. Membro do Consello e da Executiva Comarcal do BNG en Compostela.

38. Isabel Moares Rei

35 anos. Natural de Rianxo. Presidenta do Comité de Empresa do 112 en Galiza.

39. Xosé Miguel Pérez Blecua

26 anos. San Xoán de Río. Traballa como enxeñeiro de telecomunicacións no sector do metal en Compostela. Participa en Siareir@s Galeg@s e coordena a Liga Nacional de Billarda. Participa no local social Faísca.

40. Teresa Rodríguez Vilaseco

42 anos. Compostela. Psicóloga. Colaboradora na constitución de Xiara, a primeira asociación galega de empregadas do fogar. Foi membro do Consello Local do BNG de Compostela.

41. Antón Castro Ferreiro

23 anos. Lugo. Estudante. Responsábel de Campus da Liga Estudantil Galega. Responsábel Local de Galiza Nova e membro do Consello Local do BNG de Lugo.

42. Mª Luz Pereira Silva

54 anos. Vigo. Xubilada. Activista sindical. Traballou no sector da alimentación e na CIG do Porriño.

43. Marcos Cadórniga López

36 anos. Natural do Saviñao. Sindicalista da CIG en Pontevedra. É membro do Consello Nacional da Federación de Servizos e da Executiva de Pontevedra.

44. Laura Rodríguez Pena

24 anos. Compostela. Licenciada en Historia da Arte, estuda un posgrao propio da USC. Traballa a tempo parcial. Membro da Mesa Nacional de ISCA

45. Bieito Álvarez Lobariñas

53 anos. Gondomar. Mestre e sindicalista da CIG-Ensino. Músico e regueifeiro, é membro da Asociación de Gaiteiros Galegos.

46. Bea Fariñas Garrote

21 anos. Ourense. Estudante de Tradución e Interpretación. Representante do Campus de Vigo no Consello Nacional da Liga Estudantil Galega

47. Pablo Sobrino Nóvoa

20 anos. Ourense. Responsábel de Campus da Liga Estudantil Galega en Ourense. Vicerresponsábel Comarcal e de Ensino de Galiza Nova. Monitor de tempo libre na asociación xuvenil Amencer. Membro da comisión Xalgarete para a promoción da lingua e a cultura galegas.

48. Silvia Cancelas Toucedo

32. Mos. Desempregada do sector do metal e activista sindical da CIG. Estudante.

49. Helena Maio Abeixón

40 anos. Natural de Abelleira, Muros. Licenciada en Económicas. Traballa como administrativa.

50. Antolín Alcántara Ávarez

55 anos. Vigo. Obreiro metalúrxico. Membro da Executiva Confederal da CIG. Foi membro do Consello Comarcal do BNG en Vigo.

Suplentes:

51. Alba García Golmar

30 anos. Lugo. Veterinaria. Foi responsábel de Campus dos CAF en Lugo. Directiva da asociación Cultura do País, de Lugo

52. Antolín Fernández Álvarez

59 anos. Ourense. Ex-concelleiro do BNG en Montederramo e confundador e primeiro responsábel do BNG de Venezuela en 1982. Foi membro da Executiva Confederal da CIG.

53. Inés López Fernández

24 anos. Pantón. Estudante de Arte e membro da Asociación Cultural O Castro de Pantón.

54. Diego Santório Moscoso

31 anos. Vigo. Enxeñeiro civil. Traballa a tempo parcial no ensino non regrado.

55. Sandra López Corral

31 anos. Compostela. Traballa de economista.

56. Inácio Pavón Barbagelata

37 anos. Ames, natural de Monforte. Sindicalista e activista do movemento cultural e deportivo de base.

57. Núria Fernández Iglesias

26 anos. Ourense. Funcionaria.

58. Inacio Luxilde Santos

27 anos. Compostela. Politólogo. Foi Responsábel Local de Galiza Nova en Compostela e membro do Consello Local do BNG.

59. Susana Camba Castro

38 anos. A Estrada. É teleoperadora e delegada de persoal da CIG.

60. César Rodríguez Martínez

44 anos. Ponteareas. Traballador do sector naval en Vigo. Responsábel nacional do Naval na CIG-Metal.

61. Silvia Aldrei Becerra

33 anos. Compostela. Filóloga. Foi responsábel comarcal de Galiza Nova e membro do Consello Comarcal do BNG. Participa no movemento veciñal en Aríns.

62. Carlos Bello

33 anos. Lugo. Traballa de asesor xurídico dunha empresa enerxética. Militante activo da Mesa pola Normalización Lingüística.

63. Natividade Fernández Alonso

39 anos. Mos. Traballadora da limpeza no Hospital Xeral de Vigo. Fai parte da Executiva Comarcal da CIG-Servizos en Vigo.

64. Manuel Cao Muñiz

54 anos. Poio. Foi concelleiro do BNG en Poio. Desde sempre vencellado ao movemento cultural de base. Forma parte do Consello Local do BNG.

65.  Olalla Conde Seoane

22 anos. Ourense. Traballadora social, realiza proxectos de integración social en escolas e traballa na asociación sociocultural Afrolatina. Participa en programas de voluntariado. Activista do feminismo e do deporte de base.

66. Marcos Sumavielle Rodríguez

25 anos. Ourense. Responsábel comarcal de Galiza Nova. Árbitro de futbol e monitor de tempo libre, traballa en SEAGA como peón de brigada forestal. Participa da Liga Estudantil Galega. Colabora na Asociación Xuvenil Amencer dentro da comisión Xalgarete de promoción da lingua galega.

67. Laksmy Irigoyen Regueiro

32 anos. Vigo. Licenciada en Filoloxía e traballadora do sector do telemarketing en Vigo, onde é delegada sindical.

68. Santi Alvite Rueda

48 anos. Compostela. Licenciado en Xornalismo e produtor na TVG, sendo membro do Comité de Empresa.

69. Beatriz Rei García

36 anos. Padrón. Forma parte da ANPA de Flavia-Rio Sar.

70. Óscar Valadares Ocampo

27 anos. A Estrada. É Secretario comarcal da CIG-Banca de Compostela. Blogueiro e editor de Editora Humana.

Nota remitida ao medio “Galicia Confidencial”

Sr. Director de Galicia Confidencial,

O seu medio publica, baixo o título “A Asemblea Nacional do BNG terá tres listas” (http://galiciaconfidencial.com/nova/9468.html) unha noticia que contén referencias inexactas e prexudiciais para o Movemento Galego ao Socialismo (MGS). Por tal motivo, e en exercicio do dereito regulado na Lei Orgánica 2/1984, do 26 de marzo, é procedente facer as seguintes rectificacións:

En primeiro lugar, afírmase na noticia que existe unha porcentaxe mínima (que cifran no 10%) para facer parte da Executiva Nacional. Isto é rotundamente falso, dado que os quince membros do organismo se reparten por proporcionalidade directa, sen ningún tipo de limitación.

En segundo lugar, dise literalmente que “desde o MGS non descartan que esta posibilidade volva a acontecer tamén nesta asemblea e que este movimento acabe apoiando a candidatura que lideran Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera.”. O MGS en ningún momento afirmou tal cousa. De feito, a posibilidade de presentar candidaturas conxunta con calquera outro colectivo organizado dentro do BNG está absolutamente descartada toda vez que non foi posíbel presentar unha única candidatura de consenso.

Agardando que proceda a rectificar tales referencias inexactas coa maior brevidade, enviámoslle un cordial saúdo.

Atentamente,

Responsábel Nacional de Comunicación do MGS

A 3ª Asemblea Nacional do MGS acorda impulsar o proceso constituínte dunha nova organización adaptada á nova fase política