“Máis alá!” nº13: “Lingua proletaria do meu pobo”

Un novo número da nosa folla informativa foi distribuído na grande manifestación de Queremos Galego en defensa da lingua, o 27 de xaneiro en Compostela. A seguir podes consultar o seu texto:

O galego, lingua proletaria do meu pobo

As palabras de Celso Emilio Ferreiro son a constatación dobre de que o noso idioma é do pobo, por unha parte, e, por outra, que conserva as súas condicións sociais, incluída a de clase. Porque houbo un tempo, non hai tanto, en que a lingua funcionou como un marcador social: o galego era para as campesiñas, para os mariñeiros, para os obreiros e as obreiras, para quen traballaba nos pequenos comercios por conta allea; e no que o español era para a burguesía comercial e administrativa que, pola súa posición dominante, xamais tivo a necesidade de se expresar na lingua popular como tampouco nunca sente a obriga de se misturar coa clase que explota. A lingua era daquela unha evidencia sonora da posición social e do papel a xogar na sociedade por cada quen.

Hoxe, en troca, o idioma xa non é marcador social: o retroceso alarmante no seu uso non se debe a un acaso. Ao contrario, débese a unha política moi claramente definida que ten a ver coa exixencia de que o idioma, aquel marcador que outrora nos definía e nos irmandaba, se vaia diluíndo de maneira inexorábel e sen facer moito ruído. Só así se explica que o seu retroceso social se acelere precisamente cando os poderes políticos que actúan no noso país comezan, polo menos sobre o papel, a potencialo: cando se varre a prohibición do uso, cando se inclúe no currículo escolar, cando se comeza a facer política lingüística e se estabelece como obxectivo o plano de normalización. Trinta anos despois, que temos? Temos a tristeza de ver como as crianzas das nosas vilas, fillas igualmente da clase que traballa, interiorizan o español como lingua vehicular das súas vidas en liña coa inmensa presión social que as leva por ese camiño e con unha oferta cultural propia que, mediatizada pola administración pública, se constrúe deliberadamente de modo pouco atractivo. Oporse a iso, manter a lingua viva e activa é tamén un marcador, agora político: significa que a nación continúa e que hai a vontade certa de manter e enriquecer a expresión máis clara da súa identidade diferenciada.

Por iso a contestación social e as propostas culturais populares no noso país se expresaron sempre na nosa lingua nacional, a miúdo vinculadas coas exixencias políticas de clase e polo recoñecemento do noso feito diferencial: aí están, como mostra, o riquísimo agromar de asociacións veciñais, culturais e deportivas que se deu entre as décadas de 1980 e 1990; ou a aparición e difusión do nacionalismo organizado, do sindicalismo propio, e da constelación de movementos sociais que abranguen todos os ámbitos posíbeis e que converteron o idioma non só en código de comunicación entre iguais, como tamén en símbolo da reclamación e a exixencia sociais. Unha asociación que ten permanecido até os nosos días, malia a relaxación que algúns movementos recentes teñen amparado ao respeito, sen repararen no que isto comporta.

A teima dos gobernos do Partido Popular en desactivar os movementos populares, que lle son, por definición, opostos, pasa tamén por desactivar progresivamente a lingua en que se expresan e destruír a ideia de que a lingua galega é a lingua propia das reivindicacións populares de xustiza. Por iso o goberno de Feijóo rompeu o consenso tímido sobre a lingua, expresado no plano de normalización linguística, e, recentemente, deu un salto cualitativo servíndose do inglés e dun complexo de inferioridade calculadamente promovido, co fin tan ben expresado polo ministro español de educación: españolizar as nacións dentro do Estado español. Por iso se ten proposto promover a criazón cultural en lingua española, considerándoa tan galega como a galega e descartando publicamente o recoñecemento da lingua propia. Por iso tamén deu carta de normalidade a un movemento supremacista disfrazado baixo o nome de Galicia Bilingüe e premia aqueles sectores mais retrógrados da dereita que defenden barbaridades como La Coruña, Riveira, etc, a través dos gobernos municipais.

Frente a isto, o surximento de movementos transversais como Queremos Galego non é unha casualidade. Porque defender o galego non é só defender un feito específico da nosa cultura inmaterial, senón defender os valores comunicativos que historicamente ten ofrecido aos movementos sociais e políticos. Teñamos claro, polo tanto, que a reclusión da lingua a un uso ritualizado e a vontade de desactivar os movementos de contestación social son dúas caras dunha mesma moeda. E combatamos ambas para non desaparecer.

Consultao aquí o “Máis Alá!” nº 13

Descárga aquí o “Máis Alá!” nº 13

O galego, un ano depois de Feijóo

A tomada de posesión da nova Xunta de Galiza aparecida tras o 1 de Marzo de 2009 marca umha virada evidente e notoria no tratamento da língua por esta institución autonómica. Da promoción tímida, dependente da vontade de cada socio da lexislatura anterior pasamos ao ataque frontal que caracteriza este goveno do PP.

Este goberno usa os discursos de sempre remozados co verniz neoliberal do laissez faire combinados cos ataques habituais, e nas suas accións acelera como nunca na vía da extinción do nosso idioma: no discurso segue estigmatizando os defensores conscientes do galego como “radicais”, separandonos do común do pobo e apropiandose do suposto sentir popular. Na acción a estratexia pasou de adormecer o galego até a morte do goberno Fraga, con leis minúsculas nunca usadas; a desmontar un por un calquer avanzo anterior, pequeno ou grande: galescolas, Lei de Función Pública, aulas de inmersión experimental, Decreto do galego 124/2007… Todas estas accións teñen dous eixos: in-utilizar, facer o galego innecesario para viver na Galiza, tratado como residuo que molesta a certos sectores sociais ben poderosos; e inviabilizar, impedir a extensión do galego a base de atacar a sua aprendizaxe nas crianzas para acabar co seu futuro.

A resposta popular a estes ataques está a ser grande. Vivimos a maior vaga mobilizadora em defesa da lingua da nosa historia. Sucesivas manifestacións nacionais multitudinarias encheron as ruas de Compostela e o Obradoiro este ano. Sendo necesario e mesmo imprescindíbel, non resulta suficiente: o desprezo a estas mostras de vontade popular son algo crecente nesta devaluada democracia, especialmente entre a dereita española de Feijoó.

Ainda así, constantamos que a presión popular influe no discurso e na accións do goberno da Xunta. Belixerancia discursiva menor, e nas variacións do texto do decreto, com maquillaxes para aliviar esa presión, así como a forma de aprobalo: retirando partes do decreto (o que atinxe ao inglés) para incorporalo a través de regulamentos.
Así pois, no ensino precisamos no futuro imediato emprender accións para pararmos no posíbel este decreto, dificultar a sua posta em prática e aproveitar as minúsculas oportunidades que fiquen abertas. Este labor corresponde a todos os axentes no ensino: pais conscientes que opten polo galego e denuncien a incapacidade de escolarizar os fillos na sua lingua; profesorado que, na liña dos subscrito por centos de profesores da CIG, estexan dispostos a seguir impartindo as aulas en galego, traballadores de normalización dos centros, e evidentemente alunado organizado, consciente dos seus direitos.
Achamonos numha a actual fase de substitución lingüistica onde esta ten avanzado muito, precisamos visibilizar o conflito en todas as frentes: reclamar os nosos direitos no traballo, nas relacións comerciais, nos meios de comunicación: xornais, cinemas ou televisións. Precisamos unidade de acción nos mínimos (revogación do decreto do ensino, igualdade legal efectiva entre os idiomas oficiais, por exemplo) e proclamar e extender a nosa alternativa: monolingüismo social que faga do galego o idioma de uso normal em todos os ámbitos da sociedade, para além das línguas que individualmente coñezamos ou usemos. Precisamos tamén traballar en conxunto com todos os sectores sociais pro-galego alén da norma usada, potenciando os ámbitos comuns galego-portugueses: a recepción dos canais portugueses de TV é unha boa mostra das possibilidades.

Sabemos, finalmente, que a batalla da conservación e extensión do noso idioma só será gaña definitivamente nun cenario político moi distinto do actual, nunha Galiza soberana e independente; e que a actual autonomía só pode conducir á extinción, mais cedo que tarde, do noso idioma. Sabemos que ambas loitas están unidas, avancemos pois: en galego, soberanía!

“Máis Alá!” nº4, folla informativa do MGS

O Día das Letras Galegas distribuise durante a manifestación nacional convocada pola plataforma Queremos Galego o cuarto número da nosa folla informativa, “Máis Alá!”. Nel pódese ler un artigo sobre esta data e outro defendendo o modelo de inmersión lingüística para o ensino.

A seguir podes consultala integramente ou descargala:

Ver a pantalla completa

Descargar en pdf

17 de maio, todas e todos a Compostela en defensa da lingua!

A plataforma Queremos Galego chama de novo a sair á rúa neste 17 de maio, Día das Letras Galegas, convocando unha manifestación nacional ás 12h desde a Alameda de Compostela. Ante a ameaza da inminente aprobación do Decreto contra o galego, é un momento crucial para seguir a manter e tensión mobilizadora e visibilizar de novo na rúa un conflito lingüístico no que o españolismo decidiu pasar decididamente á ofensiva. Reproducimos a seguir un artigo do noso compañeiro Rafa Villar sobre esa ofensiva e as respostas a dar por parte do movemento normalizador, publicado no segundo número da nosa revista:


Da persecución lingüística do PP e da resposta a dar

O pasado 21 de xaneiro tivo lugar en Galiza a maior mobilización social en defensa do noso idioma, producíndose un paro practicamente total no ensino público non universitario e unha das maiores manifestacións das que se deron en Galiza nesta primeira década do século. Paro no ensino e manifestación nacional en Compostela viñan ser a punta do iceberg da resposta social que está a ter a política lingüística, de acoso á lingua propia e nacional de Galiza, desenvolvida polo Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza. Unha política lingüística baseada nuns posicionamentos ideolóxicos que se fundamentan nun neofascismo españolista que é o que hoxe impera no PP actuante na nosa nación, acorde co programa político-ideolóxico do partido que lidera, a nivel de Estado, o inefábel Mariano Rajoy.

A posición a respecto do idioma galego que está a manter o PP en Galiza, con Núñez Feijoo á fronte, supón unha agresión sen precedentes aos dereitos lingüísticos do pobo galego e está encirrada por sectores minoritarios da sociedade galega, organizados en pequenos colectivos como o autodenominado ‘Galicia bilingüe’ que si están a contar co visto e prace de determinados poderes políticos, económicos e por suposto mediáticos. Porén, tamén é certo que sen o apoio do propio PP (foi sintomática a presenza de importantes dirixentes desta forza política na manifestación convocada por ‘Galicia Bilingüe’ en febreiro de 2009), o alcance e repercusión social destes grupellos serían ben máis limitado.

Un discurso galegófobo e negacionista

Porén, a adopción por parte do PP deste discurso galegofóbo e negacionista non responde unicamente a unha estratexia electoral, como a que seguía nas pasadas eleccións autonómicas, senón que forma parte do ideario político-ideolóxico da nova xeración de dirixentes que se fixeron cargo do PP en Galiza tras os comicios que en 2005 desaloxaron da presidencia da Xunta de Galiza a Fraga Iribarne. Por certo, un Fraga Iribarne que, no referido á cuestión lingüística, desenvolvera unha bastante eficaz estratexia tendente a tornar socialmente pouco visíbel o conflito lingüístico, de xeito que era quen de conter a resposta social ante a sangrante realidade de perda de falantes de galego no noso país e da propia posición da lingua como lingua menor e secundarizada a respecto do español.

E así, no haber político da era Fraga Iribarne no noso país hai que anotar mesmo a aprobación do chamado Plan Xeral de Normalización Lingüística de Galiza , Plan que acadara o consenso unánime do Parlamento galego (en setembro de 2004) e, no seu momento, un importante respaldo social, mesmo de moitas das entidades e organizacións nacionalistas que vían no devandito Plan un punto de partida posíbel para unha política lingüística real e eficaz para avanzar no proceso de normalización dos usos sociais da lingua propia e nacional de Galiza.

O Goberno bipartito de BNG e PSOE na Xunta tentou (no medio das contradicións derivadas de que un dos socios, o PSOE, non destaca precisamente polo seu afán normalizador do idioma galego) ir desenvolvendo paseniñamente algún dos contidos do Plan Xeral de Normalización Lingüística, e froito diso foi o Decreto 124/2007, de uso do galego no ensino non universitario, que viña a significar un pequeno avanzo na presenza efectiva do noso idioma no ámbito educativo.

O PP como punta de lanza do españolismo

A volta do PP á Xunta, hai agora un ano, xa non só imposibilitou que se consolidase calquera avanzo, aínda que fose tímido e limitado, no desenvolvemento social da lingua galega, senón que está a supor unha regresión notábel a ese respecto. Regresión que se plasma, así mesmo, na posta en circulación dun desafiante discurso que manipula e terxiversa a realidade, mesmo falando da suposta “imposición” do galego, e que no fondo proclama a “superioridade do español”. Trátase, por tanto, dun discurso tan falaz como xenófobo e que debe ser combatido tamén no plano das ideas, na medida en que atopa na case totalidade dos medios de comunicación e persuasión unha canle para narcotizar os sectores da sociedade galego menos conscientes e comprometidos.

Mais o certo é que non se trata só de discurso, senón tamén da súa plasmación concreta en iniciativas e na propia acción política do Goberno da Xunta, acción política que se vén definindo por unha praxe de apartheid lingüístico que confina o galego lonxe das esferas públicas. Abundando nisto, é ben lembrar que unha das primeiras medidas en materia lingüística do actual Goberno do PP en Galiza foi a eliminación da obrigatoriedade de realizar unha proba en galego para a acceder á función pública, un punto de partida clara para a folla de ruta desgaleguizadora que vén tracexando a dereita españolista na nosa nación.

A esa actuación seguiron outras semellantes que teñen o seu punto culminante na proclamación dun presunto “decreto do plurilingüismo no ensino non universitario” que non é máis que un auténtico decretazo que limita seriamente a presenza do noso idioma no eido educativo. Felizmente, a resposta social a este decretazo vén sendo case unánime por parte dos sectores organizados da sociedade galega, o que en certa maneira está a significar un efecto boomerang contra a Xunta, ante o que o PP semella que apenas ten capacidade de reacción, fóra de se reafirmar no seu discurso e buscar o amparo dos colectivos galegófobos.

Impulso da normalización do idioma

Con todo, e aínda que na loita concreta do decretazo contra o galego no ensino o españolismo está mesmo recuando, o que cómpre termos presente é que a reivindicación en prol da normalización plena da nosa lingua non remata nin moito menos aí, senón que se trata dunha reivindicación que require un esforzo continuado. Por unha banda, para responder con contundencia todas aquelas agresións que desde o españolismo se poidan producir contra os nosos dereitos lingüísticos. E doutra, para irmos avanzando no desenvolvemento do noso idioma como lingua propia e nacional de Galiza nos diferentes ámbitos socias, co fin crebarmos a actual tendencia regresiva en canto aos seus usos sociais. Sen esquecermos que non cabe outro horizonte futuro para o noso idioma que o monolingüismo social, xa que calquera outra opción sería abocar a lingua galega, e a nós como falantes, a un lugar marxinal na propia Galiza.