12 de abril, concentracións contra a reforma laboral

Despois do éxito da folga xeral, a CIG segue a mobilizarse contra a reforma laboral, desta vez con concentracíons nas sete principais cidades do país o mesmo día en que está prevista a aprobación no congreso deste brutal ataque contra a clase traballadora.

Os lugares e horarios das concentracións serán os seguintes:

  • Santiago de Compostela: Praza de Galiza, 20.00 horas
  • A Coruña: Delegación do Goberno, 20.00 horas
  • Vigo: Farola de Príncipe, 20.00 horas
  • Ourense: Subdelegación do Goberno, 20.00 horas
  • Pontevedra: Subdelegación do Goberno, 20.00 horas
  • Lugo: Subdelegación do Goberno, 20.00 horas
  • Ferrol: Praza do Concello, 19.30 horas

Folga xeral: contundente resposta do pobo traballador galego.

Poucas veces unha resposta fora tan masiva, contundente e clara. A clase traballadora galega rexeitou a nova reforma laboral non só por medio dun seguemento moi elevado na folga senón cunha altísima participación nas mobilizacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega. A xornada de mobilización expresou ás claras o fartazgo de todo o pobo traballador coa xestión neoliberal e antisocial da crise, a favor da patronal e en detrimento dos nosos dereitos e condicións de vida, exercida tanto por PP como por PSOE, como principais axentes da orde social capitalista.

A intensa xornada comezara moito antes das doce da noite do 28, nas semanas previas, por medio dos preparativos e da convocatoria da folga, con milleiros de asembleas e actos informativos nos locais de traballo, e coa celebración de diversas mobilizacións ao longo do país. E continou nas primeiras horas do 29 coa paralización inmediata da actividade industrial e do transporte público, e coa organización duns numerosísimos piquetes que percorreron as principais rúas de cidades e vilas galegas.

Unha folga é sempre unha interrupción da vida cotiá. Así, tras unha noite moi diferente á habitual, a alborada ofrecía imaxes de polígonos desertos e sen traballadores. As meirandes empresas do país substituían a rotina habitual pola inactividade, desde Citroën en Vigo ata Repsol na Coruña, Navantia en Ferrol ou a Papeleira de Brandía en Santiago, entre moitas outras. Onde os barcos baleiraban habitualmente os seus estómagos, cargados de peixes e mercadorías, apenas se escoitaba o murmurio da mar. Ao contrario que no día anterior, ou no día seguinte, as rúas non formigueaban co bulir incesante dos tráficos ou das persoas.

Mais esta suspensión da actividade laboral non representou pasividade, senón outro tipo de movementos, os propios da loita popular. A partir das 12 comezaron a organizarse as xigantescas manifestacións, nas que chegaron a participar unhas 200.000 persoas, cun ambiente combativo e enérxico. Ao contrario que no caso do sindicalismo pactista e sucursalista, a CIG reclamou a retirada total da reforma laboral recentemente aprobada, e non só o seu edulcoramento e negociación.

O éxito da mobilización demostrou a capacidade mobilizadora da CIG, que xa tivera a iniciativa de convocar a folga, e reafirma a necesidade de reforzar a autoorganización da clase traballadora galega. Malia que a reforma non foi aínda retirada, este tipo de mobilizacións representan pasos moi importantes nun longo proceso de acumulación de forzas que ten como aspiración rematar coa insolente e insaciábel hexemonía do capital, cuxas consecuencias están ben á vista. Do MGS manifestámonos orgullosos de ter achegado as nosas enerxías a esta vasta xornada de mobilización popular, nomeadamente a través do traballo diario no sindicato e da nosa implicación activa na mesma xornada de folga. Ademais, como organización tamén editamos unha campaña específica na que enfatizábamos a íntima vinculación entre esta xornada de loita e o avanzo cara os nosos obxetivos estratéxicos fundamentais, e participamos con presenza propia na maioría das mobilizacións.

A seguir podes ver unha galería de imaxes das imponentes mobilizacións, así como da nosa presenza nelas e da nosa campaña previa xunto á organización xuvenil Isca!:

 

>Crónica do BNG

Manifestacións da CIG na folga xeral do 29 de marzo

Vigo: ás 12.00 horas dende o cruce da Doblada
Lugo: ás 12.30 horas dende o parque de FRIGSA
A Coruña: ás 12.00 horas dende a Praza de Vigo
Vilagarcía: ás 12.00 horas dende a Casa do Mar
Compostela: ás 12.30 horas dende a Praza Roxa
Ribeira: ás 12.45 horas na Praza do Peixe
Cee: ás 12.00 horas diante do Concello
Pontevedra: ás 12.00 horas dende a Praza da Ferrería
Foz: ás 19.00 horas na Casa do Concello
Ferrol: ás 13.00 horas dende a Avenida de Esteiro (local da CIG)
Xinzo de Limia: ás 11.30 horas na Praza do Concello
Ourense: ás 12.00 horas desde o pavillón dos Remedios
Verín: ás 11:30 horas na Praza do Concello

29M, folga xeral: o capitalismo non é democracia!

Este 29 de Marzo, frente á nova reforma laboral, que fai parte da brutal ofensiva contra os traballadores e os dereitos laborais, o sindicalismo nacionalista convoca unha nova folga xeral, a terceira no periodo de dous anos. Esta folga xeral convocada pola CIG debido á contrarreforma laboral do PP chega despois das dúas tamén convocadas contra as medidas do anterior goberno do PSOE, a súa contrarreforma laboral e das pensións.

A clase traballadora galega debe responder este 29M de forma masiva a umha reforma que abarata e facilita o despedimento alegando “causas obxectivas”, dinamita a negociación colectiva ao limitar a ultraactividade e priorizar os convenios de empresa, e que implanta o despedimento libre e gratuíto na mocidade. Todas estas medidas están dirixidas a cargar sobre a clase traballadora os efectos da última crise que ten xerado o capitalismo, rebaixando os salarios e debilitando a capacidade de acción colectiva dos traballadores e traballadoras na contradición capital-traballo.

Mais a necesaria loita por evitar o retroceso brutal dos nosos dereitos e pola mellora das condicións económicas non pode facernos esquecer que esta loita desenvólvese dentro do marco do sistema político e económico que nos impuxo o capitalismo. Un capitalismo que cada dia mostra mais claramente a súa incompatibilidade con calquera tipo de democracia verdadeira, aquela en que sexan os povos os que realmente decidan. As elites políticas e económicas, do PP e PSOE aos grandes directivos das empresas privatizadas de enerxía, financeiras, fondos de investimento ou os conglomerados que dominan a información fan parte da mesma clase burguesa, baleirando o voto popular de calquer incidencia ao impoñeren programas de agresión ás clases populares que nunca pasan polas urnas e decididos en marcos antidemocráticos como os efectivizados na Unión Europea, e onde as promesas baleiras podem ser esquecidas ao dia seguinte. Se a democracia é o governo e a participación efectiva de todos ao servizo das maiorias en todos os ámbitos, o capitalismo é a ditadura permanente da minoria.

A propia necesidade pois de manter e mellorar os dereitos económicos e sociais conquistados lévanos pois á necesidade da loita política por un sistema onde estes estean asegurados: se non nos diriximos cara un sistema así, esas conquistas serán sempre parciais e estarán sempre en perigo. Ese sistema ten un nome: o socialismo. E para unha nación oprimida como a nosa, só a rotura do marco político onde estamos inseridos, o Estado español, pode garantir os nosos dereitos como galegos/as e traballadores/as, para nós e todas as clases populares da nación.

Así, pois, a loita contra estas contrarreformas laborais non será completa, nen nos garantirá seguridade se non avanzamos cara as medidas que poden pór solución a esta situación: a independencia nacional e o socialismo. Avante coa CIG e todos/as á folga xeral do 29 de Marzo!

10 de marzo: mobilizacións contra a reforma laboral. Preparando a folga xeral.

Coincidindo co Día da Clase Obreira Galega, a CIG convoca manifestacións nas principais cidades do país para denunciar a reforma laboral aprobada por decreto polo goberno do PP, e que supón o maior ataque aos dereitos laborais nas últimas décadas, así como para ir quentando motores cara á folga xeral do 29 de marzo. As mobilizacións, nas que desde o MGS chamamos tamén a participar, sairán dos seguintes lugares:

Vigo: Ás 20h. desde Vía Norte
A Coruña: Ás 12h desde a Praza de Vigo
Pontevedra: Ás 19h desde a Praza da Ferraría
Ferrol: Ás 13h desde a Avenida de Esteiro (local da CIG)
Compostela: Ás 12:30h desde a Praza Roxa
Lugo: Ás 12h desde a Ronda da Muralla (local da CIG)
Ourense: Ás 12h desde o pavillón dos Remedios
Vilagarcia: Ás 20h na Casa do Mar