O vindeiro venres 21 de xaneiro ás 20:00hrs o Movemento Galego ao Socialismo e Isca! organizamos unha charla-coloquio sobre a necesidade da mobilización social fronte aos ataques do capital e a patronal e o imprescindíbel apoio á convocatoria de Folga Xeral que a CIG fai o xoves 27 de xaneiro en defensa dun emprego digno e contra as mentiras sobre a reforma das pensións. Mobilización social impulsada polo sindicalismo de clase do noso país mentres os sindicatos españois CC.OO e UGT manteñen as negociacións co Estado Español pactando o recorte de prestacións sociais e de dereitos das traballadoras e traballadores.

O coloquio, no que intervirá un compañeiro da CIG e que pretende un debate honesto e crítico sobre a situación da nosa clase e as iniciativas para resistir os ataques do capital, terá como eixe central a exposición dos motivos polos que é necesaria esta convocatoria de Folga Xeral e manter a tensión social e a mobilización na defensa dos intereses das traballadoras e traballadores do noso país.

Mentres os meios de comunicación silencian esta convocatoria e os sindicatos españois renuncian a mobilizar ás traballadoras e traballadoras, o nacionalismo continúa a demostrar a súa independencia e o seu compromiso co país e a clase traballadora convocando a unha mobilización masiva para rexeitar as medidas neoliberais de recorte de dereitos que tanto o PSOE dende o Goberno do Estado como o PP dende a oposición avalan como solución de saída a esta suposta crise do sistema na que novamente son as clases populares as que deben pagar a especulación do capital.

Dende o Movemento Galego ao Socialismo apoiamos esta convocatoria de Folga Xeral da CIG e é por isto que convocamos esta charla-coloquio para debatir sobre a súa necesidade e contribuir á súa difusión.

Venres 21, ás 20:00hrs
Centro Social A Esmorga (rúa telleira, 9)