O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) desexa intervir no debate social existente arredor do procesamento por prevaricación de Baltasar Garzón, xuíz da Audiencia Nacional española, e nomeadamente pola existencia de iniciativas de apoio ao maxistrado promovidas por organizacións políticas e sindicais, asociacións para a recuperación da memoria histórica e movementos sociais diversos.

As nosas primeiras palabras teñen que ser de apoio e recoñecemento aos centos de persoas e colectivos que, desde variados campos ideolóxicos e procedencias xeográficas, loitan pola verdade, a xustiza e a reparación dos crimes cometidos contra as vítimas do fascismo español. O mérito destas loitas populares non se debe ao impulso de Garzón, senón á determinación das asociacións para a recuperación da memoria histórica que, até agora, non obtiveron unha resposta xudicial adecuada ás súas xustas reivindicacións.

Porén, a nosa solidariedade coas vítimas do franquismo non pode facernos comungar con rodas de muíño. Se Garzón se considera agora obxecto dunha “politización da Xustiza”, non podemos esquecer que el mesmo foi mestre nesta dubidosa arte. Do MGS, non imos solidarizarnos incondicionalmente “con Garzón” nin convertelo en “heroi dos dereitos humanos” sen repasarmos primeiro a súa folla de servizos:

a) Baltasar Garzón desenvolve a súa actividade xurisdicional desde a Audiencia Nacional, órgano herdeiro do Tribunal de Orde Pública (TOP) franquista, de ignominiosa memoria. As xurisdicións especiais son arbitrarias e impropias de reximes democráticos, como denunciou certeiramente Martin Scheinin, relator especial da ONU para os dereitos humanos, nos seus relatorios sobre o Reino de España.

b) Baltasar Garzón impulsou procesos xudiciais contra medios de comunicación, asociacións populares, partidos políticos, defensores dos dereitos humanos, etc. O Comité de Dereitos Humanos fixo patente a súa preocupación por estas agresións á liberdade de expresión e ao dereito de libre asociación pacífica.

c) Baltasar Garzón é un firme partidario da detención incomunicada dos acusados de terrorismo, sendo frecuentes as súas ordes de arresto baixo este rexime. Trátase dun arrepiante “limbo xurídico” no cal se producen torturas brutais, como denunciaron organismos como o Comité de Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa, o Comité contra a Tortura (CAT) e diferentes relatores especiais contra a tortura da ONU, que reclamaron unanimemente a súa abolición.

d) Baltasar Garzón tense mostrado impasíbel perante denuncias de tortura narradas por detidos baixo a súa responsabilidade. Entre outros, o cidadán basco Josu Arkauz, cuxo testemuño de tortura foi considerado polo CPT como “detallado e coherente”, para reprochar ao Xulgado Central de Instrución n.º 5 que non adoptase medidas reiteradamente recomendadas para evitar os malos tratos. O mesmo cabe dicir da chamada “operación Garzón”, desenvolvida durante os Xogos Olímpicos de Barcelona, caso en que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos resolveu que as investigacións de tortura non foran “profundas e efectivas para cumprir coas esixencias dos tratados internacionais”.

Non podemos fechar os ollos diante deste historial. Nin a actitude de Garzón no ámbito internacional nin o seu interese por aparecer como valedor de grandes causas poden eclipsar o seu corriqueiro desprezo aos principios e garantías propios do dereito procesual penal –como a presunción de inocencia, o principio acusatorio e a interdición da tortura– que son en si mesmos unha irrenunciábel conquista da humanidade. Non nos uniremos ao coro que reclama a beatificación civil de Garzón como “defensor dos dereitos humanos”, porque o seu proceder como xuíz foi, en moitas ocasións, o mesmo que agora denuncia como reo.