No día de hoxe, na Casa Branca, celébrase unha cea que inaugura as negociacións directas e bilaterais con Israel, o que lembra un escenario teatral semellante, cando se inaugurou nos xardíns da Casa Branca, aló polo 13 de setembro de 1993, cambiando os actores e a comparsa, o que deu en se chamar entón os Acordos de Oslo, acordos estes que acabaron sendo un desastre para o pobo palestiniano, para a súa terra, para a súa esencia coma ser humano, para os seus dereitos nacionais e para os seus lugares santos.

A Fronte Popular para a Liberación de Palestina reafírmase neste preciso día sobre o seguinte:

  • O seu rexeitamento e condena a estas negociacións e a participación nelas porque se celebran segundo as condicións e os obxectivos israelo-americanos e contra das resolucións emanadas das lexítimas institucións palestinianas e a Liga de Estados Árabes; asemade, estas negociacións, considéranse coma un revés para a lexitimidade internacional en canto a marco de actuacións, autoridade competente e resolucións internacionais.
  • A FPLP reafirma a súa adhesión á OLP coma entidade política aglutinadora, coma representante lexítima e única do noso pobo e coma un logro nacional da nosa revolución e da loita do noso pobo; que non permitiremos trastocar o seu programa nacional en canto ao dereito ao retorno, á autodeterminación e ao estado independente con Xerusalén coma capital. Non recuaremos en seguir a loitar seriamente e con firmeza para reordenar a Casa Palestiniana sobre a base da democracia, protexendo a OLP e o seu carácter unionista, aglutinador e democrático; e sobre a base da Carta Nacional de Concordia e Independencia e a Declaración do Cairo.
  • A FPLP reafírmase sobre os dereitos nacionais inalienábeis do noso pobo, coma o seu dereito á resistencia até pór fin á ocupación e á política de asentamentos, liberar os presos, a independencia e o retorno. Asemade, a FPLP advirte sobre os perigos e os obxectivos sospeitosos dos ataques dos aparatos de seguridade da ANP e sobre os seus inéditos métodos de agresión á democracia, á lei e ás normas e costumes nacionais do pobo palestiniano, así coma as súas contínuas e salvaxes violacións das liberdades, a liberdade de expresión, a cultura do multipartidismo e a respectar a opinión do outro, métodos estes, estraños na escena palestiniana.
  • Nós vemos nestas negociacións un xogo de azar onde se xoga cos sacrificios do noso pobo, cos seus mártires, os seus feridos, os seus presos e engloba uns enormes perigos ao pasar por alto os asentamentos, iñorar a división interna e o esnaquizado da nosa unidade política e xeográfica, do noso pobo, da nosa patria e dos nosos dereitos. Ademais, é unha navallada para a seguridade nacional e árabe e para as accións de solidariedade internacionalistas, apostando polos intereses individualistas e partidistas sobre a base das promesas americanas, ao se render á teoría de Anwar El Sadat cando dicía que o 99% dos papeis están en mans dos ianquis, correndo tras deste 1% de ilusións sobre a base de especulacións e falsas expectativas; feito este que acabará abrindo o escenario interno palestiniano a unha loita intestina, levando a nosa causa cara ao descoñecido, cara á tutela e cara á perdición.

Ao noso pobo e nación árabe, aos ceibes de todo o mundo:

Estamos no día de hoxe anovando o chamamento a todos vós para convocar o máis amplo espectro de forzas para o máis amplo encontro político, popular e nacional para facer fracasar os plans e as condicións americano-israelitas e protexer a opción da resistencia, a unidade e a firmeza coma a opción patriótica e democrática do noso pobo e da nosa nación; así coma o noso medio para liberar a terra, recuperar os dereitos usurpados e conquerir a liberdade, a independencia e o retorno á nosa patria palestiniana.

GLORIA ETERNA PARA OS NOSOS MÁRTIRES

LIBERDADE PARA OS PRESOS

DERROTA PARA A OCUPACIÓN

VITORIA PARA O NOSO POBO

A Fronte Popular para a Liberación de Palestina

A 01.09.2010