As potencias imperialistas veñen de iniciar un novo ataque imperialista co obxectivo de controlar os recursos enerxéticos dun país e instalar un goberno títere ao seu servizo. Desta vez tocoulle a Libia ser bombardeada coa excusa humanitaria, aproveitando cinicamente a situación de revoltas sociais contra moitos gobernos árabes, a maioría deles apoiados durante anos polos mesmos que agora din querer salvar o pobo líbio. A seguir reproducimos os pronunciamentos do BNG e da CIG contra o ataque imperialista:

Declaración da Executiva Nacional do BNG sobre a intervención militar en Libia

Diante dos actuais acontecementos internacionais o Bloque Nacionalista Galego, como organización pacifista, nacionalista e antiimperialista, quere reafirmar a súa aposta pola soberanía dos pobos e por unhas relacións internacionais baseadas na xustiza e na igualdade que primen a resolución pacífica dos conflictos. De acordo cos nosos principios políticos queremos transmitir ao conxunto da sociedade galega a seguinte declaración:

1.- O BNG oponse a unha acción militar sobre Libia que, lonxe dunha operación de axuda á poboación civil, terá consecuencias graves e duradeiras sobre a esa mesma poboación. A intervención militar responde á defensa de intereses económicos e xeoestratéxicos baixo a aparencia de intervención humanitaria, en idéntica lóxica practicada por Estados Unidos e outros estados aliados en recentes e distintas localizacións do planeta. Rexeitamos unha resolución do Consello de Seguridade da ONU que nace con evidentes síntomas de debilidade, que non conta co voto favorábel de estados relevantes e que permite unha intervención militar expresamente criticada por organizacións de estados da área como a Unión Africana e a Liga Árabe.

2.- O Bloque Nacionalista Galego é contrario á participación do Estado español nesta aventura militar destinada presuntamente a desarmar un rexime que previamente os aliados colaboraron activamente a armar. Coherentemente o BNG votou en contra da ratificación da participación española no Congreso dos Deputados.

3.- O BNG quere denunciar o dobre raseiro empregado polos estados atacantes que interveñen militarmente sobre Libia alegando a represión da súa poboación civil, ao tempo que outros estados en conflito están a reprimir cruelmente as mobilizacións das súas poboacións co silencio e cumpricidade da comunidade internacional. No caso paradigmático de Bahrein, mesmo se produciu unha invasión militar do exército da veciña dictadura de Arabia Saudita para reprimir contundentemente ao pobo. Nin a negación de dereitos políticos, nin a represión, nin o incumprimento de resolucións internacionais que afectan desde hai décadas aos pobos saharaui e palestino, mereceron nunca a contundencia da comunidade internacional sobre os estados de Israel e de Marrocos.

4.- O BNG manifesta o seu tallante rexeitamento do rexime libio e doutros que, coma el (Iemen, Bahrein, Arabia Saudita, etc) reprimen violentamente as xustas demandas de liberdade, democracia e xustiza dos seus pobos.

——————————————————————————————————————

Pronunciamento da CIG ante a agresión militar ao pobo libio

A Confederación Intersindical Galega (CIG) ante a agresión militar a Libia

Ante a situación creada nos últimos días en torno a Libia, país que está a ser obxecto dunha agresión militar promovida por intereses de carácter puramente imperialista, a Executiva Confederal da CIG, reunida na cidade de Compostela hoxe martes 22 de marzo de 2011, quere facer pública a súa valoración do conflito:

1º.- Desde as nosas máis profundas convicións solidarias e anti-imperialistas, e como organización nacionalista e de clase, a CIG expresa a súa máis firme condena e rexeitamento da agresión militar emprendida sobre Libia por parte das potencias occidentais. Unha agresión militar de carácter imperialista que, malia a retórica de Occidente disfrazando a acción militar con argumentos presuntamente humanitarios, ten uns obxectivos político-económicos e xeoestrátexicos evidentes, mesmo que conte co aval dunha controvertida resolución de Nacións Unidas. Unha resolución da ONU que, ademais, é conveniente pór de relevo que non apoiada por cinco dos quince países que conforman o seu actual Consello de Seguranza.

2.- De igual xeito, a CIG quer pór de manifesto a hipocrisía que están a amosar as potencias occidentais para con Libia, xa que, mentres se xustifica a agresión militar a este país coa escusa de querer deter a represión que o goberno libio parece exercer sobre a poboación civil, no caso doutros países próximos en conflito Occidente mira para outro lado e permite, cando non alenta, que réximes autocráticos e ditatoriais (como Bahrein, Iemen, Arabia Saudita, etc.) actúen de maneira violenta e represiva contra cidadáns desarmados que se manifestan en favor da democracia e da xustiza social. Nese mesmo sentido, a CIG denuncia o cinismo das potencias occidentais que nada fan por tentar conflitos históricos, como os dos pobos de Palestina e o Sáhara, que ven negados os seus dereitos máis elementais e que levan décadas sufrindo represión e padecemento por parte do Estado de Israel e do Reino de Marrocos, ambos aliados de Occidente, e isto a pesar das ducias de resolucións de Nacións Unidas en prol dos pobos palestino e saharauí.

3.- Así mesmo, a CIG manifesta a súa oposición a que o Estado español, a través do seu exército, se involucre nesta agresión militar sobre Libia e deplora a actitude das diferentes forzas políticas que hoxe mesmo, nas Cortes Xerais españolas, decidiron co seu voto apoiar a proposta do Executivo de Rodríguez Zapatero de participación do Estado español na intervención militar en Libia.

4º.- Por último, a CIG fai chamamento á sociedade galega á que se mobilice e se una ao berro de NON Á GUERRA, co fin de tentar parar esta agresión militar sobre Libia e de reclamar unha outra solución ao conflito aberto neste país, solución que debe pasar polo cesamento das accións armadas e por estabelecer as vías diplomáticas necesarias para que o pobo libio, así como os diferentes pobos e nacións árabes hoxe en conflito, poida conquistar os seus anceios de paz, soberanía, democracia, dereitos humanos e xustiza social. Neste sentido, a CIG chama a participar nas diferentes concentracións que o vindeiro xoves 24 de marzo van ter lugar como primeiro acto de repulsa ante a agresión militar que padece o pobo libio.

Galiza contra a guerra! Non á agresión militar imperialista contra Libia!

Galiza, 22 de marzo de 2011

——————————————————————————————————————

Lugares e horas das concentracións

Lugo: Praza de Armañá (diante da Subdelagación do Goberno), ás 20:30 horas.

Santiago: Praza de Cervantes, ás 2030 horas.

Ourense: Subdelegación do Goberno de Ourense, ás 20:30 horas.

Foz: Praza do Concello, ás 20:30 horas.

Pontevedra: Praza da Peregrina, ás 20:30 horas.

A Coruña: no Obelisco, ás 20:30 horas

Vigo: diate do Museo Marco (Rúa do Príncipe), ás 19:30 horas.

Ferrol: Praza de Armas, ás 19.00 horas.

Vilagarcía de Arousa: Praza de Galiza, ás 20.30 horas.