Quen nos últimos tempos teña deitado unha ollada sobre o reino de España talvez terá pensado que se está a converter no país do perdón. Non para a clase obreira, claro: a nós penalízannos por enfermarmos, criminalízannos por nos mobilizarmos e por protestarmos as medidas homicidas do governo do capital e dos especuladores. Nada  de perdón para a maioría social. Todo, en troca, para as elites económicas, porque tamén para o perdón existen os privilexios. Todo se perdoa entre as clases acomodadas, tanto en Madrid como nas colonias. Aí está Feijóo a perdoarlle unha multa de tres millóns de euros a Telmo Martín, polo mesmo procedemento que hai poucas semanas utilizaba Rajoy para indultar Josep Maria Servitje, vinculado a CiU, de unha pena de 4 anos de prisión por corrupción. Para iso mesmo traballan agora os avogados a todo o que dá a máquina para ver se perdoan o xenro do rei que roubou millóns cun instituto sen ánimo de lucro e coa complicidade de varios governos do Partido Popular, mentres o propio governo do Estado acaba de anunciar a nai de todos os perdóns: a amnistía fiscal para os defraudadores profesionais sobre cuxo burato de contas impagadas fundamenta ese governo teledirixido o seu interminábel rosario de recortes e agresións á clase obreira. O último capítulo de tanta redención parece ser, polo momento, o que os políticos e os medios de comunicación mainstream outorgan a El-Rey depois de pedir as desculpas máis sobreactuadas e lacónicas que se viron en tempo.

O capítulo do rei, contodo, ten aínda, se cabe, un interese maior, por varios motivos. En primeiro lugar, porque a persoa que constitucionalmente se dedica a pasear polo mundo representando o reino foi cazada en Botswana a disparar contra elefantes protexidos por estaren en perigo de extinción. En segundo lugar, porque ao governo que tiña que autorizar a saída do señor en cuestión lle pareceu ben, e polos vistos lle continúa a parecer. E en terceiro lugar, porque os seus representados, isto é, —por obriga— nós, soubemos o que nos contaron só cando, por acaso, sufriu un accidente nos cadrís e tivo que volver de urxencia para ser operado, pasando por riba de calquera lista de espera e facendo imposíbel continuar a ocultar o caso por máis tempo. Despois saíu o rei dicindo que non volverá ocorrer. Mas, que é exactamente iso que non volverá ocorrer? Porque desde a Casa Real xa se encargaron de dicir que o rei non pedía desculpas pola viaxe; porque de cacería xa foi antes; porque — sen entrar na barbaridade que constitúe a caza de animais protexidos — tamén non será a primeira vez que gasta nuns días de safari o que a calquera de nós nos leva gañar case dous anos de traballo; ou porque, coa que está a caer, tampouco será a primeira vez que esa institución, que tan importante e épica lles parece a todos os que por aí falan e comentan, abandoe o barco acompañado de empresarios e dos seus intereses.

Que o home da coroa teña a ben levar adiante tais fazañas no ámbito da mais absoluta irresponsabilidade — non só institucional, por certo — non se repara con dicir que se sente moito e que se está desexando regresar ao traballo, sexa cal sexa. E como non se repara, para o único que debe servir este episodio é para nos irmos concienciando máis aínda desas verdades que xa sabemos sobre o feito mesmo da existencia dunha monarquía e que, porén, moitos se resisten aínda a considerar con todas as consecuencias, isto é: que a propia monarquía é unha imposición franquista que colabora, por si mesma, na continuidade dos privilexios estabelecidos na última dituradura; que ninguén refrendou a figura do rei especificamente; que a tal institución é perfeitamente substituíbel por unha presidencia da república; ou que a colección de despropósitos que atesoura a familia real española supera xa, con moito, a épica que os regalados lle atribúen. Debe servir, en definitiva, para que no ámbito do Estado os españois abran unha reflexión profunda que leve cara á proclamación da súa terceira república, e para que as nacións cuxa soberanía está conculcada pola indivisibilidade dos territorios da coroa comprendan que continuaren sometidas a tais personaxes, a tais institucións e aos governos que as apoian e as enciman por riba de todas as cousas é tan irresponsábel para co seu futuro propio como compartir e mesmo aplaudir tantas veleidades fraudulentas. Para nós, marxistas, o debate non debe ser entre abdicación e continuidade, senón sobre como avanzar dunha sociedade de privilexios para unha sociedade mais igualitaria e xusta, socialista, por tanto. Para nós, soberanistas, o debate non debe ser entre monarquía ou república, senón entre monarquía allea ou república propia, soberana, capaz de dirixir a súa política interna e, por suposto, tamén a súa representación externa, de forma seria e medida, lonxe destes personaxes e destas lameiras.