Que un país coa riqueza forestal de Galiza non conte cun plano serio de loita contra o lume, que inclúa fundamentalmente labores de prevención e a posta en valor do noso monte, é un claro reflexo do papel dependente (e colonial) que se lle reserva á nosa nación. E isto non é un recurso á consigna fácil senón que basta constatar o que ocorre cos nosos ríos, dedicados en exclusiva á explotación para produción eléctrica; a nosa costa onde se eliminan trabas á construcción e ás actividades económicas agresivas; a extensión de licenzas de minas a ceo aberto en espazos protexidos como o Courel ou as Fragas do Eume; a política forestal e a eucaliptización do noso monte; a especulación urbanística ou a extensión dos parques eólicos moito mais alá do razoábel. Todo isto supón unha característica definitoria da forma en que se insire a Galiza no capitalismo europeo e estatal, cunha poderosa compoñente de fornecedora de recursos naturais que buscan o benefício económico para as grandes empresas sen ter en conta a sustentabilidade do noso medio natural nin o benestar da persoas.

Igualmente, o abandono do rural tampouco é froito dun mal endémico senón outra consecuencia provocada pola planificada desmontaxe do sector primario galego a mans do Estado e da Unión Europea, deixando milleiros de explotacións agrarias e gandeiras sen futuro, o que provocou entre outras cuestións o empioramento dos servizos e a calidade de vida, o envellecemento da poboación e como consecuencia o abandono e degradación do monte.

No caso particular do monte galego queren facer pasar o lume por unha doenza, unha desgraza inevitábel que nos golpea e que temos que sobrelevar como mellor podamos até que pasa. E a partir de aí, asumir a progresiva perda forestal como se for un rasgo da normalidade. Que cada ano asistamos á queima criminal de milleiros de hectáreas e que o goberno do Partido Popular non fixese outra cousa que recurtar drasticamente os recursos para a prevención -en 20 millóns de euros- e en extinción -7 millóns de euros- non é só froito dunha mala xestión, senón que responde a ese deseño dependente onde a xestión responsábel e a sustentabilidade dos recursos está ausente. O BNG e a CIG levan tempo denunciando estos recortes, a redución do persoal das brigadas e que practicamente se eliminasen as rozas e os labores de prevención, así como chamando a atención sobre os intereses económicos que dependen do lume.

Nese permanente desleixo agora tocoulle ás Fragas do Eume, un dos mellores exemplos de bosque atlántico da Europa, o que non é outra cousa que ser un reduto de biodiversidade frente ao monocultivo do eucalipto que degrada e empobrece os nosos ecosistemas. Este ano xa levamos varios milleiros de hectáreas carbonizadas no Xurés, no Courel, na Limia, … e non serve acusar a pirómanos nen ao tempo. Resulta curioso que neste caso fose no lugar onde se proxectaba unha polémica mina de andalucita onde se orixinou o lume.

Aqueles que defendemos un futuro diferente para Galiza, en liberdade e en pé de igualdade co resto de pobos do mundo, e onde as atividades económicas, dirixidas en función dos intereses das clases populares, sexan sustentábeis e respeitosas co ambiente temos a obriga de denunciar esta nova agresión ao noso medio e sinalar aos responsábeis políticos. Porque defender o noso monte é defender Galiza.

Facemos pois un chamamento a participar das concentracións convocadas de urxencia nas cidades e principais vilas galegas para este luns ás 20:30 horas:

A Coruña. nos Cantóns

Vigo. na Porta do Sol

Compostela. na Praza do Obradoiro

Pontevedra. na Praza da Ferrería

Lugo. diante da Casa do Concello

Ourense. diante da Casa do concello

Ferrol : Praza de Armas (20:00 h)

Foz:  diante da delegación de Facenda

Betanzos: diante do Concello

Vilagarcía de Arousa. Praza de Galiza