Este 25 de Xullo de 2009 era o primeiro en que a nosa organización, o Movemento Galego ao Socialismo (MGS), aparecía xa con sigla propia nun Día da Patria, facendo parte da tradicional manifestación que nesa data convoca o BNG na capital de Galiza. Unha manifestación que este ano levaba por lema “Movámonos. Polo noso idioma. Polo emprego!”.

Esta manifestación do Día da Patria dábase nun contexto certamente especial para o nacionalismo, xa que se producía tras os discretos resultados electorais do 1 de marzo para o BNG, que viñeron significar a saída do nacionalismo do goberno da Xunta, tras unha experiencia de xestión institucional no mesmo de catro anos, conxuntamente co PSOE, o que acabou provocando unha convulsión interna que deu na convocatoria dunha Asemblea extraordinaria no mes de maio. Ademais diso, as eleccións europeas do mes de xuño, e tras unha campaña de baixa intensidade e pouco mobilizadora, tamén situaran o BNG ante un escenario difícil electoralmente falando, con pouco máis de cen mil votos no país.

patria09_2

patria09_3

Era por iso que este Día da Patria era unha especie de proba de lume para o BNG, xa que desde ámbitos como o mediático (nada amábeis co nacionalismo e menos co que aspira á transformación social) xa se estaban a afiar as plumas para contar a baixa participación na mobilización do BNG e tentar infundir desánimo nas fileiras do nacionalismo organizado. Mais o esforzo organizativo feito pola organización e, sobre todo, o compromiso que día a día segue a demostrar a base militante do BNG, conseguiron que a manifestación estivese ao nivel dos últimos anos en canto a participación, algo que tamén se viu reflectido tanto no habitual xantar posterior como nos actos dese día do Festigal.

patria09_4Porén, non podemos deixar de mencionar que, fronte ao chamamento á participación que fixemos algúns (nós, por exemplo, publicamente en rolda de prensa), outros, como a corrente quintanista -baptizada como +BNG-, realizaba días antes un encontro no que unha das súas cabezas visíbeis, o deputado Carlos Aymerich, criticaba a nova liña política que parece que se quere abrir na fronte cualificándoa de “resistencialismo”, ao tempo que volvía rebaixar o carácter do BNG para querer situalo como referente galeguista fronte ao soberanismo, que foi o auténtico leit motiv da súa creación en 1982.

Ampla participación na manifestación do BNG

patria09_9Nese contexto, a manifestación que percorreu as rúas de Compostela (con preto de 20.000 persoas participando) foi unha mobilización importante, e que pon peche a un ano político complicado para o nacionalismo. Agora só resta que a partir do outono se vaia abrindo un novo ciclo para o BNG, polo que nós apostamos na Asemblea de maio, no que se avance nunha liña política claramente nacionalista e de esquerdas, lonxe de determinadas veleidades dos últimos tempos.

patria09_6Nese sentido, a intervención política ao remate da manifestación realizada polo portavoz nacional do BNG achegou elementos positivos, xa que o mundo do traballo volveu estar presente nun discurso do Día da Patria. E xuntamente con este, a denuncia do imperialismo ou a defensa contundente do galego como lingua nacional de Galiza tiveron cabida na intervención de Guillerme Vázquez. Porén, entendemos que faltou neste día unha aposta clara en clave soberanista, xa que as continuas referencias á cuestión nacional se limitaron a falar do necesario recoñecemento de Galiza como nación no marco dun previsíbel comezo da negociación cara a un novo Estatuto, mais sen afondar no horizonte estratéxico que todo nacionalista debe ter como é a conquista da soberanía política.

O MGS e Isca! no Día da Patria

patria09_5A presenza do Movemento Galego ao Socialismo e de Isca! na manifestación, e no conxunto de actos do BNG e Galiza Nova neste Día da Patria, foi unha presenza cualitativa e cuantitativamente importante, facendo comitiva propia (alén dos compañeiros e compañeiras que ían en faixas do BNG e Galiza Nova de diferentes localidades) e portando tamén lemas propios que viñan enriquecer o contido da marcha. Lemas como “Fronte á crise capitalista, movémonos por unha Galiza ceibe e socialista” ou “Porque somos nacionalistas, loitamos pola nosa independencia”, e que se recollían nas dúas faixas que o MGS levou á manifestación.

patria09_7Tamén esta celebración do Día da Patria de 2009 serviu para que o Movemento puxese en circulación o primeiro número da súa revista Arredista!, así como distribuíse un panfleto, que levaba como cabeceira Máis Alá!, recollendo os espíritos das candidaturas que o MGS promoveu ao proceso asembleario do BNG.

Festigal e acto de Galiza Nova

Mais este non foi o único dos actos convocados pola fronte nacionalista e pola súa organización xuvenil neste Día da Patria de 2009. Como en ocasións anteriores, os días 24 e 25 desenvolveuse o Festigal, no que o Movemento Galego ao Socialismo e mais Isca! compartimos posto para a exposición e venda de material, alén de nos implicarmos tamén en labores organizativos. Como tamén participamos, na tarde do 24 na homenaxe a Rosalía e Castelao convocada por Galiza en San Domingos de Bonaval, en reivindicación do seu ideario emancipador para a nación galega e de fonda preocupación polos intereses das clases populares. Este ano a intervención política do acto correspondeu ao actual portavoz do BNG, Guillerme Vázquez, quen na compaña da secretaria xeral de Galiza Nova, e tras as intervencións literarias e musicais, fixo unha defensa dos dereitos nacionais de Galiza.

patria09_8Como remate desta breve crónica do Día da Patria de 2009, cabe reiterar o noso compromiso de seguirmos traballando por consolidar o proxecto nacionalista que representa o BNG, desde uns posicionamentos soberanistas e da esquerda transformadora, co único fin de avanzarmos na liberación nacional e na emancipación social do noso pobo. E nesa liña, xa anunciamos para comezos do outono un importante acto da nosa organización, como é a realización dun Encontro nacional en Compostela no que se debaterán cuestións relativas ao futuro traballo dentro do BNG e dos movementos e organizacións socias actuantes no país, así como outros aspectos de índole organizativa que contribúan a facer do MGS un mellor instrumento político para a defensa dos intereses da clase traballadora galega e do dereito de autodeterminación para Galiza.

Consulta tamén a crónica na web de Isca!, con moitas mais imaxes.