Achégase un novo día da Patria no medio dunha agudización da crise capitalista que estamos a sofrer a clase traballadora galega e o conxunto das clases populares. Tanto a Xunta de Galiza como o goberno central e a Unión Europea proseguen na rota marcada para facernos pagar a súa crise. Esta rota, que consiste en eliminar dereitos laborais e sociais, privatizar e recortar servizos públicos básicos, rematar co sistema financeiro galego e salvar a banca privada, lévanos a unha situación de emerxencia que se reflicte nun desemprego próximo ás 300.000 persoas, con mais da metade da mocidade sen emprego.

Frente a isto, o lema deste ano da Fronte Patriótica quere condensar a oposición que o nacionalismo leva mantendo contra estas políticas e subliñar que o BNG está no lado das maiorias sociais, e non dos banqueiros e as oligarquías. Por iso este lema será “Rescata os teus dereitos. En Bloque podemos!”, cun BNG que sae da última Asemblea Nacional mellor preparado e equipado coas ferramentas precisas para combater esta situación.

O Movemento Galego ao Socialismo quer animar a sociedade galega a dar máis forza ao BNG, forza necesaria para reverter estas políticas agresivas que queren empobrecernos. Só un BNG forte, con capacidade de mobilización na rúa e con forza nas institucións, poderá torcer a man de aqueles que queren condenar a sociedade galega ao desemprego, á emigración, á perda de dereitos, á precariedade e á explotación, e derrotar aqueles que como PP e PSOE concordan no esencial dun camiño que nos leva ao desmantelamento dos nosos sectores produtivos e ao desastre social. Así pois, o MGS chama aos nacionalistas e á sociedade galega a secundar a manifestación que percorrerá as ruas de Compostela este 25 de Xullo, con saída da Alameda ás 12h.