A seguir reproducimos o discurso do noso compañeiro Rafa Villar, que interviu perante as delegadas e delegados asistentes á Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG, no que defende a nosa candidatura ao Consello Nacional:

Compañeiros, compañeiras, antes de proceder a argumentar as razóns que nos levaron a confeccionar esta candidatura ao Consello Nacional, cómpre unha reflexión acerca do seu carácter e da adopción dun método como o da delegación da presenza e o voto na asemblea. Para nós, que se manteña un sistema como o da delegación á hora da participación nas asembleas nacionais do BNG é inxusto (non todos os militantes acabamos por ter os mesmos dereitos) alén de perverso, na medida en que dá lugar a asembleas “acordeón” que se estiran e encollen en función dos intereses da maioría de goberno da organización.

Ademais, este sistema de delegación non está xustificado por causas técnicas e/ou organizativas, senón por unha vontade política, que no seu día exerceu o núcleo de dirección do Bloque. Certamente, tratábase de lle restar horizontalidade ao BNG, en liña cunha nova estratexia posta en marcha, que nós cualificamos como a “estratexia da moderación”. Moderación no terreo da reivindicación da cuestión nacional e moderación na cuestión social. De aí que nós nos posicionásemos daquela en contra desta decisión e que hoxe reiteremos ese posicionamento.

Nun momento como o actual, faise necesaria, se cadra máis ca nunca, a participación de todos e todas. Participación nos debates, nas orientacións da organización, na acción política e, por suposto, na toma de decisións. Querer erosionar o dereito que como militantes do BNG temos a esa participación activa é frustrar o máis valioso que ten a nosa organización, a súa militancia.

Para nós é así. De feito pensamos que por riba de calquera liderado individual –pasado, presente ou futuro- o verdadeiro liderado do BNG reside no conxunto de homes e mulleres, de compañeiros e compañeiras, que conforman a organización. Temos, pois, un liderado colectivo, que é o verdadeiro músculo do Bloque. Porque o BNG para medrar e avanzar cuantitativa e cualitativamente non dependeu nin das bondades dos medios de comunicación, nin das vontades de grupo económico ningún, senón que o fixo mercé ao traballo militante dos homes e mulleres, mozos e mozas, que deron e dan vida á organización.

Compañeiros e compañeiras, na nosa vontade estaba que esta fose unha asemblea para o debate de ideas e non tanto para o debate de nomes. Por tanto, para o intercambio -leal e democrático- de propostas, alternativas e mesmo modelos, como xeito de enriquecer e afortalar o BNG como proxecto político para a Galiza do século XXI. Unha Galiza que será soberana ou non será…

Enfrontamos a forza centrípeta dun Estado, o español, e duns poderes do Estado, que procuran a nosa asimilación como pobo, e como nación, lingua e cultura diferenciadas. E só o nacionalismo, o nacionalismo político -que o Bloque nuclea- e o nacionalismo social -que se expresa en movementos, organizacións e colectivos sociais-, só o nacionalismo, digo, ten un proxecto para a nación galega que resiste a esa asimilación, e faino desde un afán de construción nacional. E a acción política do BNG debe contribuír sempre a ese afán, e todo traballo político e social e toda xestión institucional que fagamos debe orientarse tamén nesa dirección, na da construción nacional.

E temos que ser quen de combinarmos o traballo en prol da construción nacional cunha decantación en favor dos sectores sociais máis indefensos da nosa sociedade e nomeadamente da clase traballadora, porque nestes sectores reside moi maioritariamente a base social pasada, presente e futura do nacionalismo que representamos, que o Bloque representa. E por tanto, temos que ser quen de perfilar e avanzar en propostas e alternativas que recollan os intereses e necesidades destes sectores, ao tempo que mantemos unha interlocución sincera e permanente con eles.

Para cumprir con isto, como organización debemos abordar un xiro á esquerda, ou enlazando co dito anteriormente, un dobre xiro, soberanista e de esquerdas, no discurso, na mensaxe e na acción política do BNG. E para que este teña todo o sentido adquire unha vital importancia que o fagamos recoñecendo o papel que os movementos e organizacións sociais xogan como actores en diferentes ámbitos para a transformación social e o desenvolvemento cara a unha sociedade máis xusta. Porque sabemos que outro mundo é posíbel, e outra Galiza tamén é posíbel. E é tarefa necesaria e urxente contribuírmos co noso esforzo a que así sexa.

En resumo, compañeiros e compañeiras, a Candidatura MÁIS ALÁ! ao Consello Nacional defende a necesidade de apostarmos por un cambio de rumbo da organización, que devolva o BNG aos lindeiros do nacionalismo soberanista desde coordenadas da esquerda transformadora, así como por unha mudanza nos métodos de traballo no seo da organización, horizontalizando as tomas de decisión e acompasando o labor político, o social e o institucional. Nesa dirección, avogamos por que a participación do conxunto da militancia do Bloque nas asembleas nacionais volva ser condición inseparábel dos dereitos que todos temos como militantes da organización.

Así mesmo, entendemos que é preciso recuperarmos a capacidade mobilizadora da organización, conectándoa con aquelas loitas sociais (defensa do territorio e medio ambiente, reivindicación lingüística e cultural, loitas veciñais, sindicais, agrarias, estudantís, etc.) que forman parte do ADN do nacionalismo galego no seu conxunto e do BNG, como forza política, en particular. Nese sentido, cómpre unha nova relación cos movementos sociais, baseada na horizontalidade, na colaboración e respecto mutuo e no recoñecemento da importancia da súa loita e do seu papel como instrumentos para a transformación social.

Para nós, esta asemblea nacional debe contribuír a un reforzamento da unidade do nacionalismo e da nosa organización, desde unha articulación inclusiva do pluralismo existente, sabedores de que, hoxe por hoxe, o Bloque é, en canto forza política, o único dique de contención que posúe o pobo galego ante a ofensiva españolizadora que se está producindo no Estado español. O BNG debe ser tamén garante para a resposta que debemos dar ante as últimas sacudidas producidas polo capitalismo na súa vertente neoliberal e que busca reproducirse, coas graves consecuencias que isto ten para a clase traballadora e para os sectores sociais máis desfavorecidos e indefensos.

A Candidatura MÁIS ALÁ! ao Consello Nacional propugna un acordo integrador das diferentes sensibilidades que conflúen no BNG, co fin de conformar unha dirección política da organización que sexa reflexo do pluralismo existente. De haber vontade para unha rectificación da liña política e para unha integración da pluralidade existente, non imos ser nós quen non tendamos a man. Porén, ao que non nos sentiremos vinculados é a apoiarmos aquelas posicións involucionistas que tenten diluír o perfil político do Bloque nunha sorte de galeguismo informe, carente da súa vocación como instrumento para a autodeterminación nacional e a emancipación social.

Acabo xa. Faise obrigado solicitar de vós o voto, o apoio á Candidatura MÁIS ALÁ!, promovida polo Movemento Galego ao Socialismo e pola organización xuvenil Isca!, e que está conformada por 55 compañeiras e compañeiros representativos da maioría das comarcas do país e con importante presenza xuvenil e de militantes nacionalistas implicados en diversos movementos sociais. Moitas grazas e, coma sempre, Viva Galiza Ceibe!

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2009