Ante a cita electoral do vindeiro 7 de xuño, en que se elixen os deputados e deputadas que van conformar o Parlamento europeo para o período 2009-2014, o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) quere facer un chamamento a un voto decidido, en clave soberanista e de esquerdas, en prol da candidatura promovida en Galiza polo BNG e que no resto do Estado se integra na coalición Europa dos Pobos-Verdes (EdP-V).

Para nós, o voto ao BNG é un voto en favor da construción nacional de Galiza e en favor da defensa da nosa identidade, da nosa cultura, da nosa lingua e todos os dereitos que nos asisten como pobo. Mais tamén o voto ao BNG é un voto en prol doutra Europa, a Europa que se debe ir construíndo, desde o respecto e a solidariedade entre os pobos, para a superación do actual modelo económico e social e dun sistema feito para beneficio duns poucos e que conduce inexorabelmente á precarización das condicións de vida da clase traballadora e á exclusión social, en definitiva, á barbarie.

Nós acreditamos en que outra Europa e outra Galiza son posíbeis e, desde o noso compromiso coa clase traballadora galega e cos dereitos nacionais do noso pobo, traballamos porque, máis cedo que tarde, iso se faga realidade. Sabemos tamén que o actual marco xurídico-político, no que se inscriben os comicios europeos, é un marco escasamente democrático e que está ao servizo dos arquitectos do actual modelo de construción europea, un modelo que por certo está a ser posto en cuestión por amplos sectores das diferentes sociedades que compoñen a actual Unión Europea, e nomeadamente polos traballadores e traballadoras, que están a ver como os seus intereses non son tidos en conta e que mesmo ven perigar boa parte dos seus dereitos laborais e sociais.

Malia sermos conscientes de todo iso, facemos un chamamento á participación nas eleccións ao Parlamento europeo do 7 de xuño e, dentro dese chamamento, o MGS entende que o mellor voto posíbel é o que representa o BNG, como forza política da que participamos e que é parte fundamental do proxecto de liberación nacional e social que encarna o nacionalismo galego.