O 20 e 21 de maio terán lugar dúas novas xornadas de folga no sector do metal da provincia de Pontevedra, en defensa dun convenio colectivo digno. A patronal escúdase na situación de crise económica para manter a súa postura inflexíbel até momento ante as reivindicacións sindicais, e pretende manter a toda costa as súas cuotas de beneficios sen facer ningunha concesión, polo que a loita se prevé longa e dura.

Os empresarios pretenden doblegar non só a vontade dos traballadores do metal, senón derrotar tamén con iso a un sector exemplar en canto á súa combatividade, solidariedade e conciencia de clase, que desde hai anos está á vangarda nas loitas laborais en Galiza e no Estado. Así, tentando tumbar as reivindicacións do metal en Pontevedra queren tumbar tamén un exemplo de loita nun momento en que esta se fai máis necesaria que nunca, e sobre  todo queren derrotar o modelo sindical defendido pola CIG que é o que está a marcar a dinámica do conflito.

As declaracións ao respecto da nova Conselleira de Traballo, falando de que “non son tempos de barricadas nin de conflitos”, dan unha boa medida de cal é o papel que a nova administración autonómica vai xogar nesta e noutras loitas que veñan no futuro, polo que ademais de á patronal, estamos a enfrentarnos tamén a un goberno manifestamente inimigo das e dos traballadores.

Desde o Movemento Galego ao Socialismo animamos de novo aos traballadores e traballadoras do metal a continuar esta batalla até veren cumpridas as súas reivindicacións, e contribuiremos a que así sexa pois sabemos que a loita é o único camiño neste momento chave no que o sistema pretende solventar o seu fracaso conxénito con unha nova volta de porca que reduza os nosos dereitos e liberdades para manter os privilexios dunha minoría.

Máis información actualizada do día a dia do conflito no xornal dixital da CIG