Nos últimos anos o capitalismo tentou sortear a súa crise cunha serie de medidas: perante un crecemento menor dos seus beneficios, promoveu una financeirización acelerada da economía e o investimento na construción, mentres a clase traballadora, frente á descida do seu poder adquisitivo, viuse obrigada a un endebedamento maior amplamente promovido pola banca. Así se deu o grande boom inmobiliario, no estado español favorecido coa lexislación desreguladora do solo do PP, acelerando a conversión da vivenda nun ben especulativo, e non na necesidade social básica que é.  Todo isto derivou no crash da burbulla inmobiliaria e a caída de grandes bancos estadounidenses, que arrastrou toda a economía mundial.

Os líderes do capitalismo mundial, asustados, prometeron en diversas reunións que procederían a regular todo o sistema bancario, de paraísos fiscais, etc que eles mesmos montaran anos atrás. Mais despois de todas esas afirmacións, ao que recorreron as cabezas do capitalismo internacional foi ao maior ataque aos dereitos dos traballadores en décadas.

En Europa, a troika formada pola Unión Europea, o Fondo Monetario Internacional e o Banco Central Europeo, en connivencia cos gobernos dos Estados, fosen “socialdemócratas” (Grecia, Estado español), ou conservadores (a ampla maioría), deseñaron unha aceleración na desmontaxe das medidas de protección dos traballadores/as aparecidas tras a 2ª Guerra Mundial.

Decididos a que a crise a pagásemos a clase traballadora e a rematar co sector público baixo a escusa do défice (que non creceu tanto e que nunca se quere reducir facendo pagar mais ás grandes fortunas e ás empresas multinacionais con beneficios cada vez máis multimillonarios), na Galiza encontrámonos coas contrarreformas do governo central do PSOE e do galego do PP desde 2009.

Así, en pouco tempo aprobouse unha contrarreforma laboral deseñada para recortar a estabilidade laboral e facilitar o despedimento, e tamén procedeu o PSOE a un ataque ao sistema público de pensións: unha contrarreforma para traballar máis e cobrar menos que contou co acordo da patronal e CCOO-UGT, só contestada na Galiza pola CIG na folga convocada en xaneiro. Ademais, prosegue o ataque ao público, liquidando o sector semipúblico das caixas de aforro; e acaba de aprobar a nova reforma dos convenios colectivos para reducir a nosa capacidade de presión, centralizando en Madrid todo o posíbel. Estas medidas foron aprobadas coa complicidade manifesta do PP, que aplica semellantes políticas de cortes sociais na Xunta de Galiza que afectan gravemente á clase traballadora: privatización sanitaria nos hospitais de Vigo ou Pontevedra, recortes no ensino público, privatización da asistencia aos nosos maiores, peche de oficinas de benestar, etc.

Todas estas medidas que non fan máis que facilitar os despedimentos e rebaixar o poder adquisitivo dos traballadores/as, provocan a queda do consumo (e mesmo o peche de pequenas empresas, débiles frente aos grandes monopolios), e polo tanto unha espiral maior de desemprego: 250.000 desempregados/as no noso país, e un paro na mocidade galega de mais do 30%, onde aqueles que traballan fano cunha temporalidade do 63% en menores de 24 anos.

A pesar de que nos din que non hai alternativa, existen, sen embargo, medidas alternativas para frear a crise e paliar o desemprego, favorecendo os intereses da clase traballadora. Muitas delas son medidas aplicábeis inmediatamente e recollidas na táboa reivindicativa desta Marcha da que participamos: salario de inserción laboral, mellora e ampliación dos servizos públicos e o seu emprego, mellorar o poder adquisitivos dos salarios, aumentar o investimento público produtivo, unha nova política fiscal para que paguen máis aqueles que máis teñen ou unha banca pública ao servizo da creación de emprego e o investimento.

E a longo prazo só un cambio cara un novo sistema económico pode garantir os dereitos dos traballadores/as, estudantes, pensionistas… só no socialismo terán solución os nosos problemas. Para conseguirmos iso sabemos que só através da loita organizada poderemos arrancar conquistas favorábeis á nosa clase: nunca ao longo da historia os dereitos conseguidos foron regalados polos poderosos, senón arrincados coa loita de moitas xeracións, por iso é fundamental a nosa organización consciente. E esa loita ten que se desenvolver en todos os frentes, porque sabemos que moitas das decisións que nos afectan decídense fora do ámbito laboral: é na loita política e nos Parlamentos onde se recortan ou amplían moitos dos nosos dereitos. Polo tanto os traballadores galegos, ademais de nos organizar nun sindicato nacionalista e de clase,  e polo tanto pertencermos á CIG, precisamos de instrumentos políticos que leven a nosa voz a todos os lugares onde se decide sobre os nosos dereitos. Por iso traballadores galegos, desempregados coma nós, ou con emprego; participamos no Movemento Galego ao Socialismo, integrados no BNG. Cando Galiza é cada vez mais un país onde a clase traballadora aumenta en números absolutos e o capitalismo como sistema afecta a mais galegos e galegas que nunca na historia, somos os membros da clase traballadora os que debemos liderar a conquista da liberación nacional e social do noso país. Polo pleno emprego e o socialismo, adiante a loita da clase traballadora galega!

 

(Texto do nº6 da nosa folla informativa “Máis Alá!”, repartido da manifestación nacional da CIG o 3 de xullo, coincidindo coa chegada da Marcha Galega polo Emprego.)