Nunha rolda de prensa que tivo como escenario a capital galega, varios dos membros da Xestora nacional do MGS deron conta perante os medios de comunicación da súa visión acerca da conxuntura política actual, ao tempo que aproveitaban para avanzar algunhas das iniciativas e campañas que a devandita organización vai desenvolver nos próximos meses.

Respecto da actual conxuntura política, centraron a súa intervención no proceso asembleario realizado polo BNG e o papel levado a cabo polo MGS, salientando a representatividade obtida tanto a nivel nacional como comarcal e local no dito proceso. Nese sentido, falaron do seu compromiso por trasladar ao seo da fronte as propostas, soberanistas e de esquerdas, do MGS e de afortalar o propio BNG como organización. Así mesmo, referíronse ao recente Congreso da CIG, no que o MGS tamén tivo unha importante participación.

En canto ás próximas iniciativas, informaron da posición do MGS a respecto dos actos do Día da Patria, apoiando a manifestación convocada polo BNG e na que van participar con lema e cortexo propio. Outra das propostas comentadas, foi a da celebración no mes de outubro dun Encontro nacional do MGS, co fin de debater sobre diversas cuestións de índole organizativa e político-ideolóxico, así como de elixir unha nova Xestora nacional que coordine os labores do MGS até a celebración da súa reunión constituínte.

Por último, os representantes do MGS anunciaron a súa decisión de solicitar, en canto se dean as condicións, o seu recoñecemento formal como organización actuante dentro do BNG.