Reproducimos a tradución dunha entrevista realizada polo xornal Faro de Vigo ao noso compañeiro Antolín Alcántara, sindicalista do metal en Vigo, membro da Xestora Nacional do MGS e un dos protagonistas xunto a miles de traballadores dunha dura loita que, desde hai xa mais dun mes, está a dar un necesario exemplo de dignidade, solidariedade obreira e conciencia de clase:

Tras varios meses de negociacións, trece xornadas de folga, duras mobilizacións e maratonianas xornadas de negociación rotas por discrepancias no incremento salarial, sindicatos e patronal do sector do metal da provincia de Pontevedra esperan estar xa ao final do camiño.

–Como e para cando ve o final deste conflito?

– O fin do conflito depende neste momento, como desde o principio, da patronal. De que os empresarios unifiquen posicións entre eles e saiban atender as reclamacións dos traballadores. Acudimos con todo o optimismo porque non se trata de vencer a posición de ninguén senón dunha loita que ten que ser xusta no aspecto de dignificar o salario e que o queremos facer convenio a convenio, como vimos facendo desde hai uns anos. E en cada convenio temos que dar un paso porque non é posible entender hoxe que un traballo como o do metal ou doutros moitos sectores poida retribuír con mil euros netos que non permiten a independencia para a vida de ningunha persoa.

–Piden subidas do 4,5% o primeiro ano e do 4% para o segundo e a patronal non pasa do 2%. Para lograr un acordo, están dispostos a rebaixar a súa pretensión?

– Na cuestión salarial non estamos considerando ningunha cesión. Entendemos que o incremento se debe dar nunha porcentaxe semellante a esa porque do contrario non hai recuperación de salarios e cremos que é perfectamente asumíbel e entendemos que de aí non se debe baixar. Sen embargo, calquera posición ou actualización da oferta dos empresarios vaise sempre a trasladar aos traballadores. Así é que a conclusión final do convenio vai ser decidida cos traballadores e eles son os que nos van dar autoridade para aceptar unha cousa ou outra.

–Había case acordo sobre regulación de xornada, en que termos e algún outro punto de discrepancia?

–Hai case acordo definitivo para regular os días de descanso que sobran no convenio, é dicer, o número de días excedentes que os traballadores poidan gozar comunicándoos previamente á empresa nas datas que eles soliciten. E hai outro tema, a regulación da contratación no sector naval, sobre o que non había acordo e parécenos que ou debe figurar no convenio ou débese establecer polos estaleiros, que teñen o dominio e o control da contratación. Sérvennos ambas propostas. É dicir, que as contratacións se fagan ou a través das bolsas de contratación do naval ou do INEM e que se cre unha comisión en cada estaleiro.

-Moitas persoas non entenden un conflito tan duro por un convenio e unha suba salarial…

-Hai que pensar que reclamamos un incremento que é perfectamente asumíbel e non pon en risco a estabilidade de ningunha empresa e, ademais, alimentar este conflito e prolongalo é responsabilidade dos empresarios porque eles xa manifestaron que levan asumido perdas millonarias e esas perdas cubrirían o incremento de moitos anos e esa insensatez, ese desprezo polo acordo, só se lle pode atribuír a eles.

–Que razón ve?

–Máis que o propio custo do incremento o que intentan é establecer unha disciplina de negociación colectiva que mate a resposta sindical do metal de Pontevedra. É unha loita política contra o modelo sindical que prevalece no sector do metal de Pontevedra.