A web nacional do BNG entrevista o noso compañeiro Rafa Vilar en relación á mobilización nacional que o día 30 de xaneiro terá lugar en Compostela, en defensa dos servizos públicos galegos. A seguir, reproducimos integramente a entrevista:

O secretario de Acción social do BNG, Rafael Vilar (Cee, 1968), fai un chamamento á mobilización prevista para o sábado 30 de xaneiro en Santiago de Compostela en defensa dos servizos sociais públicos que o PP tenta reducir e privatizar. “A privatización de servizos públicos, como neste caso os servizos sociais, redunda na súa perda de calidade, así como na diminución tamén de empregos de calidade, ademais de que busca un lucro privado pola súa prestación”, explicou nunha entrevista con esta Web.

-Cal é o obxectivo da Plataforma en defensa do sistema público galego de servizos sociais, na que está integrado o BNG?

O obxectivo básico é enfrontar, tamén desde a mobilización social, o desmantelamento que o actual Goberno do PP está a facer do sistema público galego de servizos sociais, sistema público nacional de servizos sociais posto en marcha, dito sexa de paso, polo nacionalismo no noso País. En todo caso, este desmantelamento do sistema vai na liña neoliberal de ataque sistemático aos servizos públicos que a Xunta de Núñez Feijóo vén levando a cabo. Así as cousas, estamos a falar dun auténtico Goberno de demolición, carente dun programa real e das alternativas acaídas á nosa realidade económica e social.

-Convocouse unha mobilización para este sábado. Cales son as reivindicacións?

A manifestación do sábado 30, que veu precedida xa doutras mobilizacións, entre elas unha folga, vén motivada pola situación derivada deste desmantelamento do sistema público galego de servizos sociais, concretamente no referido ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e os despedimentos habidos nas oficinas de I+B. Estas protestas, que non só teñen carácter laboral senón que tamén inciden na denuncia do desmantelamento do devandito sistema público, están a ser convocadas polos propios traballadores e traballadores e contan co respaldo sindical da CIG, e así mesmo do propio BNG como organización política que defende a existencia dun sistema público nacional de servizos sociais.

-Que medidas contempla o decálogo de medidas urxentes?

O decálogo parte da necesidade de que se desenvolva a Lei de servizos sociais de Galiza, en vigor desde marzo de 2009. Así, demándase a posta en marcha da Axencia Galega de Servizos Sociais ou a constitución de organismos de participación previstos na Lei, como o Consello Galego de Benestar Social. Tamén se incide na necesidade de que tanto os orzamentos da Xunta como os dos entes locais inclúan partidas para o financiamento do sistema galego de servizos sociais. Por outra parte, no decálogo recóllense medidas concretas como a implantación da Tarxeta Social Galega ou a confección do Mapa galego de servizos sociais. E así mesmo reclámase, por exemplo, a consolidación da rede de Oficinas de I+B do Consorcio ou a da xestión pública dos centros de atención xerontolóxica.

-Por que o Goberno galego mantén pechados novos centros de día xa rematados cando existen listaxes de agarda?

É obvio que os plans de Núñez Feijóo e o seu goberno están encamiñados á privatización dos devanditos centros do día, co grave prexuízo que isto está a ter xa neste momento e que terá logo tanto para os usuarios e usuarias afectados e para o conxunto dos galegos e galegas.

-Contradise a política de aforro e de austeridade anunciada por Feijóo coa privatización dos servizos sociais de calidade?

Nisto hai que partir de que a anunciada política de aforro e austeridade pregoada no seu día polo Goberno do PP non é máis que unha falacia que non se corresponde coa realidade; unha ollada aos orzamentos para o ano 2010 son fiel reflexo do que comento. Dito isto, a privatización de servizos públicos, como neste caso os servizos sociais, redunda na súa perda de calidade, así como na diminución tamén de empregos de calidade, ademais de que busca un lucro privado pola súa prestación. Polo tanto, a austeridade e o aforro, ulos?

-O persoal das oficinas de I+B poderase integrar no sistema que propón o Goberno da Xunta?

Parece que é obvio que non, que nese sistema non. En todo caso, non hai que desbotar que tanto a presión que poidan facer os traballadores e traballadoras, xunto coa representación sindical da CIG, como a presión social que se poida facer desde os usuarios e concellos afectados, como a presión política que nós poidamos facer, acaben por facer recuar na súa decisión ao Goberno de Núñez Feijóo. Nese sentido, temos claro que a presión mobilizadora vai seguir e, pola nosa banda, ademais de apoiar iso, tamén desenvolveremos as iniciativas políticas e institucionais que revertan a situación actual, en beneficio tanto dos traballadores e traballadoras como da sociedade galega en xeral.

-Que outras accións teñen previsto desenvolver dende a Plataforma?

A Plataforma está a comezar aínda a súa andaina. Acaba de dar a coñecer un manifesto e tamén un decálogo onde se expoñen as reivindicacións fundamentais, que están na liña do despregamento da Lei galega de Servizos Sociais, texto lexislativo que xa no seu día non contara co aval parlamentario do PP. Nese sentido, a Plataforma vai tentar recadar o máximo de apoios posíbeis ás súas demandas, entre as diferentes entidades, institucións, organizacións e cidadáns en xeral. Así mesmo, a curto prazo, a Plataforma decidiu apoiar activamente a manifestación do día 30 de xaneiro promovida polos traballadores e traballadoras do Consorcio xuntamente coa CIG.