A detención esta mesma semana de destacados militantes da esquerda abertzale (entre eles, a cara pública máis coñecida de Batasuna, Arnaldo Otegi, e mais o ex secretario xeral da central sindical abertzale LAB) pon de manifesto, máis unha vez, que a solución dialogada ao conflito vasco segue a estar lonxe do horizonte, polo menos para os máximos responsábeis políticos do Estado.

A operación policial en Euskal Herria, que se saldou cunha decena de detidos, foi dirixida desde a Audiencia Nacional polo xuíz Baltasar Garzón, aínda que todo parece indicar que esta se desenvolveu baixo os auspicios Ministro español de Interior, o ínclito Pérez Rubalcaba, quen vén declarando que as vías xudicial e policial son as únicas que o Estado manexa para abordar a situación política de Euskal Herria. Unha situación que, dito sexa de paso, non está só condicionada pola existencia dunha organización armada, senón tamén, e fundamentalmente, pola persistencia dun conflito político entre un pobo, o pobo vasco, que quere exercer os seus dereitos colectivos como tal, e un Estado, o español, que nega estes dereitos.

Polo tanto, afondar na senda represiva por parte do Estado (como apuntan as detencións habidas esta semana) vai significar afastar o diálogo e negociación política do primeiro plano e, xa que logo, vai implicar o seu enquistamento como conflito de longa duración, toda vez que a derrota política de calquera dos contendentes, por moito que o discurso do PP teime niso, é máis que improbábel.

Ademais, o Estado nas súas actuacións para combater a esquerda abertzale está a tomar toda unha serie de atallos (peches de xornais, ilegalizacións, guerra suxa, Lei de Partidos…) que o sitúan máis próximo de democracias de baixa intensidade ou inexistentes, como a turca, que dunha democracia que cando menos formalmente garde un comportamento acaído ao que o seu propio nome indica e na que prevalecese o Estado de Dereito como tal.

E nesa serie de atallos, antidemocráticos e delirantes, cómpre situar as últimas detencións contra membros da esquerda abertzale, violentando mesmo o seu dereito de reunión como cidadáns.E tampouco non parece casual que varias das detencións se fixesen en instalacións de LAB, unha estrutura sindical, perfectamente legal e de orientación abertzale.

De feito, e como reacción ante as detencións e o atropelo realizado nas dependencias de LAB, a maioría sindical vasca (que lideran as centrais sindicais LAB e ELA) convocou unha manifestación para o sábado 17 de outubro, que vai ser apoiada por diferentes axentes políticos e sociais vascos, entre eles o propio PNV, como denuncia do acontecido.

Ligazóns:

Comunicado da CIG sobre as detencións