gilito-pequeno

Dicía con retranca Anatole France que “Nun compromiso de igualdade, a lei prohibe, tanto aos ricos como aos pobres, durmir debaixo das pontes, mendigar na rúa e roubar pan”. Esta curiosa forma de igualitarismo parece inspirar a reforma fiscal que promove o Goberno español de Rodríguez Zapatero, que terá como medida estelar o incremento do imposto (indirecto) sobre o valor engadido (IVE): gañe vostede o que gañar, ao comprar unha camisa pagará 2% máis de IVE en xuño de 2010.

Máis alén do torpe debate sobre se os impostos soben ou baixan, facéndolle crer á xente que o fan de xeito igual para todos, o preocupante é a argumentación do Goberno para xustificar a reforma, que se centra na necesidade de “reducir o défice público” (sic) nestes tempos de crise económica, esquecendo que a función primordial dun sistema tributario avanzado non é tanto dotar de recursos o Estado, como redistribuír a riqueza. E, neste sentido, o modelo fiscal español é un paradigma de inxustiza.

Os inspectores de Facenda denuncian que 86% dos que teñen rendas superiores a 10 millóns de euros e 45% dos que teñen ingresos entre 1 e 10 millóns eluden as súas obrigas fiscais, afirmando igualmente que non existe vontade política de combater un dos índices de fraude fiscal máis elevados de Europa. No entanto, a presión fiscal global non baixa, senón que se fai recaer con maior intensidade sobre os ombros da maioría da poboación, que vive das rendas do seu traballo. E nunca antes a polarización de rendas entre traballo e capital atinxira a actual magnitude.

Asi, ao cuberto de calquera reforma fican as sociedades de investimento de capital variábel (SICAV), entidades que se constitúen cun número de cen capitalistas (coñecidos na xiria financeira como “mariachis”, ao seren normalmente testaferros do capitalista principal) e que son couto reservado aos mega-ricos: por patrimonio, as maiores SICAV son Morinvest, de Alicia Koplowitz (408 M €); Allocation, da familia Del Pino (361 M €) e Keblar de Inversiones, de Amancio Ortega (307 M €). Estas sociedades, que tributan ao ridículo tipo do 1%, sumaban en 2008 un patrimonio de 27.143 M € repartidos entre 3.290 firmas.

O debate fiscal, en realidade, debería presentarse en termos ben diferentes. Estamos en condicións de seguir permitindo que os ricos estean prácticamente exentos de tributaren á Facenda Pública? Ou, polo contrario, necesitamos inverter o sentido das últimas reformas para conseguir unha verdadeira progresividade que contribúa á redistribución da riqueza? Nós témolo claro. Os ricos e os que lles fan o caldo gordo, parece que tamén.