Poucas veces unha resposta fora tan masiva, contundente e clara. A clase traballadora galega rexeitou a nova reforma laboral non só por medio dun seguemento moi elevado na folga senón cunha altísima participación nas mobilizacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega. A xornada de mobilización expresou ás claras o fartazgo de todo o pobo traballador coa xestión neoliberal e antisocial da crise, a favor da patronal e en detrimento dos nosos dereitos e condicións de vida, exercida tanto por PP como por PSOE, como principais axentes da orde social capitalista.

A intensa xornada comezara moito antes das doce da noite do 28, nas semanas previas, por medio dos preparativos e da convocatoria da folga, con milleiros de asembleas e actos informativos nos locais de traballo, e coa celebración de diversas mobilizacións ao longo do país. E continou nas primeiras horas do 29 coa paralización inmediata da actividade industrial e do transporte público, e coa organización duns numerosísimos piquetes que percorreron as principais rúas de cidades e vilas galegas.

Unha folga é sempre unha interrupción da vida cotiá. Así, tras unha noite moi diferente á habitual, a alborada ofrecía imaxes de polígonos desertos e sen traballadores. As meirandes empresas do país substituían a rotina habitual pola inactividade, desde Citroën en Vigo ata Repsol na Coruña, Navantia en Ferrol ou a Papeleira de Brandía en Santiago, entre moitas outras. Onde os barcos baleiraban habitualmente os seus estómagos, cargados de peixes e mercadorías, apenas se escoitaba o murmurio da mar. Ao contrario que no día anterior, ou no día seguinte, as rúas non formigueaban co bulir incesante dos tráficos ou das persoas.

Mais esta suspensión da actividade laboral non representou pasividade, senón outro tipo de movementos, os propios da loita popular. A partir das 12 comezaron a organizarse as xigantescas manifestacións, nas que chegaron a participar unhas 200.000 persoas, cun ambiente combativo e enérxico. Ao contrario que no caso do sindicalismo pactista e sucursalista, a CIG reclamou a retirada total da reforma laboral recentemente aprobada, e non só o seu edulcoramento e negociación.

O éxito da mobilización demostrou a capacidade mobilizadora da CIG, que xa tivera a iniciativa de convocar a folga, e reafirma a necesidade de reforzar a autoorganización da clase traballadora galega. Malia que a reforma non foi aínda retirada, este tipo de mobilizacións representan pasos moi importantes nun longo proceso de acumulación de forzas que ten como aspiración rematar coa insolente e insaciábel hexemonía do capital, cuxas consecuencias están ben á vista. Do MGS manifestámonos orgullosos de ter achegado as nosas enerxías a esta vasta xornada de mobilización popular, nomeadamente a través do traballo diario no sindicato e da nosa implicación activa na mesma xornada de folga. Ademais, como organización tamén editamos unha campaña específica na que enfatizábamos a íntima vinculación entre esta xornada de loita e o avanzo cara os nosos obxetivos estratéxicos fundamentais, e participamos con presenza propia na maioría das mobilizacións.

A seguir podes ver unha galería de imaxes das imponentes mobilizacións, así como da nosa presenza nelas e da nosa campaña previa xunto á organización xuvenil Isca!:

 

>Crónica do BNG