Das moitas definicións que se teñen proposto do marxismo, o Ché Guevara e Mao propoñían dúas aparentemente contrapostas: mentres para o arxentino se trataba, en último termo, “dunha cuestión de amor” pola humanidade devorada polo capitalismo, o chinés afirmaba que o marxismo consistía fundamentalmente “nun martelo para aniquilar o inimigo”.

Ambas definicións son extensibles a unha folga xeral: trátase dunha afirmación de solidariedade de toda a clase traballadora, sometida a situacións diferentes, pero atacada na súa globalidade por unha persistente perda de dereitos, e tamén dunha poderosa ferramenta de loita, que tradicionalmente era entendida desde unha perspectiva practicamente insurrecional. George Sorel -que era, no entanto, máis un voluntarista que un marxista- aseguraba que a folga xeral contiña en si mesma todo o que a teoría socialista agardaba do proletariado revolucionario.

Unha nova reforma laboral demostra ben ás claras a insaciabilidade e o cinismo do capitalismo e dos seus sucesivos consellos de administración, os gobernos do PSOE e do PP.  A proposta do goberno español non deixa dúbidas sobre quen paga coa crise, quen é culpabilizado polo devalo da economía mentres os seus responsábeis son mesmo premiados -recentemente, o Banco de Pagos Internacionais aseguraba que a Banca española, a que tan ironicamente rescatamos coa riqueza creada por traballadoras e traballadores, era a máis rendíbel do mundo. Por máis que a crise nacera nos ámbito financieiro, e non no laboral, a resposta, deseñada pola man non tan invisíbel dos “mercados”, planificada polo FMI e BCE e executada polo goberno español, é a mesma de sempre: socavar dereitos. Tal e como ten afirmado o ministro de Traballo, a súa finalidade nin sequera é xerar emprego, senón aumentar as marxes de beneficio dos poderosos. Aínda peior, é doado supoñer que a reforma laboral e o abaratemento do despedimento non serán as últimas medidas, cando xa escoitamos falar da “insostibilidade das pensións”, da idade de xubilización, ou xa padecemos novos proxectos de privatizacións en marcha.

En contra do discurso dominante, que aspira a vencer por medio dun monólogo e da tautoloxía, non é hora de arrimar o ombreiro para axudar aos poderosos: é hora de enfrontarnos aos seus planos coa máxima unidade e contundencia. De feito, nada ten de estraña a convocatoria dunha folga xeral nun contexto como este -dicíamos hai un ano, antes da reforma laboral, que xa apremiaba- senón que máis ben hai que preguntarse por que razóns chega en setembro, en contraste por exemplo coa folga xeral basca. Tristemente, hai tempo que os sindicatos españois ficaron presos doutros intereses e inmersos nunha liña pactista que os convirte en corresponsábeis das contrarreformas laborais e recurtes de dereitos das últimas décadas, fomentando a confusión, a desmobilización ou a pasividade.

Aínda a pesar deste sindicalismo claudicante, a resposta non pode agardar máis nin pode estar marcada polo desánimo. Precisamos dunha mobilización axeitada ao desafío, á medida do tamaño desta agresión aos nosos dereitos e intereses como clase. Neste sentido, temos que afirmar que no caso galego existe unha alternativa sostida de enfrontamento contra o sistema, representada na CIG -que vén reclamando a folga xeral cun calendario de mobilizacións propio- e a súa proposta explícita de superación do capitalismo. En realidade, a nosa resposta, aínda que oposta á dos mercados, tamén é a tradicional (e non por iso menos certa): o que non funciona é o seus sistema, é o capitalismo o que é irreformábel, e as súas crises só confirman a súa inviabilidade para construír un futuro promisorio; ao cabo, tampouco o pretende, senón aumentar os beneficios a custa do que sexa.

Lenin lembraba que o movemento socialista chamaba ás folgas “escolas de guerra”, mais unha escola non é aínda a guerra. En contra do que opinaba Sorel, non contén todo o que o marxismo agarda do proletariado, pero si é un medio de loita crucial que debemos complementar con outros, comprometéndonos coa defensa do emprego, os dereitos laborais e as prestacións sociais, mais tamén na politización da clase traballadora, na construcción dun novo modelo socieconómico, no camiño da soberanía e o socialismo: reforzando a solidariedade de clase, derrubando as novas medidas gubernamentais e erguendo alternativas máis sólidas contra o capital. Con corazóns, pero tamén con martelos.

Publicado no nº5 da folla informativa do MGS, “Máis Alá!”