Tras máis de catro anos de supostos debates e deliberacións, o Tribunal Constitucional español (órgano dunha lexitimidade máis que cuestionábel) emitiu este mes de xullo sentenza sobre o novo Estatut catalán, en realidade sobre o texto saído do Parlamento español e posteriormente ratificado en referendo polo pobo de Catalunya, xa que o Estatut que inicialmente aprobara cunha amplísima maioría o Parlament catalán xa fora convenientemente retallado (“cepillado” en palabras do ínclito ex dirixente do PSOE Alfonso Guerra) nas Cortes Xerais españolas. Iso, malia que Rodríguez Zapatero se comprometara publicamente a respectar a vontade íntegra do Parlament catalán.

Desta volta, o órgano xurisdicional español, o TC, impón un novo recorte do texto, a través dunha sentenza máis política que xurídica que elimina unha serie de artigos do Estatut, ao tempo que reinterpreta outros de xeito restritivo e limitante, reducindo o texto estatutario catalán á mínima expresión. E tanto e así que mesmo os sectores máis posibilistas do nacionalismo catalán ou diso que se dá en chamar o catalanismo, recibiron a decisión do TC como un auténtico desafío do Estado a Catalunya e xa mesmo falan da fin dun ciclo, o do “Estado das Autonomías”, que nacera tras o pacto constitucional ao que se sumaran os representantes políticos da burguesía catalá e vasca nos primeiros tempos do postfranquismo.

Como era previsíbel, a resposta á sentenza do TC non se fixo agardar e o pasado día 10 de xullo unha impresionante marea humana de máis dun millón de persoas colapsou as rúas de Barcelona en repudio da decisión do Alto Tribunal español, e aínda que participaron representantes dun amplo abano das forzas políticas parlamentarias actuantes en Catalunya con posicións diferentes (desde o PSC até ERC, e coa lóxica excepción dos minoritarios PP e Ciutdadans), a manifestación en si acabou por se converter nunha expresión consciente do soberanismo catalán. De feito, o “dret a decidir” e por suposto a “independència” foron os dous eixos das mensaxes de boa parte dos manifestantes.

Fracaso en Euscadi da vía estatutista

Con anterioridade aos cataláns, o nacionalismo vasco máis pactista -encabezado polo PNV- pretendera avanzar en maiores cotas de soberanía, promovendo desde o Eusko Jaurlaritza (Goberno vasco) e posteriormente desde o Eusko Legebiltzarra (Parlamento vasco) un novo Estatuto para Euscadi (isto é, tres das catro provincias que compoñen o que o abertzalismo denomina como Hego Euskal Herria). Esta proposta -denominada formalmente Estatuto Político da Comunidade de Euscadi e mal coñecida como “Plan Ibarretxe”- tivo un escaso percorrido, xa que, tras a súa aprobación pola Cámara vasca, o Parlamento español nin sequera tivo a ben admitir a súa toma en consideración. Máis unha vez, PSOE e PP ían da man nunha “cuestión de Estado”, sen contradición aparente e sendo valedores dunha visión unívoca e recentralizadora do Estado español.
O aparentemente paradoxal do caso é que naquela altura, cando se lle pechaban as portas ao nacionalismo vasco para unha reforma do seu Estatuto, desde os partidos estatalistas se argumentara que a vía para a devandita reforma era outra, ao tempo que se criticaba a suposta “unilateralidade” do nacionalismo vasco nesta cuestión. Esoutra vía, que semellaba cumprir sen desvíos o que se ditaba desde o Estado para as reformas estatutarias (e así pasou, por exemplo, con territorios como Andalucía), foi a que deran en emprender as forzas políticas do catalanismo e do soberanismo catalán coa proposta dun novo Estatut. Agora, o que se comproba é que aquilo resultaran desculpas de mal pagador, xa que non existe vontade ningunha nas forzas políticas estatais para que as nacións do Estado consigan novas cotas de soberanía ou sequera afonden no autogoberno, nin cando exista unha maioría social clara que o demande nas diferentes nacións.

Así, a actual conxuntura no Estado español está caracterizada por unha vaga recentralizadora que non só se expresa na imposibilidade de reformar os Estatutos vasco e catalán, senón tamén nunha batería de desenvolvementos lexislativos que minan competencialmente as posibilidades dos Parlamentos das diferentes nacións, e isto, ademais, nun clima social promovido de pouco menos que de cruzada españolista que tiña o seu punto culminante con motivo do pasado Mundial de Futbol de Sudáfrica e co papel desempeñado polo “combinado español”.

Reapertura en Galiza do debate estatutario

Nesa conxuntura estatal, e nun escenario xeral de crise económica que está a implicar un afondamento nas políticas de corte neoliberal, en Galiza comeza a reabrirse o debate sobre a modificación do actual marco estatutario, debate que no seu día quedara finiquitado ante a negativa do Partido Popular de Núñez Feijoo (daquela na oposición parlamentaria) de avanzar no vieiro dun novo Estatuto para Galiza. Un novo Estatuto que o BNG quixo sempre “de Nación”, co fin de tentar transcender cualitativamente no rango institucional e simbólico do noso país, se ben centrou a súa mensaxe máis na terminoloxía que no contido soberanista da proposta concreta. Os esforzos por chegar a un acordo fracasaron pola actitude das forzas estatais, tanto o PP (que se opuña radicalmente a calquera recoñecemento do carácter nacional de Galiza, aínda que este recoñemento fose xuridicamente irrelevante) como o PSOE (que procuraba ampararse en subterfuxios do tipo “nazón de Breogán” para eludir o debate real sobre a consideración final de Galiza).

Así as cousas, moi posibelmente á volta do verán, a cuestión estatutaria vaise facer presente na vida política galega, malia que o PP, aínda anunciando no seu día que nesta lexislatura se abordaría o debate, non semella ter a máis mínima disposición a inicialo. Sexa como for, o nacionalismo político si vai ter que fixar unha posición clara ao respecto, partindo sempre da actual correlación de forzas que se dá en Galiza e da avaliación dun escenario substancialmente diferente ao que se daba no ano 2006, en que se abordou con certa profundidade a cuestión da reforma estatutaria no noso país.

Nesa posición a fixar polo nacionalismo político debería quedar clara a irrenunciabilidade da soberanía de Galiza como obxectivo estratético a conseguir e, xa que logo, cada paso táctico adoptado debería ser dado sempre en función do devandito obxectivo estratéxico, evitando reducir o seu discurso a debates nominalistas que desvirtúen o contido soberanista da proposta. Porque sendo certo que, hoxe por hoxe, non hai en Galiza unha maioría social nacionalista, que se comprometa nun statu quo diferente que pasaría inequivocamente pola autodeterminación nacional, tamén o é que precisamente a función do nacionalismo é traballar por garantir esa maioría social. E facelo desde o compromiso coas clases populares e cos sectores sociais máis desfavorecidos, na medida en que termos máis capacidade para decidir sobre as políticas que se desenvolven no país é necesario para a mellora das súas condicións de vida e garantía para os seus dereitos.