A Asemblea Nacional que queremos.

O MGS defendeu, durante todo o que vai de proceso asemblear, que a XIII Asemblea Nacional do BNG debía estar centrada no debate das ideas e das propostas necesarias para aprofundar nunha liña soberanista e de esquerda para a organización. Unha asemblea participativa e polo tanto aberta a toda a militancia do BNG -o que se debe garantir para futuras ocasións mediante unha reforma estatutaria, e non co subterfuxio da fórmula dun delegado por militante-. É importante tamén termos claro que a recuperación dos sinais de identidade e da credibilidade social do BNG vai ser un proceso longo e, polo tanto, nada comeza nin remata nesta asemblea.

Nesta liña, fixemos as nosas achegas ao longo de todo o proceso, con respeito escrupuloso de prazos e formas, e tentando facer chegar a nosa visión ao conxunto da militancia do BNG en todo o país. Así, realizamos máis de vinte actos en todas as comarcas. Neles explicamos os documentos elaborados polo MGS e o noso proceder até ao momento: as achegas na Executiva, no Consello Nacional e na comisión de correntes para elaborar un texto base; a redacción dun voto particular cando non foi posíbel un texto base conxunto; e finalmente a elaboración de emendas presentadas nas asembleas comarcais para eliminar as ambigüidades e silencios calculados do documento base redixido pola ApU.

Os debates, onde hai que dalos.

Mais non só importa o que se fai, senón tamén as formas. Actuamos sempre polas canles internas da organización, ou facendo pública a nosa posición nos medios propios da organización e de modo respeitoso, sen recorrer a medios como La Voz de Galicia nin facer o xogo a aqueles que só pretenden enfraquecer o BNG ou condicionar a súa liña política.

Ter opinións propias, non coincidentes coas dos outros sectores ou militantes da fronte, é un dereito de calquera militante ou forza organizada. Nós mesmos temos moitos e diversos posicionamentos, sobre os máis diversos aspectos da liña política, organización interna e forma de intervención social do BNG, como evidencian o noso voto particular e as nosas emendas. Mais inserir estas opinións -centradas, por outra parte, no reparto de postos orgánicos- nunha campaña antinacionalista máis vasta contra o BNG non é de admitir. De feito, a externalización deses debates non está a servir nin sequera para transmitir á militancia información veraz do pluralismo interno e das lexítimas posicións de cada sector. Porén, o peor defecto desta práctica non é só a súa inutilidade real para a militancia, senón a súa utilización para debilitar o conxunto e acrecentar a sensación de inestabilidade. Lonxe de representar un exercicio de transparencia, estas comparecencias reiteradas integran unha dinámica máis propia da chantaxe que do diálogo. Así pois, frente aos continuos rumores, saídas á imprensa, manifestos de alcaldes e demais declaracións públicas de dirixentes de +G, Encontro Irmandiño e ApU, o MGS aposta por debater abertamente nos organismos do BNG.

Somos conscientes de que a nosa renuncia voluntaria ás aparicións públicas continuas pode contribuir á invisibilización do MGS que avesamente promoven outras correntes. E aínda así rexeitamos este uso espúreo dos medios de comunicación, que só fai dano ao BNG e en nada axuda a crear un ambiente de colaboración, confianza mutua e fraternidade.

Unha candidatura de esquerda soberanista.

En coherencia coas nosas posicións, e tal como recollemos no noso posicionamento perante a XIII Asemblea, presentaremos unha candidatura ao Consello Nacional, baseada na defensa do espazo político que representamos. Pretendemos que sexa a candidatura de toda a militancia que defenda estes principios, e non só de membros da nosa organización, polo que nela participarán, na medida do seu desexo, militantes do BNG que apostan por este rumo para o conxunto da frente. Non tería sentido a existencia dunha candidatura conxunta con ApU, con base nun documento no que pode haber coincidencias, dado que a UPG é tamén corresponsábel de termos chegado a esta situación, e a súa actuación nos organismos locais e comarcais do BNG e en Galiza Nova, ben como a súa práctica institucional, non se corresponde co que, neste momento, defende no documento oficial. Tampouco procede buscarmos unha alianza con outros sectores do BNG, que agora pregoan “o pluralismo” en triste contraste coa súa práctica recente, da cal é boa mostra o regulamento das eleccións municipais, que representou, polo seu sectarismo, a maior fonte de conflitos internos nas diferentes localidades dos últimos tempos. Por tanto, presentarmos a nosa propia candidatura é a única opción viábel e honesta de actuación nesta XIII Asemblea Nacional.

Ideas, e non só postos.

Estamos nun punto do camiño en que o debate de ideas está a ser absolutamente preterido e substituido por unha simples desputa sobre os postos de dirección a ocupar polas correntes. Especialmente grave parécenos a actitude de +G e o Encontro Irmandiño: os primeiros pretenden converter definitivamente o BNG nun partido do sistema, autonomista e mornamente socialdemocrata; os segundos, envolvidos nunha retórica demagóxica sobre a necesidade de “refundar/rexenerar” o BNG -como panacea contra todos os males- sen ningunha proposta concreta, dan unha viraxe discursiva de 180 graos desde o seu suposto altermundismo e esquerdismo para negociar -mesmo con conferencias de imprensa a modo de chantaxe pública- co sector mais á dereita do BNG. Isto é o que pode acontecer cando unha formación política decide cubrirse cunha nebulosa indefinición do seu posicionamento ideolóxico: que pode rematar por converxer non só con quen foi corresponsábel da deriva autonomista, do autismo respecto aos movimentos sociais e do discurso de “nin esquerda nin direita”, senón con quen agora pula abertamente polo galeguismo frente ao nacionalismo, con quen é favorábel ao avanzo no proceso de integración capitalista da Unión Europea, quen propón abandonarmos as “propostas irrealizábeis”.

A militancia do BNG asiste, entre o escepticismo e a fadiga, a un inacabábel tira-puxa nos medios de comunicación, baixo a escusa dun BNG plural, mais que nin sequera parece precisar de construír un texto común, centrándose no reparto de postos nas listas ou nos cabezas destas. Particularmente rechamante é o papel que se reserva para a militancia independente, a maioría da fronte, e a máis danificada por estas controversias vacuas, cupulares e mediáticas.  Homes e mulleres do BNG apenas poden ser observadores ante tan triste espectáculo, amplamente retransmitido, que practicamente renuncia á presentación de emendas ao documento base e pretende a substitución íntegra dun texto por outros de parte que a militancia non pode emendar e que, polo tanto, non reflicten unha visión de conxunto: esa é a visión “integradora” e “plural” que oferecen estas dúas correntes.

Dúas correntes que, sabedoras de que somos fieis aos principios que declaramos, pretenden invisibilizarnos, xa que o contraste coas súas posicións sería clarificador, ou mesmo descualificarnos con insultos públicos. Unha imaxe falsa que desaparece con só contrastar os feitos reais.

O papel do MGS.

A nosa actuación durante estes dous anos, tanto na Executiva Nacional do BNG como no resto de organismos, foi a de apoiarmos de forma coherente as liñas políticas que defendemos, e non condicionar as nosas posicións ao que facían outras organizacións, presas das súas particulares limitacións, contradicións e estratexias. Damos exemplos: ao debaterse a postura do BNG frente ás convocatorias de folgas xerais, a postura do MGS foi que o BNG debía apoialas con firmeza, algo que +G pretendia rebaixar (sobretodo a segunda, convocada en solitario pola CIG): finalmente na Executiva resultou aprobado ese posicionamento cos votos do MGS e mais a ApU. Coincidirmos ou non con outra corrente nunca é un criterio decisivo e non temos medo a ficar sós defendendo as posturas que cremos xustas: durante a aprobación do regulamento para as eleccións municipais, o MGS advertiu que era un método antidemocrático e que implicaba un risco de fractura no BNG, e coherentemente non apoiamos ese regulamento, aprobado en conxunto pola ApU e +G.

Desde o seu nacemento, nas asembleas anteriores de 2006 e 2009 e na actual, o MGS sempre defendeu o mesmo: a necesidade de consolidar unha liña política de esquerda soberanista e a de recuperar a acción social do BNG e a relación en pé de igualdade cos movementos sociais con base na auto-organización. Hai unhas correntes que vogan en sentido contrario e outras que din que agora mudaron. Pola nosa parte, comprometémonos a seguirmos sendo totalmente previsíbeis: os nosos principios non mudan co vento, nin cunha mudanza de goberno, nin antes, nin durante, nin despois dunha Asemblea Nacional. Tampouco se someten a negociación por postos de dirección, nin buscan chegar ás capas dos xornais que queren destruirnos.