O pasado sábado 30 de xaneiro celebrouse en Teo o Encontro Nacional do MGS, que perfilou o traballo da nosa organización na fronte política, no traballo sindical e nos movementos sociais, e impulsou diversas medidas de reforzamento organizativo.

A nosa organización, que aposta por construir un referente marxista e independentista no seo do BNG, constituirase como estrutura partidaria neste mesmo ano, no marco da súa I Asemblea Nacional. O MGS, que leva xa tempo a traballar para aglutinar militantes nacionalistas nun espazo político de clase, independentista e revolucionario, adoptou esta resolución no marco deste Encontro, que se celebrou sob o significativo lema “Da teoría para a práctica”.

A militancia do Movemento expresa nas conclusións desta xuntanza, aprobadas de modo unánime, que recoñece ao BNG como organización frontista na que desenvolver o seu traballo político. Non obstante, esta organización non pode conformarse coa situación actual da fronte, senón que quere impulsar un xiro que garanta o seu carácter asembleario, a súa apertura a sectores e persoas do soberanismo de esquerdas e unha liña política incardinada nun nacionalismo emancipador, desde postulados de esquerda transformadora. O MGS tamén defenderá unha interlocución sincera e en pé de igualdade entre o BNG e organizacións e movementos sociais, en particular co sindicalismo nacionalista representado pola CIG, “proxecto nacional e de clase que representa a alternativa do nacionalismo galego ao reformismo sindical”.

Ademais, o MGS afirma a súa aposta por unha “organización de activistas” que asuman un compromiso consecuente, cunha actividade diaria en coherencia cos valores transformadores. Neste sentido, o Encontro valorou como unha “conquista vital” a preservar ambiente de confianza, lealdade e camaradería alcanzado desde a fundación da organización.

Deste xeito, a corrente dedicará os próximos meses a consolidar as asembleas de zona, célula básica de participación, e impulsar novas estruturas ao longo do país. De cara á consecución dos obxetivos, a militancia que participou no Encontro Nacional acordou garantir a coordenación entre os niveis zonal e nacional, prestar especial atención á formación interna, constituir unha comisión específica para coordinar a actuación dentro da fronte patriótica e reforzar o fluxo de información coa organización xuvenil Isca!, entre outras medidas organizativas.

Por último, coa celebración do Encontro déronse por rematadas as tarefas da Xestora Nacional que regularizou o funcionamento da organización durante case un ano. A xuntanza avalou a formación dunha nova Coordinadora Nacional, integrada polos militantes previamente propostos polas zonas, que coordenará o MGS até a celebración da I Asemblea Nacional. A este organismo incorporaranse proximamente os representantes da comisión sindical e de Isca.

O Encontro pechouse cun acto de clausura no que tomaron a palabra Xosé Emilio Vicente (en nome da organización xuvenil Isca) e Antolín Alcántara, e que rematou co canto do Himno Galego e a Internacional.