Como se viña anunciando, o Goberno do Estado (no seu Consello de Ministros do 5 de febreiro de 2010) tomou a decisión de recorrer a nova Lei galega de Caixas (en rigor, a modificación da anterior Lei de Caixas), impulsada polo nacionalismo galego no Parlamento galego e aprobada, cos votos a favor de BNG e PP, en decembro de ano que acaba de rematar.

O dito texto lexislativo contou coa oposición da franquía galega do PSOE no noso país, que, máis unha vez, fixo prevalecer a súa vea cipaia de total dependencia dos intereses de Madrid fronte ás demandas de Galiza. Un texto, o da nova Lei galega de Caixas, que procura, no medio do convulso momento en que viven as entidades financeiras, garantir en primeiro lugar que o seu centro de decisión permaneza en Galiza (iso que se veu chamando a súa galeguidade). En segundo lugar, o devandito texto avoga por que os investimentos a realizar se fagan para potenciar os nosos sectores produtivos. En terceiro lugar, quérese conseguir un maior control democrático da xestión das caixas (vía un aumento notábel da representación pública) e, xuntamente con iso, búscase a renovación de vez dos órganos directivos das devanditas entidades financeiras.

Aínda que se quere vender publicamente que a decisión de levar ao Tribunal Constitucional a Lei galega de Caixas é debida a criterios técnicos, e alégase nese sentido un informe sobre a cuestión encargado no seu día, e de xeito nada inocente, ao Consello de Estado polo Executivo de Rodríguez Zapatero, o certo é que a decisión na práctica estaba tomada e responde ao interese dun PSOE -en caída libre- por reaxustar o mapa estatal das Caixas de Aforro en función de espurios intereses partidistas. Para ese fin, contou coa complicidade do Partido Popular, co que pactou ese reaxuste no escenario financeiro e caixista, plasmado no Real Decreto-lei 9/2009, de 26 de xuño, sobre reestruturación bancaria e reforzamento dos recursos propios das entidades de crédito. Decreto-lei que estabelece a creación do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que, segundo o Goberno do Estado, ten dous grandes obxectivos: “xestionar os procesos de reestruturación de entidades de crédito e contribuír a reforzar os seus recursos propios nos procesos de integración”.

Contra o FROB

Está no propio FROB, e no pacto político entre PSOE e PP que o fixo posíbel, poñer proa en dirección á desterritorialización das caixas e a súa futura privatización, o que no caso galego pode levar a unha perda dese instrumento financeiro que é a existencia dunhas caixas propias, Caixa Galicia e Caixanova, abocadas a desaparecer como tales, perdendo o seu centro de gravidade en Galiza, ben por un proceso de fusión directa, ben por un proceso de fusión fría ou virtual, a través dun SIP (Sistema Institucional de Protección).

De aí, entre outras razóns, a frontal oposición do BNG a esta medida nas Cortes Xerais do Estado, medida que ademais invade competencias que até o de agora recaían nos territorios e, no que ten que ver coa nosa nación, adelgazan aínda máis o abano competencial da nosa escuálida autonomía política. De feito, o nacionalismo galego tamén impulsou no Parlamento do Hórreo unha iniciativa pola que se pedía que o Goberno da Xunta recorrese o FROB, precisamente pola invasión de competencias que supón para as diferentes nacións e territorios do Estado español. Esta iniciativa tamén foi aprobada pola Cámara galega, aínda que o PP parece recusar o facela efectiva, é de supor que polo contraditorio que resulta aprobala no Parlamento español e non validala no Parlamento galego.

Choque de lexitimidades

O Goberno de Núñez Feijoo, así mesmo, vén amagando nos últimos días cunha negociación (que aínda é posíbel que se produza) co Goberno central, dirixida á modificación da nova Lei galega de Caixas na liña de aceptar os recortes ao texto impostos por Madrid. Unha negociación que significa ceder aínda máis un anaco da nosa soberanía, xa de seu limitada e apreixada, impondo os ditados dos poderes do Estado, sexa do lexislativo ou do executivo, por riba do minimalista espazo galego de decisión que, mal que ben, reside na Cámara galega da compostelá rúa do Hórreo.

Polo tanto, o actual debate político e social aberto en Galiza arredor das Caixas (verbo da súa galeguidade ou non, da súa fusión ou da súa absorción por entidades foráneas ou da súa proxectada privatización futura), vai máis aló dese debate, e abre un outro debate -sempre latente- que ten que ver cos condicionamentos de a nación galega non ter soberanía propia e estarmos sometidos os galegos e galegas a un Estado no que cada vez dominan máis as forzas centrípetas e declaradamente centralistas. O pobo catalán, que espera sentenza do Tribunal Constitucional español sobre o Estatut saído do seu Parlament (e rebaixado nas Cortes Xerais do Estado), e mais o pobo vasco, sen posibilidade sequera de ver considerado no Parlamento español o texto saído da Cámara vasca, ben saben o que é o choque de lexitimidades entre as súas actuais institucións e as do poder central, e que a negociación na actual correlación de forzas semella, cando menos, quimérica.

De seguro veñen tempos non doados e que van esixir de todos nós, nacionalistas galegos, estarmos ás alturas das circunstancias, séndomos quen de devolver o golpe e de atinar na estratexia común para camiñar cara á nosa soberanía negada.

Rafa Vilar
[Galiza, 8 de febreiro de 2009]