A zona vella de Compostela converteuse onte nun escenario de vivos contrastes que nos dá a medida das contradiccións e entraves do noso país. Por un lado, monarcas directamente chegados desde o medievo, bispos e arzobispos santos e militares, palmeados por milleiros de súbditos orgullosos de tal condición, no Obradoiro e dentro da Catedral; e, polo outro, milleiros de traballadores galegos reclamando a autodeterminación na Praza da Quintana, contigua aos espazos tomados pola reacción pura.

Así, mentres o imposto xefe do Estado que nos nega -cun patrimonio opaco que de varios centos de millóns de euros no mínimo, conseguido sen dar pancada na súa vida- reclamaba unha intercesión divina para paliar a crise, máis de 20.000 manifestantes reclamaban solucións reais na mobilización convocada polo Bloque Nacionalista Galego.

pegatapatria10O contexto político no que se desenvolveu a manifestación deste ano estaba profundamente marcado pola agudización da crise do capitalismo, as medidas antisociais do goberno español, a aprobación do decreto contra o galego no ensino e a mutilación do Estatut polo Tribunal Constitucional. Neste sentido, as mensaxes centrais da organización frontista foron o rexeitamento da claudicación ante os mercados e a defensa do carácter nacional de Galiza -“sen apelidos”, como subraiou o Portavoz Nacional Guillerme Vázquez, en clara referencia á esperpéntica proposta do PSOE- e do seu consecuente dereito a se gobernar por sí mesma e a preservar os seus principais sinais de identidade.

Na mobilización, aberta por unha xigantesca bandeira da patria, escoitáronse numerosas consignas en prol da autodeterminación e a independencia, en favor da folga xeral convocada para o 29 de setembro -reto inminente para o nacionalismo galego- ou en contra da ofensiva lingüicida e das políticas “de austeridade” -en realidade neoliberais e privatizadoras- do goberno de Núñez Feijóo, que o día anterior, sen ir máis lonxe, queimara 300.000 euros en fogos pirotécnicos. Acompañaron o percorrido centos de bandeiras nacionais, comunistas, de outras nacións sen Estado ou inmersas en procesos revolucionarios e das distintas organizacións integradas no BNG, que distribuíron un ricaz leque de publicacións desde a saída na Alameda.

patria10_02

Abundaron tamén as mostras de rexeitamento á visita do máximo xerarca da Igrexa Católica á Galiza o 6 de novembro, en particular por parte da Marcha Mundial das Mulleres, oposta ao “zumo pontífice”. Tamén participaron da marcha outras organizacións, como os Comités, que defenderon a lingua e o carácter público do ensino, colectivos en contra da impunidade dos represores do fascismo e en defensa da memoria das vítimas, ou a Associaçom Galega da Língua, que repartiu unha publicación editada expresamente para esta data. Ademais, o BNG convidou de xeito oficial a 24 delegacións internacionais, como o Frente Popular pola Liberación de Palestina, o Frente Polisario, os consulados cubano e venezolano, o Partido Comunista Português e o Bloco de Esquerdas, representantes do Wall Mapu, Esquerra Republicana, Aralar ou Nafarroa Bai.

Un espazo político que medra paso a paso

patria10_04O espazo político que representan o MGS e Isca! deu abondosas mostras da súa consolidación, como demostra o medre da afiliación, nun ano no que o Movemento ten prevista a celebración da súa I Asamblea Nacional. Sob a premisa da defensa do socialismo e a acumulación de forzas cara a independencia, o lema escollido polo MGS foi “contra o españolismo obrigatorio, independencia”, mentres que Isca! advertía da presente realización de impresindíbeis e inaprazábeis obras no país, xa que “estamos construíndo a República Galega”.

Ambas organizacións editaron os seus voceiros nacionais, o terceiro número do Arredista e o cuarto do Combater -cun novo deseño, máis contidos e edición a cor- respectivamente, ademais de outra propaganda divulgativa, como a folla informativa Máis Alá ou diversos autocolantes, e ademais Isca! pendurou diversas faixas pola cidade. A actividade extendeuse durante o día anterior e durante o resto do 25 de xullo, xa que as entidades instalaron un posto de información e venda de material na Galería de Asociacións do Festigal.

patria10_01

Democracia á española

Non todo foron noticias positivas na xornada de mobilización. Nunha cidade tomada por unidades “antidisturbios” da Policía Nacional -mesmo un helicóptero vixilaba permanentemente á cidadanía- rexistráronse diversos incidentes. Un deles tivo lugar a primeira hora da mañá, cando tres militantes de Isca! penduraban faixas de na cidade (algunhas foron retiradas). Varios axentes identificaron ás mozas independentistas entre constantes provocacións e expresións desprezativas. Cando finalmente unha militante apuntou o número de placa dun axente para utilizalo en eventuais accións, recebeu ameazas por parte deste. Afortunadamente as persoas identificadas non responderon ás ofensas dos axentes, que en teoría velaban pola seguridade da cidadanía, pero na prática se dedicaron a espiala, intimidala e restrinxir o dereito á liberdade de expresión.