O próximo domingo 21 de novembro terá lugar en Compostela unha manifestación nacional en defensa da sanidade pública e contra as políticas privatizadoras do PP. A mobilización saira às 12h da Alameda, e está convocada pola plataforma “SOS sanidade pública”, que integra as diferentes plataformas locais e comarcais que nos últimos meses veñen mobilizándose polo mantemento e mellora dos servizos públicos de saúde e contra as ameazas de privatización.

A seguir podes ler o manifesto chamando á mobilización:

SOS SANIDADE PÚBLICA, NA DEFENSA E MELLORA DA SANIDADE PÚBLICA
A política sanitaria da actual Xunta de Galicia está a deteriorar e facer inviable economicamente o sistema sanitario público galego como paso previo a súa privatización.
Co argumento de que a crise económica obriga a reducir gastos e a buscar apoio no sector privado, a Consellería de Sanidade tomou dúas importantes decisións que supoñen un punto de inflexión para o futuro da sanidade pública galega:
  • Reducir o orzamento sanitario, especialmente os capítulos de investimento, que perdeu 26 millóns de euros (30% do mesmo), e do gasto corrente destinado a garantir o funcionamento, que perdeu 22 millóns.
  • Dar entrada ao capital privado no financiamento e xestión das novas infraestruturas sanitarias recorrendo a Colaboración Público-Privada (PFI ou Concesión de Obra Pública) seguindo o exemplo das Comunidades Autónomas de Valencia e Madrid, onde tamén goberna e Partido Popular.
As consecuencias destas decisións afectaron de xeito importante ao sistema:
  • Retraso na apertura do hospital de Lugo (que leva anos terminado), facéndose a equipamento con capital privado e privatizando o servizo de lavandería.
  • Privatización e retrasos na construción do Novo Hospital de Vigo e da ampliación do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Estas dúas obras, que tiñan previsto un financiamento e construción a través da Sociedade Pública de Investimento, son agora entregadas ao sector privado que asumirá o seu financiamento, construción e xestión (parcial) a través da fórmula de colaboración Público-Privada (PFI), que encarecerá entre tres e cinco veces o que nos constarán estas novas infraestruturas sanitarias. O novo Hospital de Vigo será bastante menos ambicioso en tamaño e servizos que o que estaba inicialmente previsto e, en Pontevedra, a ampliación do Hospital de Montecelo é substituída polo proxecto privatizador de Monte Carrasco.
  • Anuncio da cesión ao sector privado dos novos recursos de alta tecnoloxía dos hospitais públicos, comezando pola radioloxía e os laboratorios.
  • Abandono do Plan de Mellora de Atención Primaria que tiña previsto investir 62 millóns de euros en catro anos para resolver a masificación das consultas e súa baixa capacidade resolutiva. Construción dos novos centros de saúde con financiamento privado.
  • Abandono do Plan de Saúde Mental, do Plan de Drogodependencias e da atención sociosanitaria.
  • Eliminación da actividade dos hospitais públicos pola tarde, desviando aos pacientes a centros privados concertados o que ocasionou o incremento das listas de espera.
  • Anuncio do peche dos servizos de radioloxía de urxencia nos hospitais comarcais para concentralos nun só centro, afastando aos pacientes dos especialistas, limitando a realización de ecografías e substituíndoas por TACs, mais caros e que someten a radiación innecesaria ao paciente. Os informes radiolóxicos pretenden que os fagan os radiólogos nos seus domicilios ou nas empresas privadas.
  • Asignación da Nova Central de Chamadas (112) a unha empresa privada coa sede en León e cos seus traballadores en Sudamérica.
  • Inicio do proceso de desmantelamento das áreas sanitarias, necesarias para a planificación e a asignación equitativa dos recursos sanitarios.
  • Anulación de todos os acordos alcanzados cos sindicatos nas Mesas Sectoriais que contemplaban melloras salariais e das condicións de traballo, volvendo aos contratos lixo.
Todo isto ten como resultado unha importante perda de calidade da atención que se presta dende o sistema sanitario, e a cidadanía xa está comezando a padecelo.
Núñez Feijoo e o seu goberno saben que esta política é incompatible co mantemento da Sanidade Pública, xa que os enormes custos e o endebedamento asociados ao financiamento privado non poden ser asumidos, e menos aínda no contexto dunha crise que reduce os ingresos da facenda pública. A Xunta coñece perfectamente os sucesivos informes dos Tribunais de Contas de Valencia e Madrid que denuncian o enorme endebedamento sanitario que leva a bancarrota á estas comunidades autónomas por recorrer ao financiamento privado para os novos centros sanitarios.
A pesares desta evidencia, recorrer a colaboración público-privada (PFI) constitúe un dos alicerces craves da estratexia política de Núñez Feijoo xa que:
  • Permitiralle ocultar o endebedamento da CCAA que por ser contraído pola fórmula PFI non se contabiliza como tal nin aparece reflectido no orzamento autonómico.
  • Proporcionaralle unha importante baza electoral de cara ás próximas eleccións como é construír novos hospitais e centros de Saude cuxos sobre custes pagaran as futuras xeracións.
  • Proporcionaralle a xustificación para introducir o copago, acabar coa universalidade da oferta sanitaria pública e privatizar boa parte do sistema, dada a imposibilidade de facer fronte ao pago do enorme endebedamento contraído co sector privado.
  • Permitiralle, tamén, aparecer como líder neoliberal comprometido coa privatización sanitaria e facilitaralle o apoio político e económico dos bancos, grandes construtoras e multinacionais da sanidade, beneficiarios directos do modelo sanitario que quere implantar.
Por todo isto non é previsible que o actual presidente da Xunta de Galicia cambie de estratexia, salvo que a maioría da cidadanía, das veciñas e veciños, das traballadoras e traballadores sanitarios (e ata unha grande parte do sector empresarial galego) sexan conscientes de que esta política terá serias consecuencias para os seus intereses e necesidades sanitarias.
Para defender á Sanidade Pública deste ataque é necesario conseguir unha enorme mobilización social, que inclúa a toda a cidadanía xa que todas e todos pagaremos as consecuencias de perdela.
Toda a cidadanía a Santiago
o día 21 de Novembro ás 12 na Alameda
na defensa e mellora da Sanidade Pública
e contra a súa privatización

Podes ler tamén a análise que publicamos hai uns meses sobre as privatizacións na sanidade