A CIG presentou a campaña “Si, existen alternativas! En defensa do emprego e dos servizos públicos” que rematará neste primeira fase cunha manifestación nacional o vindeiro 23 de outubro en Compostela. Con esta campaña á central sindical pretende enfrontar a falsa idea de que a única saída á crise pasa polos recortes sociais e laborais, pondo en valor que hai outras políticas posíbeis, mais que requiren rachar co modelo capitalista neoliberal.

Con esta nova campaña a central nacionalista dá continuidade ás mobilizacións realizadas no verán en defensa do emprego e contra os recortes nos servizos públicos; recortes que teñen incidencia importante na calidade dos servizos, mais tamén no emprego, pois a través destes retallos estase a destruír unha cantidade importante de postos de traballo.

Aínda que a campaña nace coa idea de ter continuidade no tempo, a primeira etapa rematará o vindeiro domingo 23 de outubro cunha manifestación nacional en Compostela aberta á participación de toda a cidadanía. A marcha, que sairá da Alameda ás 12:30 horas, estará precedida de asembleas de delegados e delegadas da CIG en todas as comarcas, celebrándose a primeira delas este mesmo mércores na Coruña. “Dende a CIG queremos desmontar as falsidades utilizadas para aplicar as políticas de recortes e propor á cidadanía que existen alternativas, pero hainas que enmarcar dentro dun modelo económico e social distinto ao capitalista neoliberal”, resumía Suso Seixo ao inicio da rolda.

Alternativas aos recortes

Dende o inicio da crise económica, a CIG veu alertando que as medidas sociais e laborais adoptadas non ían axudar á saír da situación de recesión e facilitar a creación de emprego, senón que o seu efecto sería contrario, posto que non inciden nas verdadeiras causas da crise. Unha crise financeira na súa orixe e vinculada a unha economía especulativa argallada á marxe da economía real e na que apenas ten peso o sector produtivo.

Neste senso, Seixo criticou que dende o estoupido da crise os estados teñan inxectando enormes recursos públicos á banca, primeiro con achegas directas para a súa recapitalización, e agora permitindo a especulación coa débeda pública, que ten deixado ao borde da quebra a moitos estados. “Os problemas coa débeda pública remataríanse cunha medida tan sinxela como que o Banco Central Europeo comprase á débeda aos estados”, sinalou Seixo, quen criticou que os gobernos europeos e o BCE eviten enfrontar unha decisión deste calado.

O Secretario Xeral da CIG puntualizou que os problemas económicos que poida ter a banca son coa débeda privada e non coa pública. No caso do estado español, a débeda pública representa o 65% do PIB mentres que a privada representa o 217% do PIB. “Se os recursos que se destinan á recapitalizar á banca privada se destinasen á crear unha Banca Pública hoxe as medianas e pequenas empresas, así como as familias, terían a posibilidade de acceder ao crédito e estaríamos nunha situación económica e en materia de emprego totalmente distinta”, aseverou.

Encetando con esta problemática, Seixo cuestionou as medidas aplicadas polos gobernos para reducir o déficit público, medidas todas elas baseadas en recortes do gasto público e a conseguinte perda de calidade dos servizos e do emprego. Pola contra, a CIG propón atallar esta cuestión pola vía contraria: equilibrar os orzamentos incrementando os ingresos.

“Isto supón falar dun cambio na política fiscal, incrementar os impostos á banca, ás rendas máis altas e ás grandes fortunas, recuperar o imposto de patrimonio e sucesións, rematar coa fraude fiscal e cos paraísos fiscais, etc.. Segundo os datos dos inspectores de Facenda, a fraude fiscal no Estado español sitúase nos 66.000 millóns de euros, fraude que nun 71% está cometida pola banca e as grandes empresas”, puntualizou.

A importancia do voto

“Existen políticas alternativas, o que realmente está en crise é este modelo capitalista neoliberal, mais esta cuestión non se quere abordar”, matizou. Ante isto, o Secretario Xeral da CIG adiantou que as eleccións que se celebrarán o 20 de novembro non solucionarán a crise e mesmo advertiu que no caso dunha maioría absoluta do PP, a situación agravarase de xeito considerábel, xa que seus son os principios deste modelo.

Fronte a isto, Seixo animou a cidadanía a participar activamente co seu voto o día das eleccións, co obxecto de conseguir que mude a correlación de forzas no Congreso a favor daquelas organizacións políticas que durante este tempo estiveron opóndose á batería de medidas antisociais e aos recortes e que defenden un modelo económico e social alternativo.