O vindeiro 12 de maio o Movemento Galego ao Socialismo celebrarará, coincidindo cun momento de importante reforzamento organizativo e territorial, a súa 1ª Asemblea Nacional na cidade de Compostela. Nela analisaremos a coxuntura política, caracterizada pola crise capitalista e polas agresións aos nosos sinais de identidade como nación, e definiremos as nosas prioridades políticas e organizativas.

Hoxe a clase traballadora galega e o conxunto das clases populares reciben os maiores ataques ás súas condicións de vida en décadas: nun contexto internacional de ofensiva do capital, sufrimos o progresivo desmantelamento da educación e sanidade públicas, a rebaixa xeneralizada dos salarios, o desemprego masivo e moitas outras conquistas no mundo do traballo que pretenden eliminar, como a negociación colectiva ou as prestacións por desemprego. Para defendernos e reverter todas esas medidas, compre reforzar a participación no sindicalismo nacional e de clase, que non claudica nen se vende e que representa no noso país a CIG. Igualmente, a implicación na totalidade dos movementos sociais, desde o feminismo combativo ao activismo lingüístico, desde a defensa do territorio á loita cultural é cada día máis imprescindíbel para construir no dia a dia a alternativa galega a este estado de cousas.

No plano político, somos moitas e moitos as que vivimos con optimismo aquelas mudanzas existentes na liña política no BNG que apostan novamente polo soberanismo, a esquerda consecuente e pola recuperación da acción social como principais liñas de traballo. Como reacción, asistimos a unha cerimonia da confusión pola operación de abandonos e desprestixio, perfectamente instigada e planificada, que pretende precisamente o rebaixamento ou a eliminación definitiva dese tipo de actuación na sociedade e a anulación do BNG.

Así, hoxe máis que nunca, desde o MGS valoramos a importancia de acelerar a consolidación dun espazo político que aglutine o soberanismo e o independentismo desde a esquerda combativa para consolidar esas mudanzas, desde a lealdade ao BNG e deféndendoo como a mellor ferramenta para conseguirmos a soberanía nacional e a xustiza social. O MGS naceu precisamente nun contexto onde moita militancia do BNG detectábamos que a excesiva priorización do campo institucional non estaba exenta de renuncias e concesións que provocaron un choque con parte importante do tecido e da base social mais conscientes. É pois, a recuperación da liña política claramente soberanista e de esquerdas na que debemos apostar e polo tanto procuraremos reforzar as mudanzas actuais nesa liña e profundizalas.

En consecuencia, facemos un chamado explícito a militantes do BNG, a nacionalistas e independentistas que non fan hoxe parte da fronte, a compañeiros e compañeiras que participan no sindicalismo nacionalista, no movemento estudantil e xuvenil e a activistas sociais, que coincidan nestes criterios, a que participen con nós nesta asemblea e que dean forza a esta aposta política: fortalecer o soberanismo e a esquerda.

Galiza, abril de 2012.