A organización xuvenil Isca! e un grupo de militantes e simpatizantes da nosa organización son os asinantes iniciais dun manifesto que, baixo título de “Máis Alá! – por un cambio de rumbo no nacionalismo galego” está a difundirse entre a militancia nacionalista de cara á Asemblea Nacional do BNG. Nel, resúmese a nosa análise do camiño percorrido polo BNG nestes últimos anos e apreséntanse propostas de futuro para a recuperación dun proxecto nacionalista ilusionante, soberanista e transformador. A seguir, reproducimos o seu contido:

1. A sensíbel perda de apoios electorais do BNG nas recentes eleccións ao Parlamento galego do 1 de marzo, coa conseguinte imposibilidade de seguir a formar goberno na Xunta, coa franquía do PSOE en Galiza, vén de posibilitar a apertura dun debate no seo da nosa organización, hexemónica no campo do nacionalismo galego. Un debate que nós queremos que sexa de ideas, que vaia alén de conxunturas electorais e que contribúa a marcar un novo rumbo político e a facer do BNG un verdadeiro instrumento para a autodeterminación nacional e a emancipación social.

2. Xa nas anteriores eleccións galegas, as de 2005, a importante caída de votos do BNG era reflexo dun estado de cousas nada favorábel aos intereses do nacionalismo galego, que estaba a ser incapaz mesmo de fidelizar case a cuarta parte dos votos obtidos en 1997. Pero naquela altura, a entrada do BNG no co-goberno da Xunta imposibilitou calquera tentativa de debate interno, frustrando unha vez máis as esperanzas dos sectores da organización que, crítica pero responsabelmente, viñamos demandado a apertura dese debate.
Así as cousas, os resultados electorais do pasado 1 de marzo, aínda que non totalmente agardados, tampouco nos poden resultar estraños ao devalar político da nosa organización nos últimos tempos, xa que non son máis que a constatación de que o rumbo que está a levar o BNG está lonxe de ser o idóneo, coa modulación das mensaxes políticas (tanto no contido social como no nacional) e un funcionamento organizativo no que a participación da militancia deixou de ser o eixo central sobre o que ir construíndo as nosas actuacións políticas.
Por iso mesmo, calquera análise que se pretenda realizar do acontecido nas eleccións de marzo non pode ser feita única e exclusivamente á luz do devandito proceso electoral, nin tampouco como avaliación dunha acción de goberno, a do bipartito BNG-PSOE, na que, malia ser a forza minoritaria do Executivo galego, o BNG demostrou sen dúbida unha mellor capacidade de xestión e de iniciativa que o seu socio no Goberno, socio que mesmo chegou a practicar a deslealdade a respecto de diversas iniciativas nacionalistas.
Porén, a falta dunha visión política de longo alcance, por mor do repregue estratéxico do BNG como forza política en torno á “acumulación de forzas no institucional”, impediu que o paso polo goberno autonómico servise para avanzar no proceso de autodeterminación nacional, favorecese o afortalamento de consciencia e comunidade nacional e iniciase a construción doutro modelo de sociedade.

3. Nós pensamos que comeza un ciclo novo para o BNG, un ciclo que debe dar por rematado o actual, no que se desenvolveu por parte da dirección da organización unha calculada estratexia da “moderación”, cuxos resultados á vista están: nin se ampliou a base social, nin se gañaron votantes, nin avanzamos en conciencia nacional.
Esta estratexia da “moderación” vénse aplicando tanto no terreo da reivindicación social, como no da construción nacional, e leva consigo de maneira inseparábel un novo modelo organizativo, menos participativo e horizontal, que paseniñamente se vai instaurando no interior da organización. A aposta feita no seu día en prol dunha Asemblea nacional por delegación, no canto da tradicional Asemblea aberta ao conxunto da afiliación, reflite ben ás claras a intención de acomodar a organización a un esquema que restrinxe fortemente a participación e o debate interno e fai menos horizontal o seu funcionamento. Isto implica un riscos máis que evidentes para un proxecto nacionalista e transformador como o que vén significando historicamente o BNG, xa que un modelo organizativo como o sinalado só consegue a apatía e desmobilización da militancia nacionalista, militancia que é o activo fundamental e insubstituíbel da nosa organización.

4. En nome desta “moderación”, o baixo perfil do contidos do programa co que o BNG concorreu ás pasadas eleccións merece ser posta en relevo: esvaeceron eixos claves do programa como a normalización lingüística, tradicional bandeira do nacionalismo, ou o da procura dunha institucionalización galega que fixera desaparecer as deputacións e empoderar as comarcas, así como a reforma dos medios de comunicación públicos ou dos escandalosos subsidios concedidos aos privados, mesmo en nome dunha inexistente promoción do idioma.
En cambio, iniciativas máis valentes como a creación dunha banca pública galega, a construción dunha rede ferroviaria de proximidades, ou a nacionalización de infraestruturas de comunicación foron adiadas para o futuro, careceron do impulso necesario de cara á súa presentación perante a sociedade galega.

5. A estratexia da “moderación” levou, así mesmo, implícita unha importante despolitización de parte do corpo electoral, social e mesmo militante do BNG, o que é en si mesmo debilita enormemente un proxecto coma o noso, debedor da súa militancia e, xa que logo, interesado coma ningún outro en manter un alto compromiso militante, con xente politicamente formada e capaz de desenvolver socialmente o discurso do BNG fronte aos discursos dominantes.

6. Vimos advertindo, tamén, na liña política e estratéxica do BNG un rebaixamento importante no noso perfil político como organización nacionalista e transformadora. Así, deixaron de estar nun primeiro plano da nosa acción política a reivindicación da soberanía de Galiza, así como aqueles elementos que nos sitúen claramente na esquerda transformadora.
Isto vénse concretando, a nivel práctico, na case desaparición do discurso soberanista, discurso que, por outra parte, o que explica a razón de ser do BNG como organización e que nós entendemos que é o grande debate social que debe abrir o futuro deste país, a chave da liberdade e a xustiza social e o noso maior activo ante o pobo galego. O horizonte estratéxico do nacionalismo galego só pode ser a autodeterminación nacional, isto é, o dereito a decidir colectivamente sobre o destino de Galiza como pobo. Nese sentido, debemos enfrontar como tarefa a construción nacional, alén de ser capaces de consolidar pasos que permitan avanzar nesa dirección.
De igual maneira, desde a dirección do BNG vénse postulando por ocupar un espazo político cada vez máis difuso en canto ao que ten a ver coas coordenadas esquerda-dereita, violentando a posición histórica da organización como forza da esquerda transformadora, o cal resulta inquietante no contexto actual, marcado por unha fonda crise do modelo capitalista neoliberal e por como este modelo viña afectando ao noso país e, nomeadamente, á clase traballadora e ao sectores sociais máis indefensos.
Nese sentido, bótase en falta unha aposta clara por reformas estruturais en beneficio da maioría social e que afonden nun outro modelo económico e social, con medidas tendentes en favor da progresividade fiscal, da paralización e reversión das privatizacións ou por melloras garantidas por lei nos horarios e condicións laborais, etc. Así mesmo, no que a ver coa mocidade, tamén se percibe a limitada capacidade da organización para neste momento oferecer respostas estruturais aos seus principais problemas, o emprego e a vivenda, como se viu nas políticas desenvolvidas desde o goberno da Xunta, que apenas se centraron en ámbitos como o lecer e a sexualidade.
Do mesmo xeito, tampouco se está a atinar cun discurso ecolóxico de noso, que enfronte de xeito decidido as desfeitas ambientais e sociais causadas polos intereses económicos, o que en certa maneira está a proxectar unha imaxe nada favorábel do BNG entre sectores importantes do movemento social, activo e sensibilizado fronte á destrución do territorio.

PROPOSTAS
7. Desde unha formulación crítica pero construtiva, queremos expor unha serie de propostas inmediatas para o futuro do BNG, coherentes coa nosa traxectoria e discurso, que van na seguinte dirección:

· É precisa unha asemblea aberta (se se quere manter a fórmula da delegación nas formas, que cada delegado represente a un militante) na que se integren todas as posicións e na que non se busquen escusas exóxenas, senón que se afonde na raíz dos problemas existentes no BNG, que son de carácter endóxeno e que, por tanto, a súa superación deben estar en mans do conxunto da militancia. Nese sentido, sería importante promover unha modificación estatutaria que pechase a posibilidade de que nun futuro as asembleas nacionais sexan convocadas por delegación, respondendo unicamente á conxuntura interna do momento.

· A devandita asemblea debe impulsar un cambio de rumbo estratéxico do proxecto, que pasa indefectibelmente pola asunción con todas as consecuencias da loita pola hexemonía ideolóxica do país,. promovendo un xiro á esquerda e un maior contido soberanista na proposta política do BNG, para o que é necesario recuperar a capacidade mobilizadora da organización.

· Este cambio de rumbo estratéxico debe ir unido a unha mudanza nos métodos de traballo no seo da organización, estimulando a participación da militancia nas tomas de decisión. De igual xeito, o cambio no rumbo debe levar consigo unha renovación (non só xeracional) nas persoas que deban asumir funcións de maior responsabilidade, comezando coas dos órganos de dirección a nivel nacional.

· Cómpre converter o dereito de autodeterminación nunha reivindicación para xa, posto que representa a única solución plausíbel -que os nacionalistas debemos explicar e popularizar- para contar cunha ordenación territorial propia, para construír un modelo social alternativo e fundamentado na xustiza, para decidir nós sobre a industria, o agro, a enerxía ou a pesca, para preservar o noso ambiente, para normalizar a nosa lingua e para relacionármonos en pé de igualdade co resto do mundo.

· Cómpre, así mesmo, unha reorientación da estratexia política, que supere unha teórica mais imposíbel neutralidade no conflito entre capital e traballo en nome da contradición nacional -que na práctica sempre se orienta cara aos intereses do primeiro- e incardine definitivamente o BNG na esquerda. Dada a profunda imbricación do capitalismo, na súa agresiva variante neoliberal, coa dependencia nacional, e dado que este sistema esquilma o mundo enteiro e nos conduce a unha catástrofe sen precedentes, o nacionalismo do século XXI será forzosamente anticapitalista ou non será. Hai que recuperar a democracia e o internacionalismo e incorporar novas formas de resistencia.

· Cómpre unha nova relación cos movementos sociais, baseada na horizontalidade, na colaboración e respecto mutuo e no recoñecemento da importancia da súa loita e do seu papel como instrumentos para a transformación social.

· Nós pensamos que é o momento de posibilitar a incorporación de todos aqueles sectores e persoas que, ben desde o campo social, ben desde a súa militancia política e/ou persoal, están dispostos a traballar organicamente por un BNG que sexa instrumento para a autodeterminación nacional e a emancipación social.

· É o momento tamén de entender o pluralismo interno dun xeito máis inclusivo e xeneroso, co fin de contribuír a unha maior implicación de todas as persoas e sectores que veñen conformando o BNG, así como daqueles que se vaian incorporando ao proxecto.

· É o momento, en definitiva, de avanzarmos, desde a pluralidade, nun BNG de todos e todas, que afortale a nosa unidade e que alargue significativamente a base militante, co fin de saírmos da actual situación cunha maior cohesión interna e unha tamén maior capacidade mobilizadora.

Estamos a tempo de rectificar, de cambiar o rumbo do BNG e de poñer proa ao futuro para construírmos o nacionalismo do século XXI, un nacionalismo soberanista e transformador, implicado ao máximo na realidade social da nación galega e sentíndose parte da vaga liberadora que comeza a percorrer o mundo desde valores como a xustiza social, a solidariedade, o respecto entre pobos, linguas e culturas, o feminismo e a defensa do medio natural.

Galiza, 20 de marzo de 2009

Asinantes iniciais:

Organización xuvenil ISCA!
José Vicente – Consello Nacional do BNG / Pontevedra
Noa Presas – Consello Nacional do BNG / Ourense
Fidel Diéguez – Consello Nacional do BNG / Noia
Pedro Pérez – Consello Comarcal do BNG de Vigo / Concelleiro en Fornelos de Montes
Roberto Rodríguez – Consello e Executiva Comarcal do BNG de Ourense / Ex-concelleiro
Roi López – Consello Comarcal do BNG de Lugo-Sul
Xulio Fernández – Militante do BNG en Melide
Laura Arjonilla – Consello Local do BNG de Compostela / Responsábel Local de Galiza Nova
Xaquín Agulla – Militante do BNG en Poio / Membro do Consello Confederal da CIG
Pilar Rodríguez – Consello Local do BNG de Vigo
Antonio Somoza – Militante do BNG en Lugo / Ex-concelleiro
Paula Castro – Militante do BNG en Ames / Ex-Responsábel Comarcal
Enrique Yáñez – Militante do BNG en Celanova – Responsábel Local de Galiza Nova
Anxo Noceda – Consello Local do BNG de Compostela / Secretario Comarcal da CIG
Luis Borrajo – Militante do BNG en Maceda
Uxío-Breogán Diéguez – Consello Comarcal do BNG de Muros-Noia
Héctor López de Castro – Militante do BNG en Compostela
Antolín Alcántara – Militante do BNG en Vigo / Executiva Confederal da CIG
Rafa Villar / Militante do BNG en Compostela

[descarga en pdf]