Sr. Director de Galicia Confidencial,

O seu medio publica, baixo o título “A Asemblea Nacional do BNG terá tres listas” (http://galiciaconfidencial.com/nova/9468.html) unha noticia que contén referencias inexactas e prexudiciais para o Movemento Galego ao Socialismo (MGS). Por tal motivo, e en exercicio do dereito regulado na Lei Orgánica 2/1984, do 26 de marzo, é procedente facer as seguintes rectificacións:

En primeiro lugar, afírmase na noticia que existe unha porcentaxe mínima (que cifran no 10%) para facer parte da Executiva Nacional. Isto é rotundamente falso, dado que os quince membros do organismo se reparten por proporcionalidade directa, sen ningún tipo de limitación.

En segundo lugar, dise literalmente que “desde o MGS non descartan que esta posibilidade volva a acontecer tamén nesta asemblea e que este movimento acabe apoiando a candidatura que lideran Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera.”. O MGS en ningún momento afirmou tal cousa. De feito, a posibilidade de presentar candidaturas conxunta con calquera outro colectivo organizado dentro do BNG está absolutamente descartada toda vez que non foi posíbel presentar unha única candidatura de consenso.

Agardando que proceda a rectificar tales referencias inexactas coa maior brevidade, enviámoslle un cordial saúdo.

Atentamente,

Responsábel Nacional de Comunicación do MGS