Breixo Lousada, responsábel de comunicación do MGS, presentou o 14 de xaneiro en rolda de prensa os documentos que se debaterán no Encontro Nacional convocado para o próximo día 30. Lousada, que compareceu acompañado por diversos membros da xestora nacional, explicou que nesa xuntanza se definirá o modelo organizativo, o papel desta organización no seo do BNG e a relación cos movementos sociais actuantes no país.

O MGS pretende seguir reforzando unha liña soberanista e inequivocamente de esquerdas dentro dun BNG plural e participativo, no que se preserve o seu carácter frontista e asembleario. Neste sentido, o MGS entende que o BNG debe dar cabida a todas as sensibilidades internas, fronte á perigosa tendencia cara ao biparidismo á que se encamiña na actualidade.

O MGS tamén debaterá sobre a necesidade de impulsar un maior achegamento do BNG aos movementos sociais, desde o recoñecemento e o respecto mutuo. Nese sentido, entre as liñas de traballo polas que pulará será pola dinamización dun movemento popular en todos os ámbitos para facer fronte ás políticas regresivas que o PP está a desenvolver desde o goberno galego. Na mesma liña, reforzará o seu traballo no seo do sindicalismo nacionalista, representado pola CIG, ao que se lle recoñece un papel central en todo este proceso.

O MGS confirmou que ten a intención de constituírse, nun futuro, en corrente no seo do BNG malia non ser este un dos temas a debate no encontro nacional convocado para o día 30.